Fernando VII

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fernando VII

Fernando VII de España, nado en San Lorenzo de El Escorial o 14 de outubro de 1784 e finado en Madrid o 29 de setembro de 1833, foi rei de España, fillo de Carlos IV e de María Luísa de Parma

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Chegada ao trono e Abdicacións de Baiona[editar | editar a fonte]

Fernando aborrecía á súa nai e ao seu favorito, Manuel Godoy. Dende moi pequeno Fernando xa conspirara contra os seus pais e contra Godoy. En torno ao Príncipe de Asturias formárase un núcleo opositor formado por membros da alta nobreza que perseguían que Godoy non chegase ao trono como se viña supoñendo, por iso en 1807 levouse a cabo a primeira conspiración. Por causa dun descuido, esta conspiración foi descuberta polo que Fernando foi xulgado no denominado Proceso de El Escorial. O príncipe denunciou a todos os implicados e pediu desculpas aos seus pais, máis tarde o tribunal absolveu a todos os implicados.

En marzo de 1808, coa presenza de tropas francesas no territorio español, a corte real trasladouse a Aranjuez, como parte dun plan de Godoy para trasladar a familia real a América. O día 17 dese mesmo mes, o pobo ataca o pazo do Príncipe da Paz. Aínda que Carlos IV salvou a vida do seu favorito, tivo que abdicar en Fernando o 18 de marzo, estes feitos son coñecidos como "Motín de Aranjuez".

Tras este motín, Fernando volveu á Corte, onde foi aclamado polo pobo de Madrid. Porén, as tropas francesas xa ocuparan Madrid o día anterior (23 de marzo). O rei destronado e a súa dona pasaron a estar baixo protección de Napoleón. Este invitou a Fernando a reunirse con el, ao que accedeu con esperanza de que o emperador o apoiase como rei de España. Nun principio a reunión ía ser en España, pero logo pasou a celebrarse en Baiona. Chegaron a Baiona o 30 de abril, mentres que en Madrid o pobo comezaba a loitar contra os franceses. Os fitos do 2 de maio de 1808 marcan o inicio da Guerra da Independencia española.

Durante a reunión en Baiona, Carlos IV afirma que a renuncia ao trono producida tras o "Motín de Aranjuez" era nula, polo que pedía que lle foran devoltos os seus dereitos como rei, pero logo cédellos a Napoleón a cambio de asilo político en Francia así como unha pensión de 30 millóns de reais anuais. Cando chegaron a Baiona as noticias de que Madrid se levantara en contra dos franceses, Napoleón ordenou a Fernando que recoñecese ao seu pai como lexítimo, a cambio dun castelo e 4 millóns de reais de pensión anual, aceptou. A coroa de España recaeu en Napoleón, o cal lla deu ao seu irmán José Bonaparte que reinaría como José I. Este complicado traspase da coroa española coñécese como "Abdicacións de Baiona".

Estas abdicacións no son soamente un cambio político de dinastía, senón que Napoleón proclama que España encontrase fronte a un cambio de réxime, cos beneficios dunha constitución sen necesidade dunha revolución. Napoleón convocou unha reunión de notables españois en Baiona (fracaso para Napoleón xa que soamente acudiron á cita 75 dos 150 notables), esta reunión coñeceríase máis tarde como "La Junta española de Bayona", nas nove sesións desta xunta debateuse o proxecto de Napoleón para unha nova constitución española que se aprobou en xullo de 1808 denominada Constitución de Baiona.

Mentres, Fernado viu como Napoleón non cumpría a súa parte e internou a Fernando co seu irmán Carlos e o seu tío Antonio no castelo de Valençay. Fernando permanecería alí até o final da Guerra da Independencia.

Non obstante, a condición de prisioneiro de Napoleón creou en Fernando o mito de "O desexado", vítima inocente da crueldade napoleónica. Incluso as cortes de Cádiz que aprobaran a constitución de 1812 vían que Fernando VII era o lexítimo herdeiro da coroa española.

Regreso a España[editar | editar a fonte]

Fernando VII cando era Príncipe de Asturias (Metropolitan Museum of Art, New York)

En decembro de 1813 Napoleón firmou a paz con Fernando, no denominado Tratado de Valençay, e Fernando quedou en liberdade. Fernando volvería a España por terras de Girona 1814 e dende alí dirixiuse a Valencia, onde apoiado polo xeral Elio, emitiu un decreto o 4 de maio de 1814 que implicaba un golpe de estado pola súa parte, derogando a Constitución de 1812 e restaurando o absolutismo.

Comezou, entón, unha persecución aos máis liberais, mentres que se facía imposible a reconquista das antigas colonias americanas que facía que España fose soamente unha gran potencia europea. Para frear esta situación confiouse o poder a un equipo moderado de políticos (León e Pizarro e Garay), pero esta resistencia durou dous anos 1816 - 1818.

Restaurada pois, outra vez a monarquía absolutista, Fernando casou por segunda vez con María Isabel de Braganza con quen tivo unha filla que morreu aos poucos meses, máis tarde morrería Isabel. Casaría por terceira vez con Josefa Amalia de Saxonia.

Reinado absolutista[editar | editar a fonte]

Retrato de Fernando VII pintado por Goya

Dende o ano 1814 producíranse en España intentos de Golpe de Estado fracasados, estes intentos, acabaron en sangue. Non tiña tampouco moito futuro o levantamento do tenente coronel Riego realizado en 1820, pero este levantamento obrigou a Fernando xurar a Constitución de 1812 (9 de marzo de 1820), e a anunciar o seu propósito de "Marchar por la senda constitucional". Esta boa vontade frustrouse ante a incapacidade do rei de reinar nun réxime constitucional, produciuse unha radicalización do goberno e Fernando pediu axuda aos soberanos da Santa Alianza, quen puxeron en mans de Francia a desaparición do réxime liberal español.

Tras isto, un exército denominado dos Cen Mil Fillos de San Luís, invadiu a península (abril 1823). Ante o perigoso avance dos franceses a Corte trasladouse a Sevilla co rei, máis tarde deixárono marchar e logo os deputados fuxiron (previa represión). Despois de volcer ao poder absoluto (1 de outubro de 1823), Fernando non fixo caso das promesas anteriores e comezou unha nova e violenta represión.

Comezaba así a denominada Década Ominosa que se caracteriza por unha política absolutista até o seu extremo. Pero os problemas chegáronlle.

Os sectores apostólicos, ao ver que Fernando non reinstauraba a Inquisición retiráronlle o apoio para apoiar ao infante Carlos.

Morta a súa terceira dona, cásase coa súa sobriña María Cristina de Borbón e deste matrimonio nace a infanta, a futura Isabel II. Nacida Isabel, as esperanzas dos apostólicos do reinado de Carlos víanse ameazadas, pero en 1832 mentres o rei parecía estar a morrer intentaron un golpe contra o pazo real, que asegurara o reinado de Carlos. Fracasado o intento, Carlos marchou a Portugal e a insurrección carlista comezou inmediatamente.

Coa morte de Fernando, María Cristina converteuse en rexente iniciando unha etapa conciliadora, con Carlos.

Sucesión[editar | editar a fonte]

Tras a morte de Fernando a súa dona María Cristina de Borbón, exerceu como rexente de España até que Isabel, chegase a minoría de idade para reinar.

Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: Fernando VII