Piñor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°29′52″N 8°0′18″O / 42.49778, -8.00500

Piñor
Escudo de Piñor
Casa do concello de Piñor.
Situación
Xentilicio[1]piñorense
Xeografía
ProvinciaProvincia de Ourense
ComarcaComarca do Carballiño
Poboación1.151 hab. (2023)[2][3]
Área52,7 km²[3]
Densidade21,84 hab./km²
Entidades de poboación7 parroquias[4]
Capital do concelloPiñor
Política (2023 [5])
AlcaldeJosé Luís González Rodríguez (PPdeG[6])
Concelleiros
PPdeG: 7

Outros: ESCO: 2
Eleccións municipais en Piñor
Uso do galego[7] (2011)
Galegofalantes91,31%
Na rede
http://www.pinor.es
editar datos en Wikidata ]

Piñor é un concello da provincia de Ourense, pertence á comarca do Carballiño. Segundo o IGE en 2014 tiña 1237 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «piñorense».

Poboación[editar | editar a fonte]

Censo total (habitantes) 1237 (2014)
Menores de 15 anos 58 (4,69 %)
Entre 15 e 64 anos 693 (56,02 %)
Maiores de 65 anos 486 (39,28 %)
Evolución da poboación de Piñor   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
3.932 3.373 3.611 2.293 1.505 1.401 1.386 1.362 1.322 1.280 1.237 1.232 1.172 1.140 {{{15}}} {{{16}}} {{{17}}} {{{18}}} {{{19}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia[editar | editar a fonte]

Prehistoria[editar | editar a fonte]

Hai restos da cultura megalítica que mostran que xa había presenza humana na prehistoria, como son diversas mámoas, xa referenciadas no Diccionario de Madoz (1847) ao falar da parroquia do Desterro[8].

Da cultura castrexa consérvanse un castro preto da aldea de Guimarás, na parroquia da Canda. O asentamento non foi escavado, pero si catalogado e explorado por Florentino López Cuevillas, que o incluíu no "Catálogo dos castros da Terra do Carballiño" publicado na revista Nós co nome de Outeiro do Castro. Fala dun castro de pequenas dimensións (64 m de longo por 54 de ancho) emprazado ás beiras do río Mirela (chamado nestre tramo río do Castro), o cal lle serve de defensa natural.

Romanización[editar | editar a fonte]

Da época da romanización, tamén segundo Florentino Cuevillas, foron atopados a comezos do século XX tres canos de 60 cm de longo feitos de pedra e ladrillos, a 1 km aproximadamente do castro de Guimarás, na parroquia de Barrán. Segundo o autor, posiblemente estaban destinados á condución de augas, podendo formar parte dalgunha vila romana.

Antonio Rodríguez Colmenero cita na súa obra Galicia Meridional Romana que certos topónimos como Barrán e Fontao poderían suxerir a existencia de asentamentos romanos, así coma Grovas. Nesa mesma obra relaciónase o topónimo A Canda coa minería romana, e as poboacións de Arenteiro e Arenteiriño (Barrán) poderían estar relacionadas coa explotación de prata, ben na romanización ou ben nunha época posterior.

Noutra obra do mesmo autor, La red viaria romana del suroeste de Galicia fálase dunha calzada romana que sairía de Portela do Home cara ao Carballiño, atravesando os ríos Homem e Limia e as localidades de Entrimo, Arnoia e Ribadavia. Unha vez no Carballiño, a calzada podería dirixirse ou ben cara á vía que foi aproveitada para construír a actual estrada entre Ourense e Santiago de Compostela, ou ben cruzar o concello de Piñor para dirixirse por Oseira e Confurco cara a Lugo.

Idade Media[editar | editar a fonte]

O autor Miguel Romaní fala da historia no concello durante a Idade Media nas obras Colección diplomática do Mosteiro de Oseira e Catálogo del archivo Monacal de Osera en 1629. Daquela a configuración parroquial era algo diferente (aínda non existían as de Torcela e Barrán), e xa aparecen mencionadas as pontes de Mirela e Arenteiro.

Na obra Los caminos medievales de Galicia, Elisa Ferreira Priegue menciona que había varios camiños atravesando a zona, o máis importante deles o que unía Ourense e Santiago de Compostela, que pasaba por Cudeiro, Tamallancos, Ponte Sobreira, Sobreira, Faramontaos, Viduedo, Casas Novas, Cea, Piñor, Ponte Arenteiro e Carballeda antes de continuar cara á comarca do Deza. Vicente Risco achega máis datos en Geografía del Reino de Galicia, apuntando que dende Cea o camiño atravesaba Ponte Cotelas, Canda, Ponte Mirela, Barrán, Piñor e Carballeda. Á beira desta vía naceron as poboacións de Mirela, Senderiz e Piñor. Outros camiños, configurados en base á vía principal, eran o que atravesaba a Canda por Guimarás para chegar a Oseira, e o que partía da ponte do Arenteiro cara a Castro de Vence, remontando o río Arenteiro pola marxe esquerda.

O mosteiro de Oseira adquiriu terras e propiedades nas parroquias de Piñor moitas mediante doazóns e compras, que eran aforadas a cambio dunha renda. Para recoller estas rendas, e asegurarse de que as terras fosen ben traballadas, o mosteiro contaba, segundo o Rotello Vello, un tumbo de século XIV, cunha serie de mordomos distribuídos polas parroquias. O produto máis cultivado era o centeo. Na parroquia de Loeda impulsouse o cultivo da vide.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Entre o patrimonio relixioso do concello, cabe salientar a igrexa parroquial de San Mamede da Canda[9]. É unha sinxela igrexa de nave única con fachada coa porta adintelada con pilastras aos lados que sosteñen un frontón triangular cuxas puntas non chegan a unirse. O exterior da cabeceira da igrexa está decorado por un magnífico crucificado, procedente dun cruceiro. No seu interior hai unha cuberta de madeira e unha pequena capela documentada no ano 1668 a cal se accede por un marco de medio punto no que está labrado o escudo dos señores do pazo de Reda, os donos da capela. A igrexa conta con diversos retablos barrocos, entre os que destaca a Virxe da Asunción, e con diferentes obxectos de prata, como unha cruz parroquial e un copón do Renacemento. De magnífica cantería, cóbrese por bóveda con contrafortes angulares. Ten unha pequena xanela, a modo de bufarda en derramo[10].

Dentro do patrimonio civil, cabe salientar o local da asociación dos veciños de San Mamede[11], inaugurado no ano 1931 e actualmente rehabilitado. Este edificio consta de dous andares de forma rectangular. A fachada principal ten como elemento dinamizador un balcón en saínte cunha varanda metálica. Os balcóns e portas son de forxa e teñen motivos decorativos vexetais. Inda que hai unha placa no local coa inscrición «Propiedad de la sociedad cultural Hijos de la Parroquia de San Mamed de la Canda en Buenos Aires». foron os veciños os que construíron o edificio. Na planta baixa situábase a vivenda do mestre e no primeiro andar estaban as dúas aulas, para nenos e nenas, onde se impartían as clases lectivas. No exterior existía un terreo que era usado como horta, onde os alumnos facían prácticas agrícolas.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Piñor.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Piñor

Barrán (San Xoán) | A Canda (San Mamede) | Carballeda (Santa María) | Coiras (San Xoán) | A Corna (Santa María do Desterro) | Loeda (San Paio) | Torcela (Santiago)

Lugares de Piñor[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Piñor vexa: Lugares de Piñor.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2023) "Piñor".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2023" (en castelán). Consultado o 21 de xuño de 2023. 
  6. "El PSdeG gobernará sobre 1,2 millones de gallegos, el PP a 667.000, y el BNG a 360.000". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 21 de xuño de 2023. 
  7. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  8. Madoz, Pascual (1847). "DESTIERRO ó CORNA". Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (en castelán) VII. Madrid. p. 381-382. 
  9. "Iglesias". Concello de Piñor. Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2021. Consultado o 08 de agosto de 2021. 
  10. Limia de Gardón, Francisco Javier (2011). "La construcción de la Capilla Mayor de la Iglesia de San Mamede da Canda por el arquitecto y escultor Francisco de Castro Canseco". Dialnet (13): 211–224. ISSN 0214-4964. 
  11. "As escolas da emigración". Consello da Cultura Galega. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]