Terebinto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Terebinto
Pistachier2.JPG
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Sapindales
Familia: Anacardiaceae
Xénero: Pistacia
Especie: P. terebinthus
Nome binomial
Pistacia terebinthus
L.
Pistacia terebinthus

A Pistacia terebinthus, coñecida como terebinto[1], é unha especie de planta con flor pertencente á familia das Anacardiáceas e nativa da rexión mediterránea, desde Marrocos e Portugal no oeste ata Turquía e Siria no leste, aínda que tamén se atopa nas illas Canarias. En galego recibe ademais o nomes de escornacabras[2] e cornabude[3][4], pero hai que ter en conta que estes parecen ser tamén nomes comúns doutras especies[5].

Trátase dunha pequena árbore ou grande arbusto deciduo que pode chegar ata os 10 m, aínda que normalmente alcanza unha altura máis modesta en torno ós 5 m. As follas son compostas de 10–20 cm de longo con varios folíolos máis pequenos (5-11) que xorden da principal. As flores teñen unha cor vermella purpurada, aparecendo coas follas a principios da primavera. Os froitos son pequenas bagas vermellas de 5–7 mm de longo, que escurecen ó madurar. Todas as partes da planta teñen un forte cheiro resinoso.

Historia[editar | editar a fonte]

John Chadwick cre que é a planta chamada ki-ta-no que aparece nalgunhas táboas de Linear B, un antigo dialecto de Grecia. Cita a obra do erudito español J.L. Melena, que atopou "un antigo léxico que amosaba que o kritanos era outro nome para esta árbore e que a pronuncia micénica podía representar unha variante da palabra."

Esta especie é mencionada na Biblia no Antigo Testamento. Por exemplo, en Isaías 1:29, onde a palabra hebrea "el" ou "elim" a miúdo pode traducirse como buxo ou terebinto. Tamén en tres capítulos sucesivos do Xénese (12:6, 13:18, 14:13) referíndose ós lugares onde o patriarca Abraham acampaba. Tamén hai unhas poucas referencias no libro dos Xuíces.

Esta planta tamén é mencionada na Eneida de Virxilio, libro 10, liña 136.

Utilidade[editar | editar a fonte]

O uso máis antigo e coñecido do terebinto é como fonte da augarrás ou esencia de trementina, un aceite vexetal utilizado como diluente e como compoñente químico. Actualmente a trementina do terebinto é coñecida como trementina chipriota.

A árbore é rica en substancias resinosas e foi utilizada polas súas propiedades medicinais e aromáticas na Grecia clásica. A casca pode utilizarse para elaborar unha pasta de cheiro doce e na confección de coiro. Máis recentemente, para a elaboración de antiinflamatorios.

Os froitos desta planta son utilizados en Chipre para a elaboración dun pan especial. En Creta, onde recibe o nome de tsikoudia, é utilizado na elaboración dun licor que tamén se chama tsikoudia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para terebinto.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escornacabras.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cornabude.
  4. Nome vulgar da Pistacia terebinthus e tamén da Sorbus aucuparia ou capudre no Termos esenciais de botánica, páx. 36, Universidade de Santiago de Compostela, 2004.
  5. Resultado da busca "escornacabras" no Dicionario de dicionarios