Fachada do Obradoiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fachada do Obradoiro

A fachada do Obradoiro é a fachada principal, orientada ó Oeste, da Catedral de Santiago de Compostela, resultado de sucesivas modificacións sobre a construción orixinal desde os séculos XVI e XVII e rematada por Fernando de Casas Novoa entre 1738 e 1750.

A fachada converteuse no símbolo da catedral e da cidade de Santiago de Compostela. Proba da súa representatividade é o gravado que aparece no reverso das moedas españolas de 1, 2 e 5 céntimos de euro.

Construción[editar | editar a fonte]

Cando o Mestre Mateo construiu o Pórtico, a fachada da Basílica estaba formada por tres arcos (amplo o central e menores os dos lados) e pechada por dúas torres cuadrangulares, que hoxe forman os corpos inferiores das torres actuais. A fachada de Mateo conservou a súa estrutura orixinal ata a primeira metade do século XVI, cando se pechou o templo con dúas grandes portas. A torre sur foi reforzada nos séculos XV, XVI e XVII, e sobre ela ergueu José Peña de Toro a actual torre barroca (no XVII).

Grazas a un debuxo de José Vega y Verdugo datado en 1657 coñécese como era a fachada medieval, antes da reforma de Casas Novoa no XVIII. Un dos elementos característicos daquela é un gran rosetón no remate do corpo central. Cando Casas Novoa desmontou a fachada, en 1738, o rosetón desapareceu, ata que no século XX Chamoso Lamas atopou varios fragmentos cos que realizou unha reconstrución parcial, grazas ó devandito debuxo da fachada de Vega y Verdugo. Esta reconstrución exponse actualmente no Museo da Catedral.

Casas Novoa construiu a fachada central, a torre sur, á esquerda, e a galería arcebispal a xogo coa que, como contraforte, existía baixo a torre sur. As esculturas da fachada son obra de Gregorio Fernández, Antonio Vaamonde, Gambino e outros; a policromía débese a García Bouzas.

As obras remataron en febreiro de 1750 e inaugurada con grandes fastos. Nesa altura, o arquitecto xa morrera (o 25 de novembro do ano anterior), e fora sepultado na Capela do Espírito Santo, no interior da Catedral.

Descrición[editar | editar a fonte]

Detalle

Consta dun corpo central e dúas rúas laterais, e está flanqueada por dúas altas torres chamadas torre das Campás (ó sur) e torre da Carraca (ó norte).

O corpo central, ou espello, estrutúrase verticalmente entre dous pisos de columnas exentas. O primeiro piso está representado por un arco partido por parteluz e dúas grandes portas, que coinciden cos dous vans do Pórtico da Gloria. Sobre elas, un tímpano de cristal. No segundo piso, outro gran arco acolle dúas grandes ventás acristaladas que buscan, como o tímpano inferior, permitir a entrada da luz exterior para a iluminación do Pórtico e das naves da igrexa [1].

Está coroado por unha espadana na que se abre unha fornela coa imaxe do Apóstolo Santiago vestido de peregrino e recibindo a homenaxe de dous monarcas. Ós lados, dúas bólas cun par de anxos cada unha, sostendo cruces de Santiago. Baixo o Apóstolo, unha estrutura circular coroada por unha estrela (que representa as luminarias que viu o ermitán Paio) contén a urna na que se atopou o seu corpo, todo rodeado de cabezas de anxos. E a ámbolos lados, outros dous nichos coas estatuas dos seus dous discípulos, Atanasio e Teodoro, tamén vestidos de peregrinos.

Na torre da dereita ábrese unha fornela coa imaxe de María Salomé, nai de Santiago, e na torre da esquerda outra coa do seu pai, Zebedeo.

As torres baséanse en cadanseu contraforte, de planta cuadrangular, coroados por unha balaustrada coas imaxes de santa Susana [2] e san Xoán Evanxelista na esquerda e de santa Bárbara e Santiago o Menor na dereita.

A unión das torres co corpo central faise cunhas estruturas cóncavas cos trofeos do Apóstolo.

Acceso[editar | editar a fonte]

Para subir ata a entrada da fachada atópase unha dobre escaleira, realizada no século XVII por Ginés Martínez, de estilo renacentista inspirada na de Giacomo da Vignola do Palacio Farnesio (Roma), en forma de rombo con dúas ramplas que rodean a entrada á antiga cripta románica do século XII do Mestre Mateo, denominada popularmente «Catedral Vella». Sobre a porta á cripta hai un escudo do arcebispo Maximiliano de Austria e, sobre el, un relevo que representa o Apóstolo na batalla de Clavijo.

Sobre o balaústre da escaleira elévanse as figuras dos reis David e Salomón, atribuídas ó Mestre Mateo. As escaleiras están pechadas por unha reixa do século XVIII.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alejandro Barral afirma que tal amplitude de espazos acristalados non foi superada ata a época industrial.
  2. Copatrona da cidade de Santiago.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Barral Iglesias, Alejandro, e Suárez Otero, José: Catedral de Santiago de Compostela y Museo. Edilesa, León 2003.
  • Ortega Romero, María del Socorro: Gran Enciclopedia Galega, s. v. Casas Novoa, Lugo 2003.
  • Yzquierdo Peiró, Ramón: Museo Catedral de Santiago. Cabido da Catedral, 2011.