Coles

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°24′44″N 7°50′23″W / 42.41222°N 7.83972°W / 42.41222; -7.83972

Coles
Escudo de Coles
Casa do Concello de Coles.JPG

Casa do Concello de Coles.
Situacion Coles.PNG
Situación
Xentilicio[1] colense (non oficial)
Xeografía
Provincia Provincia de Ourense
Comarca Comarca de Ourense
Poboación 3.150 hab. (2014)
Área 38,1 km²
Densidade 82,68 hab./km²
Entidades de poboación 11 parroquias
Capital do concello Vilarchao
Política (2011)
Alcalde Manuel Rodríguez Vázquez
Concelleiros BNG: 1
PPdeG: 3
PSdeG-PSOE: 7
Outros: -
Eleccións municipais en Coles
Uso do galego[2] (2011)
Galegofalantes 61,05%
Na rede
http://www.concellodecoles.com

Coles é un concello da provincia de Ourense, pertencente a comarca de Ourense. Segundo o IGE en 2014 tiña 3.150 habitantes (3.201 en 2003).

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello, de 38,25 km², abrangue 10 parroquias. Limita ao noroeste con Vilamarín, ao nordeste coa Peroxa, ao sueste co Pereiro de Aguiar (a través do río Miño), ao suroeste con Ourense e ao oeste con Amoeiro. A zona noroeste é máis elevada, con cumios como o Castro de Santa Águeda (682 m) ou os montes de Cambeo (488 m). No leste as terras graníticas descenden cara ao curso do Miño.

O principal curso fluvial é o río Miño, que serve de fronteira ao longo de 6 km. O encoro de Velle supuxo cambios importantes na zona, destruíndo as pesqueiras existentes. Outro curso menor é o río da Barra, afluente do Miño que serve de fronteira coa Peroxa. O río Gustei únese ao rego de Lusín, desembocando no Miño, ao igual que o regueiro de Carrís.

Demografía[editar | editar a fonte]

Segundo o dicionario de Madoz, a mediados do século XIX tiña 4.635 habitantes. Na década de 1950 había 5.114, e en 1.960 a poboación descendeu a 4.608. En 1970 eran 3.491, e 3.487 en 1975. A finais da década de 1980 comezou un leve aumento da poboación procedente da capital ourensá.

Censo Total (Habitantes) 3.150 (2014)
Menores de 15 anos 316 (10.03 %)
Entre 15 e 64 anos 1.841 (58.44 %)
Maiores de 65 anos 993 (31.52 %)

Evolución da poboación de Coles   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014
5.273 4.954 4.810 3.369 3.252 {{{6}}} {{{7}}} {{{8}}} {{{9}}} {{{10}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia[editar | editar a fonte]

Antes da romanización as terras estaban habitadas nos poboados castrexos de Santa Águeda, A Madalena, San Lourenzo e Adro Vello.

NO século XII constituíuse na comarca o arcediagado de Búbal, baixo a influencia da orde de Santiago e dos mosteiros de Ribas do Miño, Oseira e Celanova. O topónimo aparece documentado de distintos modos a mediados do século XIII: Coonis (1233), Coonas (1242) e Columpnis (1257).

Durante o antigo réxime, as parroquias do actual concello pertencían ás xurisdicións da Barra (orde de Santiago, a través da encomenda da Barra), Gustei (bispado de Ourense), Melias (condado de Lemos e mosteiro de Oseira), Ribela (condado de Lemos) e A Peroxa (condado de Ribadavia), pertencentes á provincia de Ourense.

En 1812 constituíronse os concellos de Gustei e Melias, que foron retomados entre 1820 e 1823. En 1835 consituíuse definitivamente o actual concello de Coles.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Cultura castrexa[editar | editar a fonte]

O castro da Madalena foi catalogado en 1925 por Florentino López Cuevillas para o Seminario de Estudos Galegos. As súas defensas víronse danadas por mor dunhas obras de minería na procura de cuarzo levadas a cabo en 1870 por Daniel de Aguiar e Silva. Está situado a uns 45o m de altitude. Atopáronse restos de vivendas e de cerámica con decoración. É un castro dun só recinto cun terraplén de 8 m de alto no oeste e ata 40 no leste. No norte e oeste e na metade hai un escalón estreito que fai a modo de glacis, e ó seu pé corre un foxo de trece a quince metros de ancho cunha escarpa de tres a dez metros de alto. Na parte sur non hai foxo, pois conta coa defensa natural dun regato. Ten forma circular, cuns 120 m de diámetro.

O castro de Santa Águeda está situado no outeiro do mesmo nome, a unha altitude de 682 m, servindo de fronteira cos concellos de Vilamarín e A Peroxa. Ten uns 75 m de diámetro e conta con tres recintos. Foi estudado por Xesús Ferro Couselo, e actualmente a espesa vexetación dificulta a súa visita. Realizáronse 9 catas, descubríndose restos de edificacións, dous amarradoiros do gando, unha machada pulida semellante aos machados neolíticos e dous pulidores. Tamén un colar de pasta vítrea e paredes decoradas con sucos incisos formando bandas. Tamén se atopou a planta da antiga capela adicada á santa que da nome ao lugar.

O castro de San Lourenzo non está escavado. Atopáronse restos de tégulas e de cerámica, que non foron analizadas. Preto do castro hai unha capela cunha ventá prerrománica.

O castro do Adro Vello está situado preto da actual igrexa de Coles, entre Paradela e Seoane.

Pazos[editar | editar a fonte]

O pazo de Fontefiz está situado na parroquia de Ucelle. Xa no século X aparece referenciado o Casal de Fonte Felici. No século XV pertencía ao mosteiro de San Clodio, e en 1597 foi aforado a Gregorio de Nóvoa, veciño da Peroxa, que fundaría a linaxe de Fontefiz. No século XVIII consolidouse a potencia económica da casa de Fontefiz mercede ás rendas de varias poboacións dos arredores, e mellorouse a construción. Pechouse o eido, construíuse e canalizouse unha présa de auga para o servizo da casa, fixéronse as cortes, o cabaceiro, a tulla de pedra os maineis da casa e o retablo da capela. Amais, anexáronse diversas leiras. Mais no século XIX comezou a decadencia. En 1866, trala morte de Pedro Ventura de Puga, pasou ao marquesado de Leis. Actualmente é o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia pertencente á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

No interior da leira hai un pombal. O edificio principal ten planta en U, patio pechado por muro con portalón exterior coroado por un escudo e outra interior cara outras dependencias da leira. No patio interior están os escudos das familias que o posuíron: Nóvoa, Vilamarín, Temes, Raxó e Deza, cun balcón sostido por canzorros e dous reloxos de Sol. No interior do edificio destaca a escaleira nobre e a lareira, feitas en cantería. A cheminea da lareira, na fachada suroeste, ten seis metros de altura.

Economía[editar | editar a fonte]

No sector primario destaca a existencia de prados para a gandería, ademais do cultivo de millo, patacas e viñedos. Abondan as fragas de piñeiros, carballos, eucaliptos e castiñeiros. No campo da industria destaca o sector da madeira. A comezos do século XX había medio centenar de talleres relacionados con este produto, destacando os da zona de Melias.

Comunicacións[editar | editar a fonte]

O concello está atravesado pola estrada que une Ourense e Santiago de Compostela (N-525) e a vía Ourense - Lugo (N-540). Tamén está comunicado polo ferrocarril cara a Compostela.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Coles.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Coles

Albán (San Paio) | A Barra (Santa María) | Cambeo (Santo Estevo) | Coles (San Xoán) | Gueral (San Martiño) | Gustei (Santiago) | Melias (San Miguel) | Ribela (San Xillao) | Santa Mariña de Albán (Santa Mariña) | Santo Eusebio da Peroxa (Santo Eusebio) | Ucelle (Santa María)


Lugares de Coles[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Coles vexa: Lugares de Coles.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Neira, Carlos. «Evolución do uso do galego por concellos». Consultado o 14 de outubro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Coles Modificar a ligazón no Wikidata


Concellos da Comarca de Ourense Comarca de Ourense
Amoeiro
Amoeiro
Barbadás
Barbadás
Coles
Coles
Esgos
Esgos
Nogueira de Ramuín
Nogueira de Ramuín
Ourense
Ourense
O Pereiro de Aguiar
O Pereiro de Aguiar
A Peroxa
A Peroxa
San Cibrao das Viñas
San Cibrao das Viñas
Taboadela
Taboadela
Toén
Toén
Vilamarín
Vilamarín