Alonso II de Fonseca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAlonso II de Fonseca

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1440 Editar o valor em Wikidata
Salamanca Editar o valor em Wikidata
Morte1512 Editar o valor em Wikidata (71/72 anos)
Santiago de Compostela Editar o valor em Wikidata
Patriarca latino de Alexandría
1500 – 1508
Arcebispo de Santiago de Compostela
1486 – 1508
← Alonso I de FonsecaAlonso III de Fonseca →
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
RelixiónIgrexa católica Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Salamanca Editar o valor em Wikidata
Actividade
OcupaciónArcebispo Editar o valor em Wikidata
Familia
NaiCatalina de Fonseca y Ulloa (en) Traducir Editar o valor em Wikidata


Afonso de Fonseca y Acevedo, Afonso II de Fonseca, nado en Salamanca en 1440 e finado en Santiago de Compostela o 12 de marzo de 1512,[1] foi arcebispo de Santiago de Compostela desde o ano 1464 ata o ano 1506.

Estancia en Sevilla[editar | editar a fonte]

Alonso II de Fonseca foi arcebispo de Sevilla.

Emparentado con Alonso I de Fonseca, a maioría dos autores coinciden en que é o seu sobriño, fillo de Diego de Acevedo e Catalina de Fonseca. O seu tío ocupouse de iniciar a súa carreira nomeándoo deán do arcebispado de Sevilla, a máis de patrocinalo para ocupar a mitra compostelá, para a que foi elixido no ano 1460.

Non ocupou a sé de xeito inmediato, se non que foi o seu tío o que se dirixiu a Santiago co obxectivo de pacificar a inestable situación en terras galegas. Alonso I ocupou o cargo para o que fora elixido o seu sobriño durante tres anos, e Alonso II encargouse de administrar a sé sevillana, ata que finalmente o 18 de outubro de 1463 unha misiva do rei Henrique IV obriga a ambos fonsecas a ocupar as súas respectivas sés. Ao ano seguinte produciuse a ruptura entre ambos prelados, xa que Alonso II unírase ao bando sevillano inimigo do seu tío.

A partir do ano 1464 o arcebispo de Santiago viuse na obriga de actuar pola súa conta coa axuda da súa nai dona Catalina e o seu irmán e lugartenente Luis de Acevedo.

Arcebispo de Santiago[editar | editar a fonte]

Primeiros enfrontamentos[editar | editar a fonte]

Castelo de Vimianzo, onde estivo preso o Arcebispo

Á súa chegada a Santiago dirixiuse primeiramente ao Castelo da Rocha Forte, onde recibiu a debida homenaxe do alcaide da fortaleza, Álvaro Sánchez de Ávila. Ante a violenta resistencia que atopou en Compostela decidiu fixar a súa residencia na vila de Noia. Santiago era controlado polo bando capitaneado por Bernal Eanes de Moscoso, Pertegueiro Maior e formado por fidalgos e parte do Cabido.

No enfrontamento entre ambos bandos, o Moscoso prendeu o arcebispo en Noia e mantívoo preso no Castelo de Vimianzo mais de dous anos [2]. Após isto o bando de Alonso baixo o mando da súa nai e o seu irmán fixéronse fortes na catedral e o 21 de xullo de 1466 apropiáronse de parte do tesouro catedralicio e apresaron os capitulares favorables ao pertegueiro. A resposta non se fixo esperar e no verán dese mesmo ano prodúcese o asedio á catedral, loita na que os partidarios de Fonseca partían coa vantaxe de ter totalmente fortificado o templo. No tempo da loita houbo baixas notables, e entre elas Bernal Yáñez Moscoso.

Os enfrontamentos continuaron seis meses máis ata a sinatura dun armisticio no que, vencido o arcebispo, este era liberado a cambio da liberación dos cóengos apresados co compromiso de manterse afastado de Compostela durante dez anos.

As revoltas Irmandiñas[editar | editar a fonte]

Castelo da Rocha forte derruído polos irmandiños.

Afonso, xa libre, non dispuxo de moito tempo para refacerse, xa que logo estoura en Galicia a revolta irmandiña. Apoiadas no seu inicio por fidalgos e cabidos, as irmandades comezaron unha revolta que atacou e destruíu castelos e casas fortes da nobreza, sendo os dominios do Arcebispado de Santiago uns dos que levaron peor parte. De feito, o arcebispo viuse obrigado a fuxir a Castela na procura de axuda, apoio que non obtivo, pois o rei Henrique IV non condenou as destrucións e ataques e incluso autorizou a creación da nova irmandade. Ante esta situación botou man dos seus amigos portugueses, principalmente o Duque de Bragança, e a pesar desa axuda viuse obrigado a vender o patrimonio recibido do seu pai para formar un exército.

En acordo cos Zúñiga de Monterrei e os Soutomaior entran en Galicia e en pouco tempo logran vencer os rebeldes e recupera os seus dominios. Os primeiros esforzos dirixiunos a reconstruír e remodelar as defensas da cidade: a Torre da Praza e a construción dun castelo no Pico Sacro, deixando na ruína, ás veces temporal outras definitiva, os castelos da Rocha Forte, a Rocha Branca de Padrón ou as Torres de Oeste en Catoira.

Novos enfrontamentos coa nobreza[editar | editar a fonte]

Unha vez foron apagadas as revoltas irmandiñas as vellas rifas volveron a acenderse. No ano 1470 Alonso e a Marquesa de Astorga estableceron un concerto para impoñer a súa lei á nobreza galega, ao que estes responderon o 20 de febreiro de 1471 desde o Mosteiro de Carboeiro desafiando ao arcebispo. Ante esta situación o Rei instou a arbitrar o conflito ao Adiantado Maior Juan de Pareja, mais este foi apresado por Luís de Acevedo. Ante esta situación a maioría da nobreza galega únese, dirixidos polos Moscoso e os Soutomaior, contra o arcebispo.

Ao mesmo tempo en Castela comezaba unha guerra de sucesión coa proclamación a finais do ano 1474 de Isabel a Católica como raíña. Cedo, no ano 1475 o arcebispo, co apoio do Cabido, decantouse polo bando isabelino mentres que o Conde de Camiña Pedro Álvarez de Soutomaior inclinouse pola Beltranexa e a monarquía portuguesa, quedando o resto da nobreza galega a expectativa sen decantarse por ningún dos dous bando á espera de acontecementos. Esta pronta adscrición a partida isabelina valeulle para que a monarca condenase a ocupación da catedral, das fortalezas de Rocha Branca, Cira e Pico Sacro ou as vilas de Muxía e Malpica de Bergantiños que mantiñas os seus inimigos, especialmente Lope Sánchez de Moscoso e Pedro Madruga, ao que lle negaba os títulos de Vizconde de tui e Mariscal de Baiona e as rendas sobre Pontevedra, Redondela e Vigo.

Cara a outubro de 1476 a lide estábase a decantar claramente cara a Isabel e Alonso estaba a obter os seus maiores éxitos militares. Iniciou entón unha serie de campañas conseguindo desaloxar aos Soutomaior de Pontevedra e Baiona. Entre as refregas produciuse a captura de Pedro Álvarez de Soutomaior co que as partes acordaron trocalo por Luis Pimentel o 9 de xullo de 1478.

A reforma dos Reis Católicos - A Idade Moderna en Galicia[editar | editar a fonte]

Isabel a Católica a que apoiaron os Fonseca e coa que tivo enfrontamentos pola xestión do poder dos seus representantes.

Ao mesmo tempo os Reis Católicos estaban a instaurar un novo sistema de xestión do poder coa creación da Audiencia do Reino de Galicia, composta por un Gobernador e dos Alcaldes Maiores, e cun corpo armado como instrumento para garantir a orde pública, a Santa Irmandade. Ante este feito produciuse de novo unha división entre a nobreza galega: por un lado o Arcebispo de Santiago, o Conde de Lemos Pedro Álvarez Osorio ou os Andrade apoiaron a nova irmandade pero a maioría da nobreza rexeitouna ofrecéndolle ao novo gobernador, o 4 de outubro de 1477 que o estamento nobiliario fose o encargado de garantir a orde pública. Finalmente o 18 de febreiro de 1480 instituíuse a Santa Irmandade.

Con este novo sistema prodúcese a fin dunha época a Idade Media da Galicia señorial e dos caudillos militares e comeza a Idade Moderna onde o control rexio sobre o territorio vai ser moi efectivo. A morte dun xeito de vida simbolizouse coa morte do arquetípico nobre galego Pedro Madruga ao que perseguiu activamente o prelado compostelán que, coa axuda dos seus aliados, no verán de 1477 lograron expulsalo de todas as súas prazas fortes e acurralalo na súa fortaleza máis segura a Fortaleza de Salvaterra.

Logo entendeu Alonso que o novo poder ía ser máis agresivo e danoso para os seus intereses. O poder real comezou por ocupar as fortalezas e controlar os concellos no nome do rei, incluíndo as catedrais, xa que daquela estas atopábanse ameadas. Os enfrontamentos non se fixeron esperar, no verán do ano 1480 o Gobernador Fernando de Acuña coa axuda de nobres galegos cercaron a Catedral santiaguesa.

Os nobres galegos chegaban a acordos e alianzas co novo representante do poder real, os concellos ían aceptando as disposicións do novo gobernador e, en troques, a relación entre a Coroa e o Arcebispo caracterizouse por unha serie de friccións continuas e enfrontamentos como o asalto a cidade de Santiago no ano 1493 por parte dos Alcaldes Maiores ante a negativa do arcebispo de que exercesen xurisdición na cidade no nome dos Reis, xa que defendía que o señorío da Igrexa de Santiago era orixinario e patrimonial e non feudo dos reis. Isto provocou que a Raíña instara ao prelado a render contas á Corte, situación da que sae ben parado, en gran parte grazas á importante achega económica que fixera para financiar a Guerra de Granada.

Os enfrontamentos continuaron a se suceder durante o resto do seu mandato, como o ocorrido coa Real Audiencia de Galicia no ano 1503.

Legado e descendencia[editar | editar a fonte]

Convento de Santa Úrsula, Salamanca.

Durante o seu goberno arcebispal realizáronse moitas obras na Catedral coa promoción do Cabido, corporación en moitos momentos oposta ao arcebispo e á que trataba con moita autoridade, contándose entre os seus membros o seu inimigo Diego de Muros III. No ano 1505 achegou un millón de marabedís para a obra do Claustro catedralicio.

Tamén fundou e dotou de Constitucións (entre 1493 e 1515) o Convento de Santa Úrsula de Salamanca, pertencente á Terceira Orde Regular Franciscana, e en cuxa igrexa mandou construír o seu mausoleo, onde foi soterrado.

No canto a descendencia tivo dous fillos con María de Ulloa, irmá de Sancho de Ulloa Conde de Monterrei:

  • Alonso, crego e arcediago de Cornado na Igrexa de Santiago.
  • Diego de Acevedo, o que casou con Francisca de Zúñiga, herdeira dos morgados de Monterrei e Ulloa, polo que herdou a fortuna dos Zúñiga de Monterrei. Á súa morte terminou logrando converter ao seu neto Alonso de Acevedo e Zúñiga en Conde de Monterrei e ao mesmo tempo situalo nunha boa situación entre a nobreza cortesá.

A Alonso insolitamente promoveuno directamente para ocupar o Arcebispado de Santiago como Alonso III de Fonseca, feito moi pouco ortodoxo que co apoio de Fernando o Católico rematou por ser aprobada polo Papa Xulio II. Entre ambos mandatos estableceuse un mandato de transición na figura do Arcebispo Pedro Luis de Borja (sobriño do papa Borxia Alexandre VI) entre o 28 de agosto e o 23 de outubro de 1507, co fin de salvar a prohibición de que un fillo sucedera ao pai nunha cadeira episcopal. A Alonso II quedoulle como título honorífico o de Patriarca de Alexandría e retirouse a gobernar as súas posesións desde Salamanca onde tería un enfrontamento verbal co Cardeal Francisco Jiménez de Cisneros.


Predecesor:
Alonso I de Fonseca
 Arcebispo de Compostela - Iria 
1464 - 1506
Sucesor:
Pedro Luis de Borja

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gran Enciclopedia Galega.
  2. Segundo relata na Historia Iriense Rui Vázquez

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]