Río Támega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Río Támega
Tâmega River in Chapa Amarante (2).jpg
O Támega ao pasar por Amarante, Portugal.
PaísGaliza e Portugal
NacementoA Alberguería
Lonxitude145 km
Conca669 km²
DesembocaduraRío Douro

O río Támega (Tâmega en portugués), é un curso fluvial que nace en Galiza, e percorre parte do norte de Portugal, ata desembocar no río Douro, logo dun percorrido de 145 km. É o único río principal galego, xunto cos seus afluentes, que pertence á Confederación hidrográfica do río Douro[1].

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome do río é prerromano, dunha raíz indoeuropea *tam- "de cor escura", que aparece noutros hidrónimos galegos: Tambre, Támoga, Tamuxe, e tamén noutros países europeos, baste lembrar o británico Támese, en inglés Thames[2]. Do nome do río deriva do pobo prerromano dos tamagani, que habitou o val de Monterrei.

Percorrido[editar | editar a fonte]

O Támega nace na serra de San Mamede, no Alto de Talariño a 960 m de altura, preto da parroquia da Alberguería, no concello ourensán de Laza. Atravesa logo o val de Monterrei ata entrar por Chaves en Portugal. Desde alí cruza o resto do distrito de Vila Real, formando linde entre este e o de Braga, para finalmente entrar no de Porto, onde rende as súas augas ao Douro na localidade de Entre-os-Rios.

Entre as localidades máis importantes que atravesa están Laza, Castrelo do Val, Verín e Oímbra en Galiza, e mais Chaves e Amarante no norte portugués. O seu afluente máis salientábel en terras galegas é o río Búbal, que o é pola dereita.

Protección[editar | editar a fonte]

A cunca e ribeiras galegas do río Támega teñen a cualificación de zona especial de conservación e que se denomina río Támega.[3][4][5][6]

Datos de interese do río e do seu val[editar | editar a fonte]

Vista do río Tamega en Rabal.
  • Nacemento: preto da alberguería do Prado.
  • Vexetación predominante: árbores de cultivo.
  • Desembocadura: río Douro.
  • Material xeolóxico: micacitas.
  • Afluentes: río Búbal.
  • Tipo de rotación de cultivos: centeo, trigo, patacas, barbeito.
  • Lonxitude: 38,5 km na parte galega.
  • Densidade do gando: 0,8 vacún/Ha.
  • Superficie conca: 669 km².
  • Densidade explotacións: 6,7 número expl./km².
  • Densidade de poboación: 32 hab./km².
  • Precipitacións: 1157 mm.
  • Diferenza entre cotas: 1000 m.
  • Déficit hídrico: máis de 90 días.
  • Pendente: 2,26 graos.
  • Textura do solo: areoso.
  • Aceptación precipitacións: alta.
  • Porcentaxe de concellos galegos que compoñen a conca: Laza 40%, Castrelo do Val 10%, Verín 10%, Monterrei 30%, Oímbra 10%.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Existe regos e regatos menores de Vilardevós, Riós, A Gudiña e da Mezquita que continúan cara a territorio portugués e que tamén pertencen a esa confederación hidrográfica internacional do río Douro. Véxase mapas.xunta.gal.
  2. Artigo no Portal das Palabras da RAG onde falan da etimoloxía de Tambre
  3. Consellería de medio ambiente (Luns, 31 de marzo de 2014). DOG - Xunta de Galicia, eds. "DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia." (62): 13.427. 
  4. Consellería de medio ambiente (Luns, 12 de abril de 2004). DOG - Xunta de Galicia, eds. "DECRETO 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados Espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais." (69): 5.046. 
  5. Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia (eds.). "ZEC ES1130005 Río Támega". Consultado o 24/8/2019. 
  6. Axencia Ambiental Europea - Unión Europea (eds.). "ES1130005 Río Támega". Consultado o 24/8/2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]