Bóveda (arquitectura)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antiga bóveda de crucería, construída con lousas de pedra en seco (ruínas de San Nicolao, Visby)
Bóveda gótica, de crucería (Lienzingen, Alemaña)

Unha bóveda é unha obra de mampostería ou fábrica de forma curva, que serve para cubrir o espazo comprendido entre dous muros ou unha serie de piares enliñados.

É unha estrutura moi apropiada para cubrir espazos arquitectónicos amplos con pezas pequenas. A súa xeometría pode ser de simple ou dobre curvatura. Nas edificacións modernas, tamén se aplica o termo a estruturas de cubertas curvadas nas que o espesura é mínima, chamadas tamén cascas.

Tanto nas antigas bóvedas como nas modernas a solicitación predominante nos seus elementos é a de compresión, asemellándose a un arco, ou, mellor dito, a un conxunto de arcos, que conforman unha superficie.

O material empregado na construción pode ser a pedra, para formar doelas; o ladrillo, para a bóveda á catalá; aceiro, formigón armado, etc. As doelas poden ir aparelladas en seco, isto é, sen trabazón, aínda que o habitual é que se unan cun material aglomerante.

Na Historia da Arquitectura as bóvedas, de ladrillo ou pedra, tiveron un papel importante na edificación que perdeu coa xeneralización das técnicas e materiais de construción modernos. Primeiro o aceiro e logo o formigón armado posibilitaron edificacións alinteladas de grandes luces, antes só posibles con bóvedas.

Non obstante, as bóvedas de formigón armado son utilizadas profusamente na enxeñaría civil para construír galerías, túneles, cubertas de grandes luces e, en xeral, todas aquelas obras onde os elementos traballando a flexión resulten desvantaxosos desde un punto de vista técnico e económico.

Elementos da bóveda[editar | editar a fonte]

Clave de bóveda procedente do claustro da Catedral de Santiago de Compostela (s. XIII), no Museo das Peregrinacións e de Santiago.
  • Apoios: son as partes dos muros ou piares sobre os que descansa a bóveda.
  • Puntos de arranque: son os dos arcos que compoñen a bóveda.
  • Doelas: son as pezas elementais que compoñen a bóveda.
  • Clave: é a doela central que remata a bóveda.
  • Saimeles: son as doelas dos puntos de arranque da bóveda.
  • Imposta: é o elemento onde pousan os puntos de arranque.
  • Muro frontal: pecha a bóveda nas súas partes abertas.
  • Luneto: é a abertura practicada na bóveda por outra bóveda que penetra nela.
Dimensións
  • Luz: é a distancia libre entre os apoios ou arranques da bóveda.
  • Frecha: é a altura desde o arranque á clave.
  • Espesura: é a distancia entre o extradorso e o intradorso da bóveda.

Tipos de bóvedas[editar | editar a fonte]

Esquema dunha falsa bóveda.

Falsa bóveda[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Falsa bóveda.

Un falso arco, proxectado no eixe lonxitudinal, dá unha falsa bóveda. Como este, estará construída por aproximación de fiadas de perpiaños ou mampostería, e non polo encaixe de doelas que despracen o compoñente horizontal das forzas cara os muros ou elementos sustentantes. Na falsa bóveda non hai verdadeiramente unha arquitectura abovedada, senón empuxes verticais propios das cubertas con lintel (arquitectura alintelada).

A falsa bóveda é a solución para cubrir espazos usada na arquitectura megalítica (dolmen) e nas tumbas micénicas (Tesouro de Atreo).

Bóveda encamonada[editar | editar a fonte]

Falsa bóveda formada por materiais de pouco peso, como madeira ou canas, e cubertos de xeso.

Bóveda de canón ou de medio punto[editar | editar a fonte]

Bóveda de canón.
Artigo principal: Bóveda de canón.

Bóveda de superficie semicilíndrica, orixinada xeometricamente por unha xeratriz semicircular e unha directriz recta. Empregouse para cubrir espazos lonxitudinais, como as naves das igrexas ou os seus transeptos. Foi moi utilizada na arquitectura romana e logo na prerrománica e románica.

Cando os arcos de medio punto evolucionaron estilisticamente a arcos apuntados, as bóvedas de canón tamén seguiron a mesma tendencia, por iso apareceron logo as de carácter apuntado.

A bóveda de canón cunha directriz circular (non recta) denomínase bóveda anular. Empregouse para cubrir deambulatorios.

Bóveda de aresta[editar | editar a fonte]

Esquema dunha bóveda de aresta.
Artigo principal: Bóveda de aresta.

É a formada pola intersección de dúas bóvedas de canón iguais que se cruzan perpendicularmente. Fórmase sobre a base de dous arcos de medio punto. As liñas de intersección ou arestas son arcos de elipse que se cruzan no vértice superior.

Se as dúas bóvedas secantes son iguais, o espazo que cobre a bóveda de aresta é un cadrado, sendo unha bóveda de crucería. No caso de que as dúas bóvedas secantes sexan de diferente anchura, o espazo cuberto é rectangular, como poden ser as apuntadas que, posuíndo a mesma altura, poden ter diferente luz (anchura).

Bóveda catalá[editar | editar a fonte]

Consiste en cubrir o espazo mediante unha bóveda de ladrillos colocados expoñendo as táboas, é dicir, a cara de superficie maior, formada pola soga e o tizón do ladrillo.

Bóveda de lunetos[editar | editar a fonte]

Intersección de dúas bóvedas de canón de distinta altura.

Bóveda rebaixada[editar | editar a fonte]

Aquela cunha altura desde a liña de arranque até o punto máis alto inferior que a distancia entre apoios ou estribos.

Bóveda de recanto claustral[editar | editar a fonte]

Bóveda de recanto de claustro.

Esta bóveda derívase de xirar en planta 45° de maneira que os eixes coincidan coas diagonais do plano orixinal. Os catro ángulos da planta cadrada córtanse, polo que desaparecen as liñas de arranque, sosténdose a bóveda unicamente sobre catro puntos de apoio. Os arcos que orixinan as súas arestas poden ser rebaixados, de medio punto ou apuntados.

Bóveda de alxibe[editar | editar a fonte]

É unha derivación da bóveda de recanto claustral onde o vértice de unión das arestas é unha superficie plana ou unha liña. Adóitase utilizar para cubrir espazos rectangulares. Exemplo de uso é o exonártex da Santa Sofía de Constantinopla.

Bóveda de crucería ou nervada[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Bóveda de crucería.

É unha bóveda formada por unha serie de arcos ou nervos con función estrutural. Os espazos que se orixinan entre eles constitúen os plementos ou panos, unha especie de lousas curvas de pedra que teñen unha función secundaria, de recheo.

A forma e disposición dos nervios pode ser moi variada e complexa, chegando no gótico tardío a complexos deseños xeométricos.

Bóveda esférica ou cúpula[editar | editar a fonte]

Esquema dunha cúpula.
Artigo principal: Cúpula.

É a formada por un casquete semiesférico que descansa sobre un muro circular ou sobre piares dispostos circularmente.

Na Antiga Roma empregouse a cúpula, sendo bo exemplo o Panteón do emperador Adriano. Empregouse profusamente durante o Renacemento e o Barroco. Ao primeiro destes períodos pertence a cúpula da Basílica de San Pedro do Vaticano.

Bóveda de forno[editar | editar a fonte]

É a formada por un cuarto de esfera, é dicir, media cúpula. As súas proxeccións horizontais e verticais son semicirculares, polo que é apropiada para cubrir ábsidas ou espazos similares (exedra). Moi empregada na arquitectura romana e no románico.

Bóveda de media laranxa[editar | editar a fonte]

É unha cúpula composta por nervaduras, con segmentos cóncavos que semellan os carreiros dunha laranxa. A unión destos elementos dá lugar a arestas entrantes que converxen no centro da bóveda. Substitúe ás bóvedas de forno na cubertura de espazos de planta poligonal.

Bóveda bulbosa[editar | editar a fonte]

Cúpula con forma de bulbo. Ten un diámetro maior a media altura que na liña de imposta. É propia da arquitectura islámica de Asia Central, Persia e a India, da arquitectura bizantina en Europa Oriental, especialmente en Rusia, e das igrexas do sur de Alemaña e Austria.

Bóveda de vela[editar | editar a fonte]

Esquema tridimensional dunha bóveda de vela.

É a que resulta de seccionar un hemisferio con catro planos verticais cuxas trazas en planta corresponden ao cadrado inscrito na circunferencia base de dito hemisferio. Serve para tapar espazos cadrados. Caracterízase por definir arcos de medio punto na intersección cos planos verticais contedores. Se se seccionase por un plano horizontal tanxente aos arcos laterais, só ficarían catro triángulos esféricos, que son as cunchas que se utilizan para montar cúpulas sobre bases cadradas.

A súa concatenación linear formando galerías ou naves foi introducida por Filippo Brunelleschi. En España foi usada por Andrés de Vandelvira.

Bóvedas modernas[editar | editar a fonte]

Cúpula moderna en Namihaya, Xapón.
Bóvedas modernas: Ópera de Sydney (Australia).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Bóvedas

Outros artigos[editar | editar a fonte]