Botafumeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O botafumeiro en acción

O botafumeiro é o incensario (en latín "turibulum") de gran tamaño que se atopa na catedral de Santiago de Compostela. Por extensión, é frecuente chamarlle botafumeiro a calquera incensario.

Descrición[editar | editar a fonte]

O botafumeiro na Biblioteca da Catedral.

O botafumeiro é un grande incensario, o maior do mundo, feito de latón bañado en prata, que pesa 62 kg baleiro e mide 1,50 m de altura e 59 cm de diámetro na parte máis ancha. Orixinalmente pesaba 60 kg, pero en 2006 engadíuselle un baño de prata que fixo aumentar a súa masa ata os 62 kg actuais [1].

A corda que o suspende, atada do ciborio da catedral, é, desde o 2007, dun material sintético, mide 65 metros, ten 5 cm de diámetro e pesa 90 kg; foi doada por unha fábrica de cabos e redes de Alacant para substituír a anterior, de 2004, doazón de Pescanova [2]. Anteriormente as cordas facíanse de cánabo ou de esparto.

O Museo da Catedral posúe un segundo botafumeiro que é réplica do anterior, todo en prata, e que foi unha doazón da irmandade de Alféreces Provisionais en 1971. En 1985, con ocasión da cesión do botafumeiro para a exposición "Mil años del Camino de Santiago", dentro da mostra Europalia 85 celebrada en Gante (Bélxica), este segundo substituíu o orixinal.[3] Aínda existe unha terceira copia, propiedade particular dun ourive compostelán que o expón no seu negocio.

Funcionamento[editar | editar a fonte]

Botafumeiro.

Habitualmente, o botafumeiro consérvase na biblioteca capitular do Museo da Catedral, pero en determinadas ocasións utilízase dentro da catedral: días sinalados do calendario litúrxico (25 días ó ano, como mínimo), visitas altas dignidades ou cando os grupos de peregrinos pagan a taxa establecida polo cabido.

O botafumeiro énchese primeiro cuns 40 kg de carbón e incenso, co que supera cheo, e ao inicio dos seus movementos, os 100 kg de peso. Logo átase con fortes nós a unha corda longa suxeita ao teito do edificio, no cruceiro, e desprázase cun mecanismo de poleas pola nave da igrexa. Para iso, un grupo de oito homes, denominados tiraboleiros, (os que manexan o turibulum, en latín incensario) empúrrano primeiro para poñelo en movemento, e logo turran do outro cabo da corda, para, cun mecanismo de randeeira, irlle dando velocidade. A mecánica deste proceso aproveita o principio de que o movemento pendular depende, ademais da masa e da altura, do radio de xiro (é dicir, da corda da que está suspendido). Por iso, cando os tiraboleiros tiran dos cabos no momento en que o botafumeiro está máis próximo ó chan, o que fan é acurtar o radio de xiro, co que o péndulo gaña en velocidade

O movemento do botafumeiro pode acadar os 68 km/h no seu desprazamento polo transepto da catedral, dende a porta da Acibechería ata a porta de Praterías, describindo un arco de 65 metros e con alturas máximas de 21 metros (un ángulo de 82º). Para chegar a esa máxima altura cómpren 18 percorridos completos, e aproximadamente 80 segundos de esforzo.

Historia[editar | editar a fonte]

Botafumeiro.

A tradición sinala que o uso do incensario na catedral de Santiago comezou co obxectivo perfumar o templo e retirar o mal olor que deixaban os peregrinos, cansos, sucios e moitos deles enfermos [4], pero semella máis probable que nacese coa función litúrxica e cerimonial que é propio a estes útiles polo poder evocador do incenso, común en moitas relixións e ritos durante os momentos de oración cando se procesionan as reliquias.[5]

A primeira mención ó botafumeiro da catedral é unha anotación datada no século XIV, escrita na marxe no Libro III do Códice Calixtino, folio CLXII, no que se lle chama Magno turibulo argenteum:

"nunc decoratur cum capite beati Jacobi Alphei mire magnitudinis in testis argenti deaurati cum multis et magnis lapidious pretiosis in testis et maxime cum magno turibulo argenteo, a sumitate ecclesiae et funjbus suspensum per rotas currendo a portale septentrionali usque a portale meridiano pleno carbonis incenssus cum ture feriendo in utraque parte sumitatis ecclesiae, estante antistite in pontificalis cum tota procesione ut supra.."
Xesús Carro García, 1933

Hai rexistros da súa existencia nun inventario de 1426, citado por López Ferreiro: "iten huun ençensario grande, que anda enas preçoçoos entre o coro et o altar", e nunha crónica do viaxeiro Xerónimo Münzer que visita Santiago entre 1494 e 1495: "...y de la altísima bóveda del crucero cuelga un enorme incensario, que oscila en el sentido de los brazos de aquel".

En 1400 o rei Lois XI de Francia dooulle á catedral de Santiago unha cantidade de diñeiro para substituír o incensario medieval, labor que non se realizou ata 1554.

Sistema de poleas na cúpula da Catedral

O 24 de maio de 1602, o cabido acorda substituír as trabes das que penduraban as poleas por unha estrutura metálica, que foi construída en Biscaia, en 1604, baixo deseño de Juan Bautista Celma. A proposta do arcebispo Juan de Sanclemente especificaba que:

"lo mucho que conuenía que las Rejas de la capilla mayor y las del choro se dorasen, y el Çimborio se limpiase, dorase y asease y juntamente se quitasen las bigas del ynçensario y hiziese algun jngenio como estuviese mas galán y vistoso"
Xesús Carro García, 1933

O 22 de maio de 1622 rompeu a corda durante o vo do botafumeiro, e foi caer debaixo dun taboado que se estaba preparando para as festas do Corpus, sen causar ningún dano persoal. Xa caera anteriormente, en 1499, tamén sen causar danos[6].

Tras esta caída non hai datos nos arquivos da Catedral sobre se se restaurou ou se fixo un novo, pero unha nota de 1673 recolle o pago de 164 reais "por una guindaleta nueba para el Yncensario, que pesó 48 libras, e rraçon de tres Reales y quartillo y ocho de porte desde Pontevedra a Santiago", e outra de 1729 pola que se pagan 360 reais "por estañar y componer el encensario grande".

O incensario, feito enteiramente en prata, roubárono as tropas de Napoleón en abril de 1809 [7]. Non se sabe de certo pero parece ser que se substituíu por outro de ferro, e en 1812 consta un pago de 120 reais "al calderero por la composición del Incensario grande", e en 1846 outra nota recolle o feito de "componer el incensario grande".

En 1852, o xornalista compostelán Neira de Mosquera publica un interesante artigo no Semanario Pintoresco Español, no que dá noticia dun novo incensario "de latón plateado, así como el antiguo era de hierro". Este novo botafumeiro, de 1851, foi creado polo ourive compostelán Xosé Losada. Carro García non atopou nada nos arquivos da catedral sobre o encargo, entrega ou valor deste novo incensario, aínda que si algúns pagos relacionados co incensario grande en 1850 e 1852, e engade:

"E sendo iste Botafumeiro, por decil-o ansí, d'onte, ou sexa de meiados do século XIX, non pode documentarse suficientemente. Non comprendemol-a falla de tal documentazón no Arquivo da nosa Catedral Compostelán"

A última reparación realizouse sobre o botafumeiro en 2006 cando un obradoiro madrileño lle deu un novo baño en prata, duns 20 micrómetros, que porén fixo aumentar o peso da peza en 2 kg.

Accidentes[editar | editar a fonte]

Producíronse diversos accidentes ó longo da historia. Un dos máis sonados sucedeu durante a visita en 1499 da princesa Catarina de Aragón, filla dos Reis Católicos, cando ía embarcarse na Coruña para contraer matrimonio con Príncipe de Gales. Parece ser que o botafumeiro se desprendeu e saíu despedido a través da porta de Praterías, sen que ninguén resultase ferido.

"...y assi andaba, que casi llegaba de la vna puerta del Crucero a la otra, y andando assi se le quebraron las cadenas en que andaba colgado, y si como tiraran vna bombarda salio sin derramar vna sola asqua por la puerta de la Iglesia, donde se hizo pedazos, y se vertió toda la lumbre que en él estaba sin hazer mal a ninguna persona"
Xesús Carro García, 1933

Suponse que axiña fixeran outro novo incensario, porque co inventario de 1529 volve recollerse "yten el ynçensario grande que corre a las procesiones solempnes".

De novo, o 23 de maio de 1622, en ocasión dunha misa solemne na que se sacou en procesión o Lignum crucis [8], rompeu a corda e o botafumeiro caeu en vertical, atravesando o entarimado que se instalara para as festas do Corpus. A crónica engade que:

"Túuose esto por evidente milagro del Santo Apóstol, porque a qualquiera parte que desviara, por poco que fuera, era cosa ymposible que dejara de matar, y herir muchas personas, por hauer grande concurso de gente, y lo que más admira es, que cayendo a los pies de los tiradores, que están siempre perpendicularmente debajo de la rueda, y siendo cuatro, a ninguno tocó ni en el pelo de la ropa. Mirabilis Deus in Santis suis"
Xesús Carro García, 1933

As cordas ou outros elementos de seguridade fallaron máis veces, coma en 1925 e o 26 de xullo de 1937, pero nunca se produciron feridos.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Debu/peregrinos/ingleses/elpepuespgal/20070711elpgal_12/Tes
  2. "A nova corda para o botafumeiro agarda na catedral a súa instalación", en La Voz de Galicia, 17.06.2007; e "A maroma do botafumeiro está colocada para voar o domingo", en La Voz de Galicia, 5.07.2007.
  3. Para esta exposición tamén se cederon tres cadeiras do coro pétreo do mestre Mateu, que reconstruíran os profesores Ramón Yzquierdo Perrín e Ramón Otero Túñez.
  4. Téñase en conta que, ata a creación a finais do século XV do Hospital Real polos Reis Católicos, os peregrinos utilizaban a propia catedral, aberta día e noite, como albergue.
  5. Coco Barajas, Abraham. "Neira de Mosquera se inventó el mito del botafumeiro" ABC, 27/4/2015 (en castelán).
  6. "Ano a ano", La Voz de Galicia 3.09.1988.
  7. Carro García parece dubidar deste roubo: "Nós non poidemos atopar a máis pequena nova. E no nos expricamos como tal peza non ven na "Razón individual de las alhajas de plata que se entregan al Gobierno de las necesidades públicas", nin tampouco n-un priego tiduado "Relación de las alhajas o oro y plata y otras preciosidades, que de orden del Gobierno intruso Francés se han sacado dela Santa Yglesia de Santiago"", aínda que admite o feito de desapareceu para sempre.
  8. A reliquia do Lignum Crucis perdeuse no incendio do retablo da capela das Reliquias en 1921, aínda que o relicario si se salvou.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Carro García, Xesús: "O botafumeiro da Catedral compostelán", en Nós nº 109, 15 de xaneiro de 1933, 6-10.
  • Juan R. Sanmartín: "O Botafumeiro: Parametric pumping in the Middle Ages", en American Journal of Physics, Volume 52, Issue 10, outubro de 1984, pp. 937–945.
  • "Una copia en plata sustituye desde ayer al Botafumeiro", en La Voz de Galicia, 29.08.1985.
  • "Los secretos del botafumeiro", en La Voz de Galicia, 28.07.2002.
  • Yzquierdo Peiró, Ramón (2011): Museo Catedral de Santiago. ISBN 978-84-939061-2-2.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]