Verea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°5′56.6″N 07°57′03.8″O / 42.099056, -7.951056

Verea
Bandeira de Verea---Escudo de Verea
Fonte no Alto do Vieiro, Verea.jpg
Fonte no Alto do Vieiro.
Situacion Verea.PNG
Situación
Xentilicio[1] vereense
Xeografía
Provincia Provincia de Ourense
Comarca Comarca da Terra de Celanova
Poboación 983 hab. (2016)
Área 94,2 km²
Densidade 10,44 hab./km²
Entidades de poboación 11 parroquias
Política (2015)
Alcalde Juan Antonio Martínez González
Concelleiros BNG: 3
PPdeG: 5
PSdeG-PSOE: 1
Eleccións municipais en Verea
Uso do galego[2] (2011)
Galegofalantes 91,03%
Na rede
http://www.concellodeverea.com/

Verea é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Celanova. Segundo o IGE en 2014 tiña 1.059 habitantes (1.387 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «vereense».

Demografía[editar | editar a fonte]

Censo Total 1059 (2014)
Menores de 15 anos 41 (3.87%)
Entre 15 e 64 anos 492 (46.46%)
Maiores de 65 anos 526 (49.67%)
Evolución da poboación de Verea   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016
3.677 3.632 3.641 3.171 1.398 1.269 1.222 1.150 1.112 1.059
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello ten unha superficie de 94,6 km², e abrangue 11 parroquias e 40 entidades de poboación. A súa capital é Carballo. Está situado a 32 km da capital, Ourense, á que se chega pola estrada OU-540.

O territorio, eminentemente rural, está atravesado por unha falla en diagonal do noroeste ao sueste, ao leste do río Grande. O extremo sueste da falla divide as vertentes do río Limia e do río Arnoia. Os seus principais cursos fluviais son o Grande, o Cexo e o Orille, afluentes do Arnoia. Neles practícase a pesca da troita.

Os cumios máis elevados son o monte Penagache e o monte Lobaqueiros. Entre eles hai un abrupto canón.

Historia[editar | editar a fonte]

Na serra do Leboreiro, na fronteira con Portugal, consérvanse restos megalíticos, destacando unha necrópole de mámoas con cámara funeraria. Nas ladeiras do monte Penagache estanse a realizar unha serie de escavacións arqueolóxicas na procura de restos anteriores á romanización.

A etimoloxía do topónimo Verea indica que é un lugar de paso. O concello estaba atravesado por unha antiga vía romana de carácter secundario, que saía de Aquis Querquennis cara ao norte, entrando polo alto do Vieiro. Porén, para outros autores o topónimo procede de Venoriu, relacionado coas minas. Outros restos romanos atópanse nun campamento romano coñecido como A Cividá.

Preto do campamento atópase a ermida de San Trocado. Segundo a lenda, recollida por Ambrosio de Morales na súa obra Viaxe Santo, uns portugueses que roubaran as reliquias de Celanova quedaron paralizados no lugar onde hoxe se levanta a ermida por mor dun milagre de Rosendo de Celanova. Esta ermida, durante moito tempo esquecida, encóntrase hoxe en vías de restauración.

Por riba da vía romana, pasa o camiño portugués da ruta Xacobea que vai por Celanova. A comezos do século XII o abade de Celanova e o prior dos Templarios de Veiga proxectaron a construción conxunta dun hospital para peregrinos.

Durante a Idade Media, debido aos continuos conflitos entre a Coroa de Portugal e a Coroa de Castela, o lugar tivo o carácter de marca.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Na igrexa de Albos destacan tres cruces antigas. Unha delas, de finais do século XII ou principios do XIII, é de cobre esmaltado cun Cristo en maxestade. As outras dúas son procesionais, unha delas chapada en cobre, flordelisada e cun Cristo de tres cravos, datada na segunda metade do século XIV.

A igrexa de San Pedro de Orille consta de tres corpos, cunha fachada principal moi sinxela. No primeiro, o único elemento ornamental é a arquitrabe da porta, lisa e decorada con motivos xeométricos. O segundo corpo, separado do primeiro por un friso liso, é elíptico nos seus extremos, sobre os que se erguen uns pináculos puntiagudos. Posúe un nicho con figura sobre o rosetón. No interior as bóvedas son de canón, e no altar maior hai un retablo barroco decorado.

A ermida da Ascensión ten un atrio con cuberta a catro augas, no que destaca o seu campanario, rematado con dous pináculos nos extremos e unha cruz sobre base curva na parte central. O campo que rodea a ermida está adornado cunha obra do pintor ourensán Virxilio. O primeiro xoves de xuño ten lugar a festa en honra desta Virxe, sendo trasladada en procesión dende a igrexa de Gontán até a capela, poxando os fieis por levala a ombros en cumprimento dunha promesa por algún favor concedido.

O cruceiro do Vieiro posúe un Cristo cunha expresión de dor de gran patetismo.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Verea.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Verea

Albos (San Mamede) | Bangueses (San Miguel) | Cexo (Santo Adrao) | Domés (San Martiño) | Gontán (Santo André) | Ourille (San Pedro) | Pitelos (Santa María) | Portela (Santa Baia) | Sanguñedo (San Salvador) | Santa María de Cexo (Santa María) | Verea (Santiago)


Lugares de Verea[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Verea vexa: Lugares de Verea.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]