Mestre Estevo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mestre Estevo
ÁreaArquitectura
MovementoRománico
ObrasFachada das Pratarías
NacionalidadeReino de Galicia
editar datos en Wikidata ]

O mestre Estevo traballou na catedral de Santiago en tempos do bispo Xelmírez (século XII), quen o puido recomendar ao bispo Pedro de Roda como arquitecto en Pamplona. Segundo a Historia Compostelá, na primeira etapa episcopal de Xelmírez "comezou a restaurar o destruído, conservar o restaurado e conducir o conservado non sen moito traballo, a estado de perfección.[1]

Obras[editar | editar a fonte]

Basílica de Santo Isidoro de León[editar | editar a fonte]

Fachada da basílica de Santo Isidoro de León.

Existen diversos documentos que citan ao mestre Estevo como colaborador na construción da catedral románica de Pamplona, porén, a súa participación nesta obra xera controversias, porque na capital iruniense é onde se cita como mestre de obras da catedral de Santiago, dato que se descoñece na documentación compostelá. Os escritos citados áchanse no Libro Redondo, ou cartulario, da catedral pamplonesa. Nun texto datado o 11 de xuño de 1101, o bispo Pedro de Roda outorgaba a un construtor denominado Estevo -xunta a súa muller, fillos e fillas- propiedades concretadas en casas e viñas en Pamplona, amais de facilidades para construír unha vivenda. Noutro documento semellante cítase a Estevo como "magistro operis Sancti Iacobi".

Estevo móstrase en Santo Isidoro de León como discípulo do mestre de Jaca,[2] pero cun estilo bastante independente. Na decoración do deambulatorio e do cruceiro desta igrexa sábese que participaron dous mestres en estilo xaqués, un deles o mestre Estevo que máis tarde traballou na catedral de Santiago.[3]

Tímpano da Porta do Perdón.

A Porta do Perdón, ten no tímpano escenas do Evanxeo, que aínda que parece unha soa escena están labradas en tres pedras distintas. No centro está representado o Descendemento con San Xoán sostendo o corpo de Cristo, mentres se ve a María bicando a man do seu fillo xa descravada da cruz, hai tamén outra personaxe que está a arrancar, cunhas tenaces, o cravo da outra man, na parte superior desta escena aparecen dous anxos con botafumeiros. A escena da Resurrección está composta polas tres Marías e un anxo que lles mostra o sepulcro de Cristo baleiro. Na outra escena da Ascensión represéntase a Cristo subindo aos ceos, entre dous dos seus discípulos que tratan de retelo. Todas estas escenas están realizadas con certa inxenuidade moi persoal do autor, cos rostros anchos e inexpresivos e as dobras da roupa redondeadas típicas de todas as súas obras. Nos capiteis, hai os de temas con aves entrelazadas con talos nos que aparecen monstros e con fondos de follas de tipo corintio, todos con grande efecto decorativo. Outros capiteis sonhistoriados e obsérvanse loitas de homes medio nus; esta interpretación é menos clásica que a do seu mestre de Jaca, as roupas están tratadas con dobras suaves así como os rostros tamén son anchos como os das escenas do tímpano.[2]

Catedral de Santiago de Compostela[editar | editar a fonte]

Porta das Pratarías.

Crese que pasou a traballar a esta catedral despois de Santo Isidoro de León, ao morrer o que até entón era mestre de obras Bernaldino o Vello (seguramente pai de Estevo), e por orde de Afonso VI.[4]

Algunhas das súas actuacións centráronse na restauración dos canzorros da capela axial da cabeceira da catedral de Santiago e en esculpir a fachada das Pratarías, aínda que na actualidade se admite máis que unha única man de autor, ao comprobar desaxustes nos tímpanos e nas xambas, así como que algunhas pezas non sexan do lugar e outras fosen reaproveitadas, entre as que se inclúe o Cristo, como obra novata de Mateu. O resto das esculturas son do mestre Estevo, están realizadas en altorrelevo, representando apóstolos, profetas, anxos e patriarcas, unhas en mármore branco e outras en granito. As proporcións das imaxes son máis esveltas que as realizadas anteriormente en Santo Isidoro, a figura de Santiago ao lado do Cristo central, está labrada case en vulto redondo, o seu rostro mans e pés é realista e a súa modelaxe é suave e branda coas mesmas dobras características do mestre. Os capiteis tallados en duro granito mostran a mestría adquirida na ornamentación, onde se aprecia a combinación de figuras e cabezas con elementos vexetais, algúns son de estilo orientalista. Tamén no interior do templo se encontran unha serie de capiteis historiados, entre os que sobresae un que presenta unha escena de tormentos infernais, é o castigo que reciben un avaro cun saco cargado ás costas seguido por un demo e un luxurioso cunha soga no colo está a ser aforcado por un demo, mentres as chamas lle queiman os pés, outro demo arrímalle unha serpe e un terceiro crávalle unha estaca na cabeza. A súa intención é moralizante e instrutiva.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Esteban, maestro". Consultado o 03/09/2015. 
  2. 2,0 2,1 Gómez Moreno (1947) p.126
  3. Gómez Moreno (1947) p.120
  4. Gómez Moreno (1947) p.127
  5. Gómez Moreno (1947) p.128

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gómez Moreno, María Elena (1947). Mil Joyas del Arte Español, Piezas selectas, Monumentos magistrales: Tomo primero Antigüedad y Edad Media. Barcelona, Instituto Gallach. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]