Saltar ao contido

José Vega y Verdugo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJosé Vega y Verdugo
Biografía
Nacemento1623 Editar o valor en Wikidata
Comunidade de Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Morte1696 Editar o valor en Wikidata (72/73 anos)
Actividade
Ocupaciónconstrutor Editar o valor en Wikidata
Fachada occidental, románica, da Catedral de Santiago, segundo un debuxo de José Vega y Verdugo en 1657. No século XVIII foi derrubada para construír a actual fachada barroca do Obradoiro

José Vega y Verdugo, nado en Ciempozuelos (Madrid) en 1623 e finado en Madrid en 1696, foi un cóengo que viviu en Santiago de Compostela entre 1649 e 1672, onde desenvolveu diferentes reformas na Catedral, polo que se lle considera o introdutor da arte barroca en Galicia.

Ostentou o título de Conde de Alba Real.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

O papa Inocencio X designouno cóengo de graza na Catedral de Santiago en 1649 e desde o primeiro momento quixo introducir na cidade e na Catedral as inquedanzas artísticas predominantes en Europa no século XVII. En 1657 presentou ó cabido un Informe o Memoria sobre as obras na Catedral de Santiago [1] co que, ó longo de 48 folios e once debuxos intercalados, conseguiu convencelo para que aprobase distintas reformas na Catedral, tanto na capela maior como nas fachadas occidental (a actual fachada do Obradoiro) e oriental (a que dá á praza da Quintana).

En 1658 foi nomeado fabriqueiro da catedral, cargo que ostentou ata 1672 e que lle permitiu levar adiante algunha das reformas proxectadas.

En 1672 foi nomeado administrados dos bens do arcebispado de Granada, para despois trasladarse en 1676 a Madrid, onde morreu en 1696.

Obras en Galicia

[editar | editar a fonte]

Nos 23 anos que viviu en Galicia desenvolveu distintos proxectos, entre os que destacan os relacionados coa Catedral de Santiago.

Débese a Vega y Verdugo o baldaquino da Capela Maior, que propuxo como alternativa ó proxecto inicial do cabido de construír un retablo de prata sobre o altar maior (cuxas trazas xa se encargaran en 1643). A súa idea era emular o de Bernini na Basílica de San Pedro en Roma pero mellorándoo: "pois se aló columnas o sosteñen, acó anxos estano sustentando". O proxecto inicial tivo que ser modificado para adaptarse ás dimensións da capela maior, para o que se lle engadiu un segundo entaboamento que lle dotou de maior verticalidade.

As obras comezaron en 1658, da man dos escultores Francisco de Antas Franco e Bernardo Cabrera, que daquela xa traballaban na Catedral, aínda que o principal responsable foi Pedro de la Torre, escultor e arquitecto madrileño. Desde 1665 asumiu a dirección das obras Domingo de Andrade [2]. Andrade introduciu novas modificacións no proxecto para darlle o seu aspecto oco e aéreo, tipicamente barroco.

O baldaquino está sostido por anxos (pero reforzado por catro trabes horizontais que se fixan ós grosos piares da capela). Está coroado por un Santiago cabaleiro que é honrado por catro reis: Afonso II, Ramiro I, Fernando o Católico e Filipe IV. Nos ángulos hai catro estatuas que representan as virtudes cardinais: a prudencia, a xustiza, a fortaleza e a temperanza.

A outra gran intervención de Vega y Verdugo na Catedral de Santiago foi a modificación da fachada leste da Catedral ou da Quintana. Sostiña na Memoria de obras citada que, sendo por aí por onde se achegaban á Catedral "todos cantos veñen a esta santa igrexa", o que se atopaban era "unha mala portiña metida nun estreito recuncho e uns catorce ou quince tellados que parecían capelas de forno", como resultado das reformas que se foran facendo na cabeceira da catedral ó longo dos séculos. Compría unificar a fachada facendo un peche homoxéneo desde a Torre do Reloxo, obras que comezan a realizarse a partir de 1658 e que encarga ó arquitecto José Peña de Toro [3]. Comezou levantando a Porta Real da Quintana, que foi modificada posteriormente, entre 1696 e 1700, por Domingo de Andrade.

A reforma consistiu en construír un alto muro rematado por pináculos dando unha harmonía visual ó conxunto, ademais de reconstruír a cara exterior da Porta Santa e abrir a Porta dos Abades.

Tamén propuxo a reforma da fachada occidental (do Obradoiro), aínda que a modificación só se levou adiante, no seu tempo, moi parcialmente. Aínda que a describe como "unha das mellores que ten España", conclúe que non se poden manter "eses dous pombais sobre as torres", ademais de incidir no feito da desigual altura. Encargou as obras tamén a Peña de Toro (que intervén en torno a 1670) pero só se chegaron a acometer as obras da torre das Campás, "que estaba fenecida" segundo o libro de fábrica, das que Peña de Toro fixo o primeiro corpo.

  1. En distintas fontes consultadas poden observarse pequenas diferenzas no título deste documento: "Memoria o Informe sobre las obras de la Catedral de Santiago" (Gallaecia Fvlget: (1495-1995) cinco séculos de historia universitaria. Universidade de Santiago de Compostela, px. 61); "Memoria sobre las obras en la Catedral de Santiago" (Gran Enciclopedia Galega, s.v. Vega y Verdugo); "Informe sobre la construcción de varias obras en la Catedral de Santiago de Compostela" (Artehistoria.com [1] Arquivado 03 de decembro de 2013 en Wayback Machine.). Miguel Taín Guzmán ten un artigo sobre "Cronología, contenidos y referencias del Memorial sobre las obras de la Catedral de Santiago del canónigo pintor José de Vega y Verdugo" [2]. En realidade, o devandito informe perdeu a portada e hoxe se conserva nunha carpeta de cartón baixo o título "Informe de Vega y Verdugo", tal como foi rotulado no último terzo do século pasado; no interior existen dúas follas a modo de portada, ámbalas dúas do século XIX, que titularían o texto como "Informe del canónigo fabriquero y arquitecto D. José Verdugo, conde de Alba Real, sobre realización de varias obras en la Santa Iglesia con algunos diseños", unha, e "Ynforme dado por el señor Don José Verdugo, conde de Alba Real, canónigo fabriquero de esta Santa Yglesia Metropolitana de Santiago y arquitecto, para la construcción de varias obras en la misma con algunos dibujos, tres de ellos de las fachadas antiguas del Obradoiro y la Quintana", a outra.
  2. Que no ano 1669 foi nomeado Aparellador Maior da Catedral e en 1676 Mestre de Obras da Catedral. Tamén foi autor do desaparecido baldaquino do mosteiro de Oseira.
  3. Quen, desde 1652, se atopaba traballando para o Mosteiro de San Martiño Pinario.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]