Vianesa
| Vianesa | |
|---|---|
|
Instancia de
| |
|
Subclase de
| |
| Distribución | |
|
País de orixe
| |
| Clasificación taxonómica | |
| Reino | Animalia |
| Filo | Chordata |
| Subfilo | Vertebrata |
| Clase | Mammalia |
| Subclase | Theria |
| Infraclase | Eutheria |
| Orde | Artiodactyla |
| Familia | Bovidae |
| Subfamilia | Bovinae |
| Xénero | Bos |
| Especie | B. taurus |
| Wikidata C:Commons | |
A vianesa é unha raza de vacún autóctona de Galicia, cuxo nome se debe á capital da súa comarca de orixe "O Bolo", Viana do Bolo, ao sueste da provincia de Ourense. É unha raza típica da provincia de Ourense.[1] A vianesa segundo Sánchez Belda (1984) é unha raza derivada do tronco Cántabro. [1]
Morfoloxía e datos produtivos
[editar | editar a fonte]Cun peso medio duns 550-600 quilos, aínda que os touros poden acadar os 850–920 kg, esta raza posúe unha pelaxe marrón escura (capa castaña) e uns característicos cornos longos en espiral. A pelaxe dos touros é máis escura e máis clara ou rubia nos xatos.[2]
Presenta tons máis escuros nos cabos e extremos, aínda que tamén se distribúen con intensidade polas diversas rexións corporais dando lugar a unha presentación de particularidades (caras afumadas, listón, lombardo, alabardo, aldinegro etc.). Son características desta raza as abundantes formacións pilosas caídas sobre a fronte, que dan lugar ao "floco", e sobre o pavillón auricular, "pendentes". [2]
| Machos | Femias | |
|---|---|---|
| Altura á cruz (cm) | 138 | 132 |
| Peso adulto (kg) | 850 | 560 |
| Número de cornos | 2 | |
| GMD (g/día) a 6 meses | 800 | |
GMD: Ganancia media diaria.[2][3]
Presentan cornos en forma de gancho curto con media lúa nos machos, e alongados nas femias, nos que nacen por diante da liña de prolongación da testa, diríxense lateralmente e logo cara a adiante e arriba, para continuar describindo unha ampla espiral e acabar coas puntas cara a atrás. Son de cor anacarada pola cepa e pala, coas puntas escurecidas.[2]
Teñen unha cabeza de tamaño pequeno, coa cara alongada que se estreita cara o fociño, onde presenta mucosas escuras e orla abrancazada. O pescozo é proporcionado ao tamaño corporal, máis longo nas femias, e lixeiramente enmorillado nos machos con badal evidente. O tronco é amplo, coa liña dorsolumbar que tende á horizontalidade e a grupa a maior altura, que é lixeiramente derribada. Animais con escasa formación das nádegas. As extremidades son de lonxitude media, ben dirixidas e apromadas, articulacións robustas e pezuños duros e resistentes. O sistema mamario presenta o ubre ben inserido, con tetos simétricos, pel fina e con abundante protección pilosa.[2]
As vacas presentan boas cualidades maternais, principalmente para a produción de leite, que se traduce nun alto ritmo de crecemento nos xatos o que garante unha mellor clasificación das canais.[3]
A cualidade máis apreciada desta raza é a rusticidade e a súa perfecta adaptación ao medio montañoso no que se desenvolve.[3]
Os xatos de Vianesa aportan uns rendementos da canal arredor do 49%, cunhas boas porcentaxes de cuarto traseiro e pezas extra e de primeira categoría comercial, de arredor do 32%. Proporcionándolle unha maduración adecuada obtense unha carne tenra e moi xugosa, cunha textura óptima. Aínda que esta carne non posúe moita graxa (arredor dun 2%) atópase ben distribuída, sendo o perfil de ácidos graxos adecuado e cardiosaudable. Todo isto dá lugar a unha carne diferente e dun sabor e palatibilidade excepcionais.[4]
Orixe
[editar | editar a fonte]A orixe da raza é bastante antiga, posiblemente xurdiu a partir do cruzamento entre as razas rubias e vermellas autóctonas de Galicia e do gando vacún escuro introducido trala chegada dos árabes no século VIII. Actualmente a poboación é moi reducida, cuns 2 958 exemplares (2022), aínda que dende a década de 1990 benefíciase dun programa de preservación do seu patrimonio xenético e reprodúcese na súa forma pura para manter os seus efectivos.
Usos e sistemas de explotación
[editar | editar a fonte]De gran poder de tracción,, explotouse antigamente como animal de traballo[4], críase na actualidade pola súa carne.[3]
Dende época antiga as vacas de raza vianesa empréganse de forma ecléctica para usos de tracción e produción de carne e leite. A vacas son boas nais e producen un leite moi rico e nutritivo para o crecemento dos becerros. Habitualmente pastoréase cun sistema semiextensivo-extensivo, con estabulación no inverno, e pastoreo ó aire libre durante o resto do ano, alimentándose tanto en pastos abertos como en zonas frondosas. A raza está ben adaptada ó rudo clima montañés da súa zona de distribución e resulta adecuada para a produción de carne como outras razas próximas, como a rubia galega.
Evolución da poboación
[editar | editar a fonte]| Ano | Femias | Machos | Total | Ganderías |
|---|---|---|---|---|
| 2009 | 1 520 | 345 | 1 865 | 75 |
| 2010 | 1 805 | 421 | 2 226 | 78 |
| 2011 | 2 088 | 479 | 2 567 | 77 |
| 2012 | 2 108 | 455 | 2 563 | 79 |
| 2013 | 2 125 | 361 | 2 486 | 78 |
| 2014 | 2 069 | 332 | 2 401 | 78 |
| 2015 | 2 325 | 380 | 2 705 | 84 |
| 2016 | 2 298 | 447 | 2 745 | 85 |
| 2017 | 2 277 | 411 | 2 688 | 78 |
| 2018 | 2 356 | 402 | 2 758 | 79 |
| 2019 | 2 303 | 422 | 2 725 | 71 |
| 2020 | 2 546 | 483 | 3 029 | 64 |
| 2021 | 2 635 | 462 | 3 097 | 66 |
| 2022 | 2 528 | 430 | 2 958 | 56 |
| 2023 | 2610 | 507 | 3117 | 59 |
| Gráfica de evolución demográfica da vaca vianesa entre 2009 e 2022 |
![]() |
| Datos segundo a aplicación ARCA do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.[6] |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Raza bovina VIANESA". Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Consultado o 04/06/2025.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Raza bovina VIANESA-Datos morfológicos". Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Consultado o 04/06/2025.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Raza bovina VIANESA. Usos y sistemas de explotación". Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Consultado o 04/06/2025.
- ↑ 4,0 4,1 "VIANEGA. Características productivas". BOAGA. Consultado o 04/06/2025.
- ↑ "Datos censales (VIANESA)". Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Consultado o 04/06/2025.
- ↑ "Aplicación ARCA". servicio.mapa.gob.es/arca. Consultado o 31 de agosto de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha da raza vianesa en PDF na Conselleria do Medio Rural da Xunta de Galicia
- Ficha da raza vianesa Arquivado 10 de febreiro de 2007 en Wayback Machine. na Sociedad Española para los Recursos Genéticos Animales (SERGA)(en castelán)
