Dinastía de Borgoña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Casa de Borgoña»)

A designación dinastía de Borgoña aplícase á dinastía real que gobernou nos reinos de Galiza (1092-1369), León (1126 e 1369), Castela (1157-1369) e Portugal (1096-1383). A rama da dinastía reinante en Portugal deriva do matrimonio de Henrique de Borgoña, fillo do Duque de Borgoña Roberto I, e Tareixa, filla natural do rei Afonso VI. A rama reinante en Galiza, León e Castela deriva do casamento entre Raimundo de Borgoña, fillo do Conde de Borgoña Guillerme I, e Urraca, filla do rei Afonso VI e Constanza de Borgoña.

Esta última casa de Borgoña non pertence á dinastía dos Capetos senón á dos Anscáridas, fundadores da Casa de Ivrea que reinou en Italia e no condado palatino de Borgoña, e non no ducado de Borgoña. A casa reinante en Galiza, León e Castela, desde o fillo do conde Raimundo e a Raíña Urraca, era unha rama da casa condal de Borgoña sen descendencia consanguinea de Hugo Capeto, e ocupou o trono até Pedro I, sendo sucedida despois pola Casa de Trastámara, unha rama menor bastarda, que reinou en todos os Reinos Peninsulares con excepción de Portugal, onde si reinaba unha rama da dinastía capeta, descendente da casa ducal de Borgoña.

Orixes[editar | editar a fonte]

A finais do século XI, as taifas andalusís atopábanse atrapadas entre os puxantes reinos cristiáns e o novo poder norteafricano dos almorábides. No ano 1075 algúns dos monarcas das taifas solicitaron do emir almorábide Iúsuf ibn Tasufín unha intervención militar na península. Esta intervención produciuse no 1086, un ano despois de que Afonso VI se anexionase Toledo atendendo á solicitude de axuda do seu aliado o rei Al-Cádir[1]. O emir Tasufín desembarcou en Alxeciras co seu exército e derrotou ás forzas cristiáns na batalla de Zalaca. Diante da derrota, Afonso VI solicitou o auxilio da igrexa e os reinos europeos organizaron unha cruzada ao mando do duque Eudes I de Borgoña a cal atacou Tudela no 1087[2]. Como xeito de consolidar a alianza con Borgoña, as fillas de Afonso VI, Urraca e Tareixa, casaron con dous dos cruzados borgoñóns, Raimundo e Henrique. Estes casamentos foron a orixe das dúas ramas dinásticas da casa de Borgoña na Península ibérica.

Dinastía de Borgoña en Galiza e León[editar | editar a fonte]

Casa de Borgoña en Galiza

Casa de Borgoña en Galiza e León

Raimundo de Borgoña e Urraca casaron arredor do ano 1090[3] e foilles asignado como feudo o Reino de Galiza[4] que abranguía desde o mar cantábrico até Coímbra. No ano 1096 o reino foi dividido ao crearse para Henrique e Tareixa o Condado de Portugal.

Da unión matrimonial de Raimundo e Urraca naceu Afonso VII, coroado Rei de Galiza no 1111, e do resto do imperio do seu avó no ano 1126. A instancias da alta nobreza de ambos reinos[5], no momento da súa morte, o emperador Afonso dividiu os seus dominios entre os seus fillos, asignando a Fernando os reinos de Galiza e Léon e a Sancho os de Castela e Toledo.

A Fernando II, rei de Galiza e León desde o 1157, sucedeuno o seu fillo Afonso VIII no ano 1188. Afonso gobernou os reinos até o ano 1230, momento do seu falecemento. Deixou como primeiro varón na liña sucesoria o seu fillo Fernando, na altura rei en Castela, o que implicaba un liderado castelá da posíbel reunificación dos reinos. Esta circunstancia non era desexada pola nobreza galaica polo que Afonso nomeou herdeiras as súas fillas Sancha e Aldonza. Porén, a carencia de apoios entre a xerarquía eclesiástica fixo que esta decisión non fose respeitada e o goberno do reino pasou a Fernando III que unificou as coroas de Castela, Léon e Galiza[6]. Posteriormente, no ano 1296, un neto seu, Xoán I, será novamente coroado rei de Galiza e León co apoio da alta nobreza galega. O seu reinado durou só 5 anos, sendo forzado a renunciar ao trono no ano 1301[7].

Dinastía de Borgoña en Portugal[editar | editar a fonte]

Casa de Borgoña en Portugal

No ano 1096, o rei Afonso VI dividiu o reino de Galiza, feudo do conde Raimundo, outorgando a Henrique de Borgoña e á súa filla Tareixa a parte sur, o Condado Portucalense. Henrique administrou o condado até o ano 1112 no que faleceu, deixando o título condal á súa esposa[8].

Tareixa, apoiada pola casa de Trava, entrou en conflito co seu fillo Afonso polo control do condado sendo derrotada na batalla de San Mamede no ano 1128, momento no que Afonso Henriques asumiu o dominio do condado. No ano 1139 Afonso foi proclamado rei pola nobreza portucalense após a batalla de ourique e no ano 1179 o papado recoñeceu a independencia do Reino de Portugal na bula Manisfestis Probatum[9].

Sancho I, fillo de Afonso Henriques, ocupou a rexencia do reino xunto coa súa irmá Teresa en vida do seu pai e sucedeuno no trono no ano 1185, data da súa morte. Sucedeu a Sancho o seu fillo Afonso II, no ano 1211, iniciando o seu reinado en disputa coas súas irmáns a causa do testamento paterno.

En 1233 ocupou o trono Sancho II, fillo de Afonso II. O reinado deste non durou moito tempo e en 1248 o seu irmán subiu ao trono, Afonso III. Foi este monarca quen rematou coa presenza musulmá en Portugal, adoptando desde ese momento o título de Rei de Portugal e do Algarve.

O seu fillo e sucesor, Dinís I, estableceu as fronteiras territoriais do reino no Tratado de Alcañices do ano 1297, e comezou un proceso de redistribución da terra e promoción da agricultura.

En 1325 sucedeuno Afonso IV, cuxo fillo, Pedro I, protagonizou un dos episodios máis coñecidos da historia de Portugal, que Luís de Camões incluíu n'Os Lusíadas, o amor de Pedro e Inés de Castro. Coa morte de Pedro I, o fillo primoxénito, Fernando I subiu ao trono en 1367.

En 1383 a súa filla, Beatriz, casou con Xoán I de Castela, o que complicou a continuidade da dinastía xa que implicaba a ameaza de anexión polo reino de Castela. Despois da elección de Xoán I como rei nas Cortes de Coímbra de 1385, considerase iniciada unha nova dinastía, pola creba na sucesión lexítima.

Dinastía de Borgoña en Castela[editar | editar a fonte]

Casa de Borgoña en Castela

O emperador Afonso VII, na hora do falecemento, asignou ao seu fillo Sancho o goberno dos reinos de Castela e Toledo. O reinado de Sancho II/III[a] tan só durou un ano, pasando á súa morte ao seu fillo Afonso I/VIII[b] o cal gobernou durante 56 anos.

No pasamento de Afonso, no ano 1214, herdou a coroa o seu fillo Henrique I que só contaba na altura con 10 anos de idade polo que a súa irmá Berenguela ocupou a rexencia do reino. Tres anos despois Henrique finou nun accidente[10], Berenguela renunciou á coroa e cedeulla o seu fillo Fernando, que gobernou Castela desde o ano 1217 até o ano 1252.

Dinastía de Borgoña en Castela, Galiza e León[editar | editar a fonte]

Casa de Borgoña en Castela, León e Galiza

No ano 1230, na morte de Afonso VIII, herda o goberno de Galiza e León o seu fillo Fernando III, rei de Castela, quen unificou as tres coroas até a súa morte en 1252. Sucedeuno o seu fillo Afonso X, coñecido como O Sabio pola súa erudición. Este impulsou o emprego da lingua de Castela na administración do reino, ao tempo que mantivo o galego como vehículo de expresión artística[11]. Faleceu en 1284 no medio dunha guerra aberta co seu fillo Sancho polo dereito de sucesión. Sancho foi coroado rei na súa morte e gobernou durante 9 anos. Cedeulle a coroa ao seu fillo Fernando IV en 1295. Fernando ostentou a coroa nun conflitivo reinado até 1312 cando o sucedeu o seu fillo Afonso, quen gobernaría á súa vez até 1350, cando faleceu da peste negra durante un asedio.

O sucesor de Afonso foi o seu fillo Pedro I, derrotado na guerra civil que mantivo co seu medio irmán Henrique, tras arrebatarlle este a coroa. Henrique é tradicionalmente considerado o iniciador da dinastía de Trastamara.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A historiografía española outorga erroneamente a Sancho o numeral III. Como segundo Sancho rei de Castela corresponderíalle o II.
  2. A historiografía española outorga erroneamente a Afonso o numeral VIII. Como primeiro Afonso rei de Castela corresponderíalle o I.
Referencias
  1. López Carreira 2008. p. 345.
  2. García-Osuna y Rodríguez, José María Manuel (2012). "El rey Alfonso VII «El Emperador» de León" (PDF). Anuario Brigantino (35): 99–100. 
  3. Portela Silva, Ermelindo (2013). Diego Gelmírez y el trono de Hispania. La coronación real del año 1111. O Século de Xelmírez (Consello da Cultura Galega). pp. 49–50. ISBN 978-84-9292353-3. 
  4. "Taboa de Tenentes do Condado de Galiza baixo a monarquía galaico-leonesa". Xenealoxías do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 11/10/2020. Consultado o 01/08/2018. 
  5. López Carreira 2008. p. 385.
  6. López Carreira 2008. p. 395.
  7. López Carreira 2008. pp. 400-403.
  8. "Henrique (D.).". Portugal - Dicionário Histórico, Corográfico, Heráldico, Biográfico, Bibliográfico, Numismático e Artístico (en portugués). pp. 900–901. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2014. Consultado o 27 de xullo de 2014. 
  9. "D. Afonso Henriques". Infopédia (en portugués). Porto Editora. Consultado o 23 de xaneiro de 2013. 
  10. Martin, George (12/2017). "Negociación y diplomacia en la vida de Berenguela de Castilla (1214-1246). Cuestionamiento genérico". e-Spania (4). 
  11. "Centre for the study of the Cantigas de Santa María". The Oxford Cantigas de Santa María database. Consultado o 10/08/2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]