Sandiás

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°6′40″N 7°45′24″O / 42.11111, -7.75667

Sandiás
Escudo de Sandiás
Portada manuelina de santo Estevo de Sandiás (S. XVI)
Situación
Xentilicio[1]sandiao
Xeografía
ProvinciaProvincia de Ourense
ComarcaComarca da Limia
Poboación1.134 hab. (2023)[2][3]
Área52,8 km²[3]
Densidade21,48 hab./km²
Entidades de poboación3 parroquias[4]
Capital do concelloSandiás
Política (2023 [5])
AlcaldeFelipe Traveso García (AGRELSAN[6])
Concelleiros
PPdeG: 2

Outros: AGRELSAN 7
Eleccións municipais en Sandiás
Uso do galego[7] (2011)
Galegofalantes89,97%
Na rede
http://www.sandias.es
Facebook: ConcellodeSandias Instagram: concellodesandias Youtube: UCuilq9q-vuZ0ANNeMit8gjg Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Sandiás é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Limia. Segundo o IGE tiña no ano 2023 1.134 habitantes (1.749 habitantes en 1996, 1.584 en 2004, 1.307 habitantes en 2015, 1.170 habitantes en 2022). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «sandiao».

Situación[editar | editar a fonte]

O concello de Sandiás está situado no sueste da provincia de Ourense formando parte da comarca natural da Limia. Ten unha superficie de 53 km² e ocupa, en gran parte, as terras da desecada lagoa de Antela. Limita polo norte cos concellos de Allariz e Xunqueira de Ambía, polo sur co de Xinzo de Limia, polo leste con Xinzo de Limia e Sarreaus, e polo oeste con Vilar de Santos.

As principais vías de comunicación constitúenas a estrada nacional N-525 e a autovía A-52, que atravesan o concello en sentido noroeste-sueste.

A súa capital municipal dista da cidade de Ourense 33 km, 6 km da vila de Xinzo de Limia e 13 km da vila de Allariz.

Socioeconomía[editar | editar a fonte]

Este concello tiña no ano 2023 unha poboación de 1.134 habitantes distribuídos en 18 núcleos de poboación que se agrupan en tres parroquias: Couso de Limia, Piñeira de Arcos e Sandiás.

É un municipio que se caracteriza por ser esencialmente agrícola, o seu principal cultivo é a pataca. Neste concello dáse unha clara contraposición entre a parte noroccidental, montañosa, dedicada á produción forestal, e as restantes, chans, dedicadas a cultivos agrícolas. Proba da súa orientación cara a cultivos agrícolas é o aproveitamento do 50% das terras labradas. O concello de Sandiás xunto co de Xinzo de Limia, abranguen o 88% do total da superficie comarcal dedicada ó cultivo da pataca por agricultores a título principal. As súas explotacións teñen maior tamaño cás que son habituais en Galicia debido ás grandes parcelas produto do desecamento da lagoa de Antela e á concentración parcelaria posterior. O nivel de mecanización é un dos máis altos de Galicia.

Nos derradeiros anos destaca a súa orientación cara á gandería intensiva coa construción de numerosas granxas pertencentes ó grupo empresarial COREN. É tamén coñecido pola industria extractiva de áridos, xa que a práctica totalidade das areeiras da Limia se sitúan neste concello. Esta area é moi apreciada para a construción e fornecen toda Galicia e o norte de Portugal.

Neste concello atópase o Centro Ecuestre de Antela, pertencente á Deputación de Ourense, onde se celebran competicións hípicas.

Historia[editar | editar a fonte]

Os primeiros sinais de poboación destas terras sitúannos nos poboados lacustres (palafitas) da lagoa de Antela, que foron estudados polo investigador Conde-Valvís nos anos 50. Conde-Valvís fálanos dos achados de tres poboados palafíticos de 58, 56, e 36 habitacións respectivamente cada un, coñecidas popularmente como ¨cortellos¨, que nos demostran a gran concentración de habitantes nesta zona. Estes poboados estarían situados no espazo que abrangue dende Sandiás ata Cortegada (dous deles fronte a Zadagós e a Cardeita).

Máis tarde, na Idade dos Metais, os poboados castrexos asentaríanse nos montes do Castro, preto de Sandiás, e no monte Pendón preto de Piñeira de Arcos.

Na romanización atravesaba o concello a Vía XVIII ou Vía Nova, unha das vías romanas de máis importancia do noroeste da península que unía as cidades de Bracara (Braga) e Asturica (Astorga), as cidades máis populosas do noroeste da Hispania.

Do paso desta vía quédannos os miliarios de Vilariño das Poldras e de Zadagós. O Itinerario de Antonino do século III fai mención da mansión Geminas, parada de postas e hospedaxe, que se situaría no actual Sandiás.

A proba da gran romanización da Limia sería a canalización da lagoa de Antela, a través dun emisario principal e dunha tupida rede de pequenas canalizacións das que aínda se poden observar os restos en forma de U na área recreativa da canle da lagoa.

Da invasión dos suevos e dos pobos xermánicos só quedan lembranzas na toponimia como no caso de Sandiás, un topónimo derivado dos invasores –vén do xermánico Sánd-ila– que significa ¨verdadeiro¨.

Na Idade Media son continuas as loitas entre Afonso VII de Castela e León e Afonso I de Portugal pola posesión do condado da Limia. Será seguramente no contexto das loitas fronteirizas do século XII cando se constrúa o castelo de Sandiás sobre o predio do antigo castro. Este castelo participou nas loitas pola separación de Portugal, nas continuas liortas nobiliarias, e o levantamento dos Irmandiños. Boa parte da súa función referíase ó control dos viaxeiros e mercadorías da encrucillada de camiños que era a Limia Alta.

Atravesaba o concello a Vía da Prata empregada polos peregrinos do sur de España e os procedentes do camiño portugués de Chaves e Vila Real.

Na Idade Moderna sufriu, coma toda a zona fronteiriza, as consecuencias das loitas con Portugal, e tivo que soportar as levas forzosas de homes para a guerra e contribuír ó sostemento das tropas na raia.

A finais do século XVII e no XVIII os fidalgos comezan a construír e a remodelar, a maioría dos pazos e casas grandes (O Penedo, O Telleiro, O Espido...). Os fidalgos, xunto co clero, desempeñaron un papel fundamental na sociedade campesiña galega dende comezos no século XVI ata o século XIX.

No século XVIII, a economía baseábase na agricultura. Tendo grande importancia o cultivo do liño que constitúe a base dunha importante industria téxtil artesá, formada por 54 tecedeiras e 7 xastres segundo o Catastro de Ensenada, que lles reportaba importantes ingresos ás familias labregas, non obstante, a introdución dos novos tecidos de algodón reduciu esta produción ó autoconsumo.

O señorío de Sandiás tivo numerosas transmisións destacando como posesión do conde de Benavente, avanzada da nobreza castelá sobre Galicia. Piñeira de Arcos foi sometida a xurisdición do conde de Maceda e Zadagós era xurisdición do bispo de Valladolid.

Casa do Concello.

No primeiro terzo do século XX, tiveron unha forte implantación no concello o agrarismo e as ideas republicanas. En 1910 o político conservador Eduardo Cea Naharro agochou na súa casa desta localidade (Pazo do Telleiro Couso de Limia) ao conspirador monárquico Henrique Mitchell de Paiva Couceiro, que nos seguintes anos recrutou e mantivo a voluntarios portugueses armados pola raia seca para lanzar varios ataques contra a acabada de nacer primeira república portuguesa.

Xa na ditadura de Francisco Franco o feito máis salientable foi o desecamento da lagoa de Antela a partir da Lei de 27 de decembro de 1956, que supuxo unha das poucas actuacións de ordenamento agrícola do franquismo en Galicia, ademais dunha transformación radical na fisionomía do territorio e nas súas condicións ambientais.

Co gallo dos cincuenta anos do comezo das obras de desaugamento da lagoa de Antela (1958-2008), o Concello de Sandiás puxo en funcionamento a Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela). Neste centro preténdese dar a coñecer dunha forma didáctica a historia da lagoa de Antela, a través dun percorrido que abrangue dende a formación da antiga lagoa de Antela, o seu desecamento, ata a actualidade coa recuperación medioambiental das antigas areeiras.

En 2007 o concello publicou a revista A Torre do Castro, que cesou en 2014.

Demografía[editar | editar a fonte]

Censo total 1.307 (2015)
Menores de 15 anos 86 (6.58 %)
Entre 15 e 64 anos 692 (52.95 %)
Maiores de 65 anos 529 (40.47 %)
Evolución da poboación de Sandiás   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
2.388 2.749 3.407 2.481 1.585 1.466 1.391 1.342 1.316 1.297 1.307 1.286 1.261 1.213 1.206 1.198 1.181 1.170 {{{19}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Sandiás.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Sandiás

Couso de Limia (Santa María) | Piñeira de Arcos (San Xoán) | Sandiás (Santo Estevo)

Lugares de Sandiás[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Sandiás vexa: Lugares de Sandiás.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2023) "Sandiás".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2023" (en castelán). Consultado o 21 de xuño de 2023. 
  6. "El PSdeG gobernará sobre 1,2 millones de gallegos, el PP a 667.000, y el BNG a 360.000". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 21 de xuño de 2023. 
  7. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]