Maior Guntroda Rodríguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Maior Rodríguez

Falecemento1129
SepulturaCemiterio da Catedral de Santiago
Cónxuxe/sPedro Froilaz de Traba
DescendenciaRodrigo, García, Vasco, Eva, Toda, Urraca, Sancha, Estefanía, Elvira, Aldara.
Liñaxe / DinastíaLiñaxe Traba[1]
Familia Froilaz-Traba
ProxenitoresRodrigo Muñoz
Dona Teresa

Escudo de Maior Guntroda Rodríguez

Maior Rodríguez, tamén chamada Guntroda, foi unha aristócrata de orixe leonesa que viviu durante os séculos XI e XII. Foi a segunda esposa do conde Pedro Froilaz de Traba, xunto ao cal tivo a tutela do príncipe Afonso Raimúndez (Afonso VII) durante diversas etapas da súa infancia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Castelo de Ribadavia (Castrelo do Miño). Fortaleza na que Arias Pérez e Diego Xelmírez, arrebataron a Guntroda a custodia do príncipe Afonso Raimúndez.

Maior Guntroda Rodríguez (Guntrode Roderiquiz) foi filla do conde Rodrigo Muñoz de Asturias e da súa muller Teresa[2]. Da súa familia herdou diversas propiedades, en Santa María de Carrión e arredor dos ríos Araduey e Cea, coas que efectuou nos derradeiros anos da súa vida varias doazóns ao mosteiro de Sahagún, cenobio do que foi unha grande benfeitora[3]. Casou no 6 de maio do ano 1105 con Pedro Froilaz, conde de Trastámara e líder da liñaxe dos Froilaz-Traba. A partir da data do casamento a condesa Maior comezou a figurar como confirmante nas doazóns territoriais do seu esposo e nas doutros membros da súa estirpe familiar.

Titora de Afonso Raimúndez[editar | editar a fonte]

Pedro Froilaz era na altura o mais importante vasalo de Raimundo de Borgoña (totius gallecie princeps)[4], quen lle confiou a crianza do seu fillo Afonso[a], herdeiro do reino galego[5]. A infancia do neno discorreu nos dominios tradicionais do clan Petriz[6], nas terras de Trasancos, baixo as atencións da condesa Maior e doutros membros da súa parentela familiar[7].

No ano 1109, após a morte do conde Raimundo, a súa viúva Urraca, filla do rei Afonso VI, casou con Afonso I de Aragón. Este feito poñía en perigo os dereitos sucesorios do príncipe Afonso, motivo polo cal Pedro Froilaz proclamouno rei de Galiza dando inicio a unha revolta nobiliaria na que os exércitos de Afonso de Aragón e Urraca invadiron os territorios galegos. Durante este período bélico, arredor de tres meses, o infante Afonso permaneceu agochado, probabelmente na compaña de Guntroda e os seus fillos, no mosteiro de Moraime en Muxía[8].

Logo da expulsión das forzas do rei de Aragón, os Froilaz, que contaban co apoio do conde de Portucale Henrique de Borgoña, trasladaron o neno baixo o coidado da súa aia dona Maior até o castelo de Castrelo do Miño, en Ribadavia, mais próximo aos dominios territoriais de Henrique[9]. Nesta fortaleza foron cercados por partidarios da raíña Urraca que unha vez fracasados os intentos de conquistar o castelo polas armas, negociaron unha saída pactada de Guntroda, os seus fillos e o infante cara os dominios dos Froilaz. O bispo de Compostela Diego Xelmírez actuou como garante do acordo. Confiando no prelado a condesa Maior abandonou a seguridade do castelo mais, unha vez que se permitiu a entrada das tropas inimigas, estas abalanzáronse sobre ela arrebatándolle o príncipe, o cal portaba nos seus brazos, prendéndoa a continuación xunto cos seus fillos[10].

E mentres (Guntroda) consideraba que alí estaba segura na presenza de tal pai (Xelmírez), unha terríbel turba de traidores (..) precipitouse pola porta do castelo correndo para apoderarse do neno que tiña no colo (Afonso Raimúndez) (..) E como ela se esforzaba por libralo das súas mans, ameazárona terribelmente ruxindo contra ela, (..) Posto que estas palabras feriran os ouvidos do pontífice (Xelmírez), este tomou suavemente das mans da condesa o neno case sen vida e entregoullo a Ordoño, o seu coidador, para que o custodiase. Finalmente, levaron presa con grande desgraza a condesa, que azoutaba as súas meixelas con vehemente violencia e que se desfacía en bágoas como un río impetuoso, xunto co seu señor e algúns outros na cima da torre desde a que descendera voluntariamente.
Historia Compostellana - Capítulo LIII - Libro I[11]

Mediante negociacións co captor de Guntroda Arias Pérez e Xelmírez, Pedro Froilaz conseguiu a liberación dos reféns en xaneiro do 1111. Pactando ademais unha alianza co prelado compostelán que permitiu coroar como rei o príncipe Afonso na Catedral de Compostela en setembro dese mesmo ano. Esta alianza con Xelmírez custou aos Froilaz diversas concesións á sé compostelá, a mais significativa supuxo a fin do chamado preito dos arciprestados, xurisdicións eclesiásticas situadas nos seus dominios que Xelmírez reclamaba ao bispo mindoniense Gonzalo Froilaz[12]. Guntroda figura no documento que sela este acordo, datado en febreiro do 1110, inmediatamente despois do conde Pedro[13].

Polas mesmas datas, o problemático matrimonio entre a raíña Urraca e Afonso de Aragón deveu nunha guerra civil na que a raíña precisaba da axuda da nobreza galega seguidora do seu fillo. No ano 1112 trasladouse a Galiza e iniciou unha serie de concesións económicas para garantir o seu apoio, nunha delas outorga ao conde Pedro e a súa dona "Maiori Roderici" importantes propiedades territoriais en varios puntos de Galiza[14]. Catro anos mais tarde, estalou o conflito en Galiza entre os partidarios da raíña e os do seu fillo Afonso[15]. Pedro Froilaz que levara a Afonso Raimúndez a Toledo, onde combatía contra os almorábides, tivo que regresar rapidamente a Compostela. Ali, Afonso Raimúndez foi recibido como rei de Galiza nunha ateigada cerimonia. Este feito que independizaba o reino galego dos restantes dominios de Urraca provocou a súa intervención militar. Pedro Froilaz deixou en Compostela o neno-rei de once anos baixo coidado de dona Maior e unha importante escolta mentres el marchaba co seu exército. A ameaza dunha sublevación dos burgueses composteláns, enfrontados ao seu señor o bispo Xelmírez e a proximidade do exército de Urraca, fixo que a condesa, tal vez lembrando os sucesos de Castrelo do Miño decidise abandonar a cidade co príncipe e a súa garda militar para unirse ao exército do seu home[16][17].

Aínda no 1123, tres anos antes da súa morte, Urraca tentou recuperar o dominio do reino galego, para o cal conseguiu capturar a condesa Guntroda, o conde Pedro e algúns dos seus fillos, mais a masiva revolta nobiliaria que este feito provocou fixo que tivese que desistir definitivamente de tal empeño[18].

Confirmación de varios membros da familia Froilaz-Traba nunha doazón de Rodrigo Froilaz ao Mosteiro de Xuvia. Entre eles a condesa dona Maior (comitissa dona maior)

Morte e soterramento[editar | editar a fonte]

Quintana de Mortos, antigo cemiterio da Catedral de Compostela e lugar onde foi soterrada a condesa Maior Guntroda

A condesa Maior Rodríguez faleceu pouco despois do 6 de xuño do 1129, data da súa última aparición documental[3]. Tres anos antes, no 1126[19], falecera tamén o seu home Pedro Froilaz. Antes da súa morte ambos redactaran un amplo inventario de posesións que foron cedidas á sé compostelá co probábel obxecto de facer desta o panteón da súa estirpe familiar[20]. A lista de bens foi tan extensa que o cronista da Historia Compostelá renunciou a enumeralos todos e o bispo Xelmírez preferiu repartilos entre as dioceses das zonas das que procedían. A entrega dos bens produciuse en dúas etapas unha á morte do conde e a segunda só se entregou despois da morte da condesa[21].

A condesa foi soterrada xunto ao seu home nun sartego de pedra berroqueña na praza da Quintana, cemiterio da Catedral de Compostela. No século XVI ambos os sepulcros foron trasladados ao interior da catedral, á capela dos reis, e a eles acostumaba ir o cabido catedralicio en certos días do ano cantar un responso ab Comités[22]. Descoñécese o paradeiro actual dos restos da condesa Guntroda, é posíbel que o seu ataúde fose unha das tres tumbas descoñecidas que o historiador Ambrosio de Morales describiu na súa visita á Catedral de Santiago no ano 1572: "As outras tres sepulturas son tumbas rasas, que non teñen labor, senón só as Cruces planas"[23].

Descendencia[editar | editar a fonte]

Do seu casamento con Pedro Froilaz a condesa Guntroda deixou dez fillos:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Era habitual no período medieval que a mais importante familia do reino criase na súa casa o herdeiro do trono. Esta práctica, denominada fosterage, será repetida no futuro polo propio Afonso Raimúndez (Afonso VII) que confiará a crianza do seu fillo Fernando a Fernando Pérez de Traba, fillo de Pedro Froilaz. O propio Fernando (Fernando II) confiou tamén o seu fillo Afonso (Afonso VIII) aos Traba. Foi criado por unha filla de Fernando Pérez, Urraca e o seu marido Xoán Ares de Nóvoa.
Referencias
  1. "Liñaxe Traba S.X". Xenealoxias do Ortegal. Consultado o 10/12/2018. 
  2. Salazar Acha, Jaime (1989). "Los descendientes del conde Ero Fernández, fundador del monasterio de Santa María de Ferreira de Pallares". El museo de Pontevedra (43): 75–76. 
  3. 3,0 3,1 LÓPEZ SANGIL 2005. p. 24
  4. Barón Faraldo, Andrés (2011). "Magnates y nobiles en la curia del conde Raimundo de Borgoña. Totius Gallecie Princeps (c. 1091-1107)" (PDF). Estudios Mindonienses (27): 548. 
  5. Pena Graña, André (1992). Narón, un concello con historia de seu. 2. Concello de Narón. p. 93. 
  6. Pena Graña, André (1992). Narón, un concello con historia de seu. 2. Concello de Narón. p. 57. 
  7. Pena Graña, André (2004). Treba y Territorium. Génesis y desarrollo del mobiliario e inmobiliario arqueológico institucional de la Gallaecia. Universidade de Santiago de Compostela. pp. 413–414. 
  8. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 338. 
  9. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 345. 
  10. Pena Graña, André (1992). Narón, un concello con historia de seu. 2. Concello de Narón. p. 104. 
  11. Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia Compostelana. AKAL. p. 161. 
  12. Pena Graña, André (1992). Narón, un concello con historia de seu. 2. Concello de Narón. p. 101. 
  13. Falque Rey, Emma (ed.). Historia Compostelana. AKAL. p. 140. 
  14. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 374. 
  15. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 449. 
  16. Falque Rey, Emma (ed.). Historia compostelana. AKAL. p. 258. 
  17. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 452–456. 
  18. López Ferreiro, Antonio (1901). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 4. p. 90. 
  19. López Teixeira, Xosé Antonio (2013). Rex et Regina. Urraca, Afonso Raimúndez e a monarquía galega. Toxos Outos. p. 202. 
  20. Barón Faraldo, Andrés (2006). "O grupo aristocrático dos Fróilaz nas terras do Eume. Implantación territorial e estrutura do dominio durante os séculos XI e XII" (PDF). Cátedra: revista eumesa de estudios 13: 367. 
  21. López Ferreiro, Antonio (1901). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 4. p. 137. 
  22. López Ferreiro, Antonio (1901). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 4. p. 138. 
  23. Flórez, Henrique (1765). Viage de Ambrosio de Morales por orden del Rey D. Phelippe II a los Reynos de León, y Galicia y Principado de Asturias. pp. 126–127. 
  24. LÓPEZ SANGIL 2005. pp. 106-109
  25. 25,0 25,1 LÓPEZ SANGIL 2005. p. 110
  26. 26,0 26,1 LÓPEZ SANGIL 2005. p. 111
  27. 27,0 27,1 27,2 LÓPEZ SANGIL 2005. p. 117
  28. 28,0 28,1 LÓPEZ SANGIL 2005. p. 118

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]