Sancha Raimúndez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sancha Raimúndez
Infanta de Galicia, León e Castela

Nacemento
lugar descoñecido
ca. 1095/1102
Falecemento28 de febreiro de 1159
León
ProxenitoresRaimundo de Borgoña
Urraca de León e Castela

Sancha Raimúndez, nada entre os anos 1095 e 1102 e finada en León o 28 de febreiro de 1159, foi unha Infanta de Galicia, León e Castela, filla de Raimundo de Borgoña e da raíña Urraca I de León.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O conde Raimundo de Borgoña, pai da infanta Sancha.
A raíña Urraca de León, nai da infanta Sancha Raimúndez.

Sancha Raimúndez debeu nacer entre os anos 1095 —o ano do matrimonio dos seus pais— e 1102. Filla da futura raíña Urraca I de León e do conde Raimundo de Borgoña, era a irmá máis vella de Afonso Raimúndez, o futuro rei Afonso VII o Emperador, quen herdaría á morte da súa nai os tronos de León e Castela.

Criouse, ademais de en compañía da súa nai, canda ás súas tías, as infantas Sancha e Elvira, fillas de Afonso VI de León, que nese momento gozaban da posesión do Infantado, é dicir, un conxunto de mosteiros e igrexas distribuídos por todo o reino e que, á morte das súas propietarias —que unicamente podían seren infantas solteiras— debían volver á Coroa, como ocorreu no caso da infanta Sancha, que tamén ostentou a posesión dos Infantados dos reinos de Galicia, León e Castela.[1]

Á morte da súa nai a raíña Urraca, en 1126, sucedeuna o seu fillo Afonso quen nomeou como raíña á súa irmá a infanta Sancha, precedente que sentaba o seu avó Afonso VI de León ao outorgarlle o título de raíña á súa irmá a infanta Urraca de Zamora.[2] A infanta-raíña Sancha converteuse entón nunha das principais conselleiras e colaboradoras do seu irmán o rei, aparecendo case sempre o seu nome nos documentos públicos do seu irmán.

En 1127, un ano despois de falecer a súa nai, recibiu o Infantado de mans do seu irmán, o cal convertíaa en señora de varios dos mosteiros máis importantes do reino, entre eles o de santo Isidoro de León.[3] Primeiro tomou posesión do Infantado de León e, posteriormente, dos de Galicia e Asturias. Herdou todos os Infantados que había no reino de León, que eran os de Covarrubias, Val do Torío, León, Terra de Campos, o Bierzo e Asturias.[4] En 1138 impulsou a restauración do mosteiro de Santa María de Carracedo, cedéndoo aos monxes do mosteiro de Santa María de Valverde, de Corullón.

A infanta Sancha doou en 1141 o mosteiro de Santa María de Wamba, actualmente desaparecido, con todos os seus territorios, vilas, igrexas, hedades e pertenzas, á Orde de San Xoán de Xerusalén, «pro redemptione omnium peccatorum meorum, pro salvatione anime mee, pro anima patris et matris mee et pro etiam anime domine Gelbire, mee amite».[5]

Tradución: «para a redención de todos os meus pecados, para a salvación da miña alma, para a salvación das almas do meu pai e da miña nai, e tamén para a da alma de dona Elvira, a miña tía».

A doazón efectuada en 1141 aos Hospitalarios foi de tal magnitude que durante os anos seguintes, os contactos entre a infanta e os cabaleiros de San Xoán estiveron case sempre relacionados con esta doazón. As terras e lugares doados aos Hospitalarios formaran parte dun Infantado que pertencera ao conde Raimundo de Borgoña.[6] Sete anos despolis, en 1148, doou á Orde de San Xoán de Xerusalén a igrexa de Santa María de Olmedo e, un ano antes, en 1147, fundou o mosteiro de Santa María da Santa Espiña, na provincia de Valladolid, fundación que foi confirmada polo seu irmán o rei Afonso un ano despois.[7]

En 1148, reunidas as Cortes di reino na cidade de Palencia, a infanta-raíña Sancha conseguiu do seu irmán o Emperador, e dos bispos e os próceres do reino, que os cóengos agostiños que habitaban o mosteiro de Carbajal da Legua se trasladasen á colexiata de Santo Isidoro de León, Panteón dos Reis de León e, ao mesmo tempo, que as relixiosas beneditinas que habitaban en Santo Isidoro de León desde había máis de douscentos anos, se trasladasen ao mosteiro de Carbajal da Legua, cumprindo así a infanta coa orde do propio santo Isidoro de Sevilla que, nunha suposta aparición, lle ordenara que abandonasen o mosteiro.[8]

En 1156 doou á Orde dos Hospitalarios o poboado de San Juan de Arenas, no concello asturiano de Siero, a condición de que xamais o allearan,[9] e, nese mesmo ano, concedeu aos cóengos de Santo Isidoro de León o privilexio, rubricado polo seu irmán o rei, de que todos os homes que o desexaran podían declararse vasalos do mosteiro «por dereito de behetría», é dicir, que podían incorporarse á xurisdición do mosteiro levando todas as súas posesións, pero quedando dispensados desde entón de pagar ningún tributo ao rei.[10] Seu irmán Afono faleceu ao ano seguinte, en 1157, sendo sucedido no trono de León por Fernando II de León, e no de Castela por Sancho III o Desexado.

Outorgou testamento en 1159, no que, entre outras disposicións, ordenaba reintegrar a Santo Isidoro de León todas as posesións que ela se reservara de por vida, e que pertenceran no pasado ao mosteiro de San Xulián e Santa Basilisa de Ruiforco, e que estaban adscritas a Santo Isidoro de León desde a época de Afonso V de León. O patrimonio do mosteiro de Ruiforco de Torío constituíu o núcleo central do Infantado de Torío e, debido ao testamento da infanta Sancha, que foi feito efectivo polo seu sobriño Fernando II de León, quedou vinculado definitivamente a Santo Isidoro de León.[10]

Morte e sepultura[editar | editar a fonte]

A infanta-raíña Sancha faleceu o día 30 de febreiro de 1159 e recibiu sepultura no Panteón de Reis de Santo Isidoro de León, onde fora enterrada a súa nai, a raíña Urraca. Os restos mortais da infanta Sancha, que se conservan incorruptos na actualidade, foron depositados no interior dun sepulcro de pedra, que aínda se conserva, sobre cuxa cuberta, que aínda que está partida pola metade se conserva íntegra, foi esculpido o seguinte epitafio latino:[11]

Hesperiae speculum, decus orbis, gloria Regni, HIC REQUIESCIT REGINA DOMNA SANCIA, SOROR IMPERATORIS justitia culmen, et pietatis apex Santia pro ADEFONSI FILIA URRACHAE ET RAIMUNDI, HAEC STATUIT meritis inmensum nota per orbem, proh dolor¡ exiguo ORDINEM REGULARIUM CANONICORUM IN ECCLESIA ISTA, ET clauderis in tumulo, Sol bis sexcentos, QUIA DICEBAT BEATUM ISIDORUM SPONSUM SUUM, demtis tribus, egerat annes, cum pia subcubuit VIRGO OBIIT ERA M. C. LX VII PRID. KAL. MARTII finis erat Februarii.
Panteón de Reis de Santo Isidoro de León.

Durante a guerra da Independencia, o Panteón de Reis de Santo Isidoro de León foi convertido en corte para os cabalos, e os cadáveres alí sepultados foron extraídos dos seus sepulcros polos soldados franceses e amoreados nun recuncho, sendo despois recollidos polos cóengos da colexiata e levados á igrexa de Santa Marina de León, excepto o da infanta Sancha que, debido á veneración que se lle profesaba, foi levado á casa dun veciño de León, onde permaneceu até o final da contenda, en que foi devolta ao templo de Santo Isidoro en presenza das autoridades da cidade, sendo colocada a momia nun sepulcro, aínda que sen tapa, pois a lauda do verdadeiro sepulcro da infanta apareceu varios anos despois, partida pola metade.[12]

En 1858, Isabel II visitou a Basílica de Santo Isidoro de León e contemplou a momia da infanta Sancha, que estaba espida.
Por iso, cando a raíña regresou a Madrid, enviou un manto de brocado de ouro para que a momia fora vestida con el, aínda que dito manto desapareceu durante o Sexenio Revolucionario, segundo parece subtraído polo gobernador provincial, a quen lle fora prestado para que fixera unha copia del, co fin de que a súa esposa fixera unha réplica para ela, e que, porén, nunca devolveu.[12]

Durante o estudo levado a cabo en 1997 das tumbas do Panteón de Reis de Santo Isidoro de León constatouse que o cadáver da infanta achábase incorrupto, característica que comparte co do infante Fernando, fillo de Fernando II de León, que tamén xace sepultado alí.[13] Introducida no coxín onde repousaba a cabeza da infanta Sancha achouse unha carta, datada o día 22 de decembro de 1868, na que se manifesta: «No ano 1868, reinando dona Isabel II, atopábase o Panteón dos reis nun estado de completo abandono, e o cadáver da raíña dona Sancha, perfectamente conservado en estado de momia, encontrábase en completa nudez. O Panteón foi restaurado polo celo do Gobernador desta provincia, D. Manuel Rodríguez Monje e pola súa filla Dona Carmen vestiuse devandito cadáver con roupa de tisú da raíña dona Isabel II, regalo para este efecto.»[14][13]

Porén o anterior, diversas fontes sinalan que a infanta Sancha foi enterrada na catedral de Zamora,[15] mentres que outras sosteñen que foi sepultada na colexiata de San Cosme e San Damián de Covarrubias.[16] No muro esquerdo do presbiterio da catedral de Zamora está colocado un epitafio, composto en 1620-1621 por Alonso de Remesal, no que se consigna que a infanta Sancha recibiu sepultura alí:[17]

HIC IACET ILLUSTRIS DOMINA SANCIA INFANTISSA SOROR ADEPHONSI IMPERATORIS

Por outra parte, na colexiata de Covarrubias hai un sepulcro de pedra, datado no século XV, que se supón que contén os restos da infanta Sancha, quen concedeu os seus foros á localidade de Covarrubias no ano 1148.[18] Sobre a tapa do sepulcro atribuído á infanta aparece esculpida a cruz abacial e na fronte está colocado o escudo acuartelado de Castela e León, que lle fora concedido á infanta Sancha polo seu irmán o rei.[19]

No mosteiro de Santa María da Santa Espiña, situado na provincia de Valladolid, xunto ao retablo do altar maior, no lado do Evanxeo, se sitúa unha estatua orante que representa á infanta Sancha Raimúndez, realizada en alabastro, aínda que a infanta non recibiu sepultura alí.[11]

Legado[editar | editar a fonte]

A infanta-raíña Sancha, ao igual que o seu irmán Afonso, efectuou grandes doazóns ao templo de Santo Isidoro de León, no que residiu de forma permanente antes de que fora habitado polos cóengos agostiños, en 1148, e na súa época finalizaron as obras emprendidas na nova igrexa de Santo Isidoro de León en tempos da infanta Urraca de Zamora. A infanta, que se autochamaba «esposa de Santo Isidoro», foi colmada de eloxios incluso estando aínda en vida, e os cóengos agostiños de Santo Isidoro a consideraban a súa fundadora.[8]

Despois da súa defunción, a institución do Infantado entrou en decadencia e desapareceu practicamente como tal, posto que xa non sería patrimonio das infantas solteiras. Anos despois da defunción de Afonso VII de León, o rei Afonso VIII de Castela doou os bens do Infantado castelán a diferentes igrexas, como a colexiata de Covarrubias ou o mosteiro das Huelgas de Burgos, mentres que no reino de León, o seu tío Fernando II de León doou á súa irmá Sancha de Castela, raíña de Navarra, todo o Infantado leonés.[20]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. García Martínez (2005: 84-45)
  2. García Martínez (2005: 80)
  3. Martin (2008: 12)
  4. González Flórez (1981: 51-52)
  5. Martin (2008: 16)
  6. Barquero Goñi(1994: 15-16)
  7. Arco y Garay (1954: 198)
  8. 8,0 8,1 Viñayo González (1998: 26)
  9. Barquero Goñi (1994: 16-17)
  10. 10,0 10,1 González Flórez (1981: 52-53)
  11. 11,0 11,1 Arco y Garay (1954: 199)
  12. 12,0 12,1 Hidalguía (julio-septiembre 1953: 353)
  13. 13,0 13,1 Prada (1998)
  14. Orixinal en castelán: «En el año 1868, reinando doña Isabel II, se hallaba el Panteón de los reyes en un estado de completo abandono, y el cadáver de la reina doña Sancha, perfectamente conservado en estado de momia, se encontraba en completa desnudez. El Panteón fue restaurado por el celo del Gobernador de esta provincia, D. Manuel Rodríguez Monje y por su hija Doña Carmen se vistió dicho cadáver con ropa de tisú de la reina doña Isabel II, regalo para este efecto.»
  15. Pérez et al. (1782:116)
  16. Arco y Garay (1954: 200)
  17. Rivera de las Heras (2001: 43)
  18. García Esteban (1998: 45)
  19. García Esteban (1998: 33)
  20. Martin (2008: 85)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Arco y Garay, Ricardo del (1954). Instituto Jerónimo Zurita. Consejo Superior de Investigaciones Científicas., ed. Sepulcros de la Casa Real de Castilla. Madrid. 
  • García Calles, Luisa (1972). Centro de Estudios e Investigación "San Isidoro", ed. Doña Sancha, hermana del Emperador. (Fuentes y Estudios de Historia Leonesa; 7. Anejos del Anuario de Estudios Medievales ; 2). León. 
  • García Esteban, Emiliano; Cuevas, Santiago Alonso (1998). Covarrubias. Burgos: Editur. ISBN 84-923-8050-0. 
  • Pérez González, Maurilio (1997). Universidad de León, Secretariado de Publicaciones, ed. Crónica del Emperador Alfonso VII. León. ISBN 84-7719-601-X. 
  • Viñayo González, Antonio (1998). Real Colegiata de San Isidoro: Historia, Arte y Vida. León: Edilesa. ISBN 84-8012-201-3. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]