Padrenda
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | provincia de Ourense | ||||
Capital | San Roque de Crespos | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.614 (2023) (28,32 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 57 km² | ||||
Altitude | 340 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Manuel Pérez Pereira | ||||
Eleccións municipais en Padrenda | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 32... | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 32056 | ||||
Páxina web | concellodepadrenda.com |
Padrenda é un municipio pertencente á comarca da Terra de Celanova, ao oeste da provincia de Ourense, a 340 metros de altitude. Preto do Baixo Miño, o termo ten 57 km². Segundo o IGE no ano 2015 tiña 1.912 habitantes (2.530 en 2003).
Poboación
[editar | editar a fonte]Censo total | 1.912 (2015) |
---|---|
Menores de 15 anos | 132 (6.90 %) |
Entre 15 e 64 anos | 1.006 (52.62 %) |
Maiores de 65 anos | 774 (40.48 %) |
Evolución da poboación de Padrenda Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
4.142 | 4.038 | 4.887 | 5.041 | 2.479 | ||||||||||||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Historia
[editar | editar a fonte]Os restos de poboamentos humanos máis antigos do concello datan de hai 5.000 ou 4.000 anos, con diferentes asentamentos megalíticos con túmulos sepulcrais á beira do río Miño e nas mámoas da Bandexa.
Da alta idade media quedaron sepulcros baixo a praza de San Roque, en Crespos, e a toponimia de lugares como Desteriz ou Esmoriz, debidos seguramente a algún posuidor suevo.
Nos séculos XI e XII o mosteiro de Santa María de Fiães (pertencente ao concello portugués de Melgaço) dispuña de grandes terreos na zona, ben por doazóns, ben por adquisicións. Nun documento de 1240 do Tombo do mosteiro dise:
In Dei nomine. Notum sit omnibus tam presentibus quam futuris quod ego Michael Martini et uxor mea Marie Genesii cum filiis et filabus nostris scilicet Petro Fernandii et Marina Fernandi et Martino Fernandi facimus cartam venditionis et fimitudinis tibi Iohani Alfonsi cognato meo de nostra hereditate quam habemus in villa que dicitur Pradaneda et vocatur ipsa hereditas in loco qui vocant Barral sub aula Sancti Cipriani pro L sl… et ego M. Martini una cun uxore mea accepimus a te duo soldos et medium pro roboratione… Facta carta venditionis sub e.ª M.ª CC.ª LXX.ª VIII.ª Regnante in Legione rege domno Fernando. Tenente Castellum Sancte Crucis Martino Velasci. In Auria episcopo domno Laurentio. Qui presentes fuerunt: Alfonsus Martini clericus ts. Pelagius Martini ts. Suerius Petri ts. Petrus Martini ts. Petrus Garsie prior ts. Pelagius qui notuit.
O mosteiro de San Pedro de Ramirás no século XIII tamén quixo facer valer os seus dereitos sobre vellas posesións en Grixó e A Torre.
Desde finais do século XIV as terras pertenceron ó mosteiro de Celanova, que concedía foros ós veciños da localidade. Na parroquia de Monte Redondo existía un priorado Bernardo (da orde do Císter), como testemuñan varios documentos:
...año de 1466 Francisco...recibe en fuero el lugar da granja...;
año de 1505 lugar da granja a Gonzalo en fuero...
en 1619 el monasterio de Celanova cede en foro a Antonio Alvarez da Granja, vecino de Monterredondo los bienes siguientes, casa, corral...
Segundo Manuel Murguía, o 12 de novembro de 1836 este convento de bernardos pasou a ser parroquial por Real Orde.
Xa na idade media estas terras eran paso común dos peregrinos portugueses que querían pasar por Ribadavia facendo o camiño de Santiago, a través dunha vía romana perpendicular á Vía XVIII por Pontedeva, Carreira e Ponte Barxas. Facendo esta ruta, a raíña Isabel de Portugal parou na capela de Santa Isabel (Lordelo).
Debido a este tráfico de peregrinos, no Condado creouse un Hospital de Peregrinos, do que aínda se conserva o seu Lauda con cruces ós dous lados. O Hospital pertencía aos Cabaleiros Templarios da orde de San Xoán de Xerusalén. No século XI e XII este territorio foi un lugar que afrontaba os ataques do reino de Portugal contra o reino de Galiza, sendo necesaria a protección dos peregrinos.
Este Hospital deixou o topónimo da freguesía de Santa María do Hospital do Condado, como se ve en varios foros antigos:
...año de 1448 Julio do condado recibe en foro el cas1 do condado en Sta María do ospital pte...e polo vigueiro de bogon con rego do ospital.
año de 1565... Estevan fernandez rezive en foro el cas1 do condado en Sta María del hospital de diezisiete fanegas en semiente, pte con bigueiro de labandeyra...
Así mesmo, hai constancia toponímica doutro hospital preto de Santa María de Vilar. Este hospital converteuse en cuartel militar durante a guerra civil española.
Durante a idade media construíronse outras fortalezas en Desteriz, O Castelo (Bandexa), ou Grixó (actualmente recuperada como casa de turismo rural) que aínda conserva unha torre, e que se documenta como levantada entre 1580 e 1660, durante a guerra da independencia portuguesa en tempos de Filipe II de España. Esta rede de fortalezas estaba comunicada pola Verea de Milmanda, con pontes e pontillóns coma a de Esmoriz, xa mencionada en foros cara 1620, ou a de Vos Liños. Esta Verea comunicaba co alcázar de Milmanda.
En 1545 houbo un preito entre o mosteiro de Celanova e Urraca de Moscoso sobre a xurisdición de Padrenda.
En 1487, constatado nun documento referente a unha visita pastoral, a antiga división eclesiástica repartíase entre Arcedianatos, Chantrías, sección á que pertencía Crespos ou A Torre, e como tal debían pagar Chantre e fregueses.
No século XVII, coa chegada do millo desde América, construíronse muíños en moitos dos ríos e regatos do concello, seguindo algún deles en funcionamento. Tamén nesa época se construíron bastantes hórreos.
No catastro de Ensenada, de mediados do século XVIII, sinálase o seguinte:
...este territorio era de señorío, jurisdición del Marques de Malpica y Mancera, Conde de Gondomar quien ponía corregidor y justicia ordinaria; también teniente corregidor quien despachaba sus títulos. Lo mismo hacía con las escribanías de número, sin que por ello percibiese derechos algunos.
Este marqués tiña o dereito de Luctuosa. Percibía ademais dereitos de vasalaxe (190 reais de billón, e 18 reais e 17 marabedís por San Xoán). Tamén recibía o pago da Alcabala nova e o da Alcabala vella, que sufragaban ao devandito marqués de Malpica por concesión real, e que supoñía uns ingresos de 826 marabedís vellos ao ano.
Sinalaba tamén que debían pagar o décimo, a primicia e o de Pascua, nunha proporción considerablemente alta por froitos, colleita e gando.
A maioría das igrexas e templos foron construídas entre finais do século XVII e o XIX, substituíndo estes templos barrocos ós máis antigos, posiblemente de orixe románica.
A principios do século XIX as terras pertencían ós concellos da Torre e Desteriz, pertencentes ó partido xudicial de Bande. Unificáronse en 1836 baixo o nome de Padrenda, aínda que seguiu sendo coñecido polo nome de Milmanda.
Durante a guerra civil o concello foi lugar de paso cara Portugal. Por Ponte Barxas escaparon perseguidos como Desiderio Comesaña ou Ubaldo López. Logo da guerra civil esta terra coñeceu o contrabando (ou "Ramboya"), que posibilitou a supervivencia dos seus veciños ante a fame e a escaseza, a pesar do risco da presenza da Garda Civil, que non só requisaba o material, senón que chegaba a matar. Este contrabando levábase a cabo coa vila de Castro Laboreiro. Mostra del é o pasodoble "A Ramboya", que axiña foi coñecido polo sur de Galiza.
Economía
[editar | editar a fonte]No concello cultívase millo, patacas, árbores froiteiras e vides. Existe gando vacún e porcino. Hai unha canteira de granito e unha central hidroeléctrica na Frieira. Existen tamén manufacturas da madeira, habendo carballos, piñeiros e castiñeiros.
Festas
[editar | editar a fonte]- San Cibrao: Na aldea de Lavandeira, a festa na segunda quincena do mes de setembro.
- San Xoán de Crespos: a tradición é coller os carros de madeira da veciñanza e deixalos colgados do carballo situado na praza da aldea.
- Santa María Madalena: Na aldea de Freáns.
- A Asuncion en Monterredondo
Turismo
[editar | editar a fonte]Pódese gozar dunha viaxe en catamarán á beira do Miño, así como rafting e pontismo. Dentro da caza destacan a do coello e a do xabarín, e na pesca, a troita e a anguía.
No núcleo urbano atópase a igrexa de San Roque.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Padrenda.
-
Igrexa de Desteriz
-
Vista de Ponte Barxas
Parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Padrenda
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Padrenda vexa: Lugares de Padrenda.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Padrenda |