Calvos de Randín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 41°54′17″N 7°52′32″O / 41.90472, -7.87556

Calvos de Randín
Escudo de Calvos de Randín
Concello Calvos de Randín.jpg
Casa consistorial
Situacion Calvos de Randín.PNG
Situación
Xentilicio[1] calvense
randinense
Xeografía
Provincia Provincia de Ourense
Comarca Comarca da Limia
Poboación 856 hab. (2016)
Área 97,7 km²
Densidade 8,76 hab./km²
Entidades de poboación 9 parroquias
Capital do concello Calvos
Política (2015)
Alcalde Aquilino Valencia Salgado
Concelleiros
PPdeG: 2
PSdeG-PSOE: 5
Eleccións municipais en Calvos de Randín
Uso do galego[2] (2011)
Galegofalantes 90,42%
Na rede
http://www.calvosderandin.com/gl

Calvos de Randín é un concello da provincia de Ourense, pertence á comarca da Limia. Segundo o padrón municipal, en 2015 tiña 922 habitantes (1242 en 2003).O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é calvense ou randinense[3].

Demografía[editar | editar a fonte]

Censo total 922 (2015)
Menores de 15 anos 33 (3,58 %)
Entre 15 e 64 anos 395 (42,84 %)
Maiores de 65 anos 494 (53,58 %)
Evolución da poboación de Calvos de Randín   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016
3650 3676 3429 2074 1212
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello, de 98 km², abrangue 9 parroquias. Está situado ao sur da provincia de Ourense, á beira das serras de Larouco, O Xurés e A Pena, acadándose nesta última os 1400 m de altitude. O municipio está atravesado polo río Salas, afluente do Limia, onde se construíu o encoro de Salas. Á súa vez, este río recibe as augas do río Firbeda.

É unha zona con clima oceánico de montaña, con fortes precipitacións e temperaturas baixas, se ben no verán adoita haber fortes secas.

Historia[editar | editar a fonte]

A situación fronteiriza con Portugal marcou a evolución histórica do concello. As terras da Picoña tiñan a súa cabeceira no castelo da Picoña, derruído en 1650 por tropas castelás. No século XVIII a zona pertencía á xurisdición do conde de Lemos.

Historicamente, parte do seu territorio pertenceu ó Couto Mixto. Isto daba certos privilexios á súa poboación, como a exención de pagar tributos ás coroas de Portugal e Castela, a libre pertenza a un ou outro reino, e a elección dun alcalde. Estes dereitos abolíronse trala aplicación do Tratado de Lisboa de 1864.

O 22 de febreiro de 1944 tivo lugar o accidente de Monteagudo, no que un avión británico bateu contra un monte e sufriu un incendio, morrendo os seus seis ocupantes.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Os xacementos humanos máis antigos datan do megalitismo, como as mámoas de Monte Meau e Forno da Tagurra (Golpellás), Penouces e A Chamuscada (Vila), As Lamas (Pintás), O Viso e A Mota Grande (Castelaus), Outeiro das Moas (Paradela) e As Rebouciñas (Padroso).

Da cultura castrexa son os poboados de Cidade de San Vitorio (Castelaus), Outeiro da Cerca (Lomear), O Castro (Rubiás), Penas Altas (Calvos) e A Picoña (Randín).

A igrexa parroquial de Santiago de Calvos é do século XIX, de estilo popular. A igrexa de San Xoán de Ranín é de estilo barroco, dos séculos XVII e XVIII. A igrexa de Santiago de Rubiás, sendo reconstruída no século XVIII, conserva na ábsida unha ventá románica de medio punto. A ermida do Neno Xesús é do século XVIII. A capela de Calvos é de recente construción. Hai varios petos de ánimas, en Calvos, Vilar, o Cruce de Padroso, Feás e Rubiás.

O pazo dos Tejada é dos séculos XVIII e o XIX. Ten a tipoloxía típica de pazo galego, con tres corpos conectados por unha solaina. O pazo de Randín é máis recente, se ben un dos seus corpos está actualmente destruído, tendo estrutura en L.

Dentro da arquitectura popular destacan os hórreos en Randín e Rioseco, cruceiros, fornos comúns, fontes, muíños, calzadas e pontes.

Calvos de Randín na literatura popular[editar | editar a fonte]

  • A rola anda arrolando/ por riba dun bido seco/ que lle levaron o niño/ as mozas de Rioseco [4].
  • As mociñas de Padroso/ cando rapan as ovellas/ meten a la nos buratos/ para merca-las sortellas [5].
  • As mociñas de Padroso/ son poucas e mal honradas:/ ándanlle saíndo aos homes/ ás canellas apartadas [6].
  • As mociñas de Padroso/ son poucas e mal honradas:/ as pequenas xa pariron/ i as grandes andan preñadas [6].
  • As mociñas, as de Calvos,/ gastan dous pares de medias/ pra que lle digan os homes/ que gordas teñen as pernas [6].
  • As mociñas, as de Calvos,/ gastan reló de pulseira,/ en cambio as de Padroso/ gastan navalla barbeira [7].
  • Desde o Outeiro ás Nogueiras/ hai unha tranca no chau;/ a Antonia caiu nela/ i o Francisco deulle a mau [8].
  • Do outro lado do río/ sentín chorar e cantei:/ Santa Lucía en Vileriño,/ San Antonio en Recarei [9].
  • Enamorar, enamoreime/ alá no lugar das Ribas,/ a rapaza non me quere,/ dime que busque outra vida [10].
  • No lugarciño de Ribas/ hai unha cabalaceira/ que dá moitas calabazas/ i en cabo queda solteira [11]
  • O Ramonciño de Calvos/ tiña a gorriña esgazada;/ o Ramón a coser nela/ i a Carmela a esgazarlla [12].
  • Pasei pola Olivada,/ dei volta polo Cebreiro;/ as mociñas de Padroso/ todas andan ao carneiro [13].
  • Viva Calvos, viva Calvos,/ Viva Calvos de Randín,/ viva Calvos, viva Calvos,/ terriña donde eu nacín [14].

Goberno municipal[editar | editar a fonte]

En 2010 catro edís do PPdeG co apoio do ex-edil do PSdeG José Manuel Andrade presentaron unha moción de censura ao alcalde Aquilino Valencia. A moción non chegou a prosperar porque os veciños impediron a entrada dos censurantes ao pleno. Unha reclamación posterior por vía xudicial rematou co pronunciamento do Xulgado ordenando que se repita o pleno.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Calvos de Randín

Calvos (Santiago) | Castelaus (San Martiño) | Feás (San Miguel) | Golpellás (San Xoán) | Lobás (San Vicente) | Randín (San Xoán) | Rioseco (Santa Mariña) | Rubiás dos Mixtos (Santiago) | Vila (Santa María)

Lugares de Calvos de Randín[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Calvos de Randín vexa: Lugares de Calvos de Randín.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014. 
  3. Costas González, X.-H. (2016): Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega, páx. 43. Universidade de Vigo. ISBN 978-84-8158-706-7
  4. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 45. No orixinal: de un. Este Rioseco ten que ser lugar da parroquia de Santa Mariña de Rioseco, concello de Calvos de Randín.
  5. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 48. No orixinal: lá, mercalas. Padroso é lugar da parroquia de Santa Mariña de Rioseco, no concello de Calvos de Randín.
  6. 6,0 6,1 6,2 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 48.
  7. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 48.
  8. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 69. Nogueiras é lugar da parroquia de Santiago de Calvos, no concello de Calvos de Randín; na mesma parroquia hai o lugar de Outeiro.
  9. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 72. No orixinal: cantén. Vileriño será localismo por Vilariño, que en Ourense pode ser lugar da parroquia de San Xoán de Randín, no concello de Calvos de Randín; lugar da parroquia de Santa Cristina de Monte Longo, en Lobeira; ou San Xes de Vilariño, parroquia do mesmo concello. Recarei é lugar da parroquia e concello de Bande.
  10. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 74. Pode tratarse do lugar de Ribas de Araúxo, na parroquia e concello de Lobios, se ben Xaquín Lorenzo fala doutro Ribas en Calvos de Randín (hoxe non hai tal no Nomenclátor).
  11. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 109. Tampouco se identifica a que Ribas se refire.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 123. Pode referirise a Santiago de Calvos, parroquia de Bande, ou ó concello de Calvos de Randín.
  13. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 129. No orixinal: paséi. Xaquín Lorenzo non inclúe o lugar da Olivada no seu índice toponímico, e tampouco aparece no Nomenclátor; Padroso é lugar da parroquia de Rioseco, no concello de Calvos de Randín.
  14. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 162.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.