Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela é a institución encargada de custodiar o patrimonio documental e bibliográfico do Cabido e a Catedral de Santiago de Compostela, integrado por volumes e documentos dende a Idade Media até a actualidade.

Está situado nun dos brazos do claustro da Catedral, e ofrece servizos de consulta e documentación. É un dos principais centros de investigación xacobea do mundo.

Un grave incendio ocorrido en 1751 afectou seriamente a sala capitular e a biblioteca, estancias que foron reconstruídas por Lucas Ferro Caaveiro (discípulo de Casas Novoa). No teito da biblioteca consérvanse frescos da vida do Apóstolo, realizados por Arias Varela en 1756. O da sala capitular mostra unha policromía de ouros sobre branco.

O arquivo foi construído por Clemente Fernández Sarela.

Historia[editar | editar a fonte]

A orixe do Arquivo da Catedral compostelá encóntrase no thesaurum medieval e nas organizacións documentais que foron desenvolvidas polos arcebispos Diego Xelmírez (na primeira metade do século XII), e Berenguel de Landoira (no primeiro cuarto do XIV). Desde o mesmo momento da inventio, ou descubrimento no século IX da tumba apostólica, o enorme desenvolvemento político e socioeconómico da nova institución eclesiástica que velaba polo enclave foi impondo a conservación, como garante dos seus dereitos, de todo tipo de documentación: real, pontificia, eclesiástica e civil; unha documentación integrada, canda os volumes e códices existentes, no Tesouro.

Aos poucos, co paso dos séculos foise conformando unha masa documental integrada por documentación en tombos, documentos soltos, e posteriormente atados de época moderna e contemporánea. Foi o primeiro bispo e arcebispo da sede, Diego Xelmírez, cara ao primeiro terzo do século XII, o primeiro que desenvolveu unha ordenación minimamente arquivística do conxunto, cunha selección de documentación, organización da mesma e copia en novos soportes, dando lugar a volumes como o Tombo A (séculos XII-XIII) na súa primeira fase, cartulario coa documentación rexia dos séculos IX-XIII e cunha galería de miniaturas de reis, raíñas e infantas de Castela e León. Desta centuria destaca tamén o Códice Calixtino, pedra angular da historia medieval xacobea.

Dous séculos despois o arcebispo Berenguel de Landoira, tras sufocar unha revolta urbana en Santiago de Compostela, emprende unha segunda labor de ordenación, sobre a mesma base de selección, ordenación, organización e copia de documentación para renovar o soporte. Así, prodúcense os tombos B e C, con documentación real, pontificia, eclesiástica e civil.

Documentación[editar | editar a fonte]

Na actualidade os fondos do Arquivo-Biblioteca están integrados por máis de 11.000 documentos medievais, gran cantidade de documentación de época Moderna e Contemporánea, máis de 4.000 volumes na Biblioteca Antiga, desde o século XV ata o XIX, e unha Biblioteca Xacobea de apoio a investigadores.

Documentación medieval[editar | editar a fonte]

Entre os documentos medievais, destacan os seguintes:

  • Os tombos A, B e C son chamados maiores; os tombos D, E, F, G, H e os tombiños de Tenzas, Constitucións, Concordias son chamados tombos menores. Compleméntanse nos cadernos e libros de Rendas e Bens da Mitra, do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago; nos libros de Aniversarios e nos libros de Actas Capitulares.[1]
  • Historia Compostelá.
  • Crónica de Santa María de Iria.
  • Colección de Documentos Soltos.
  • Colección Guerra Campos.
  • Colección López Ferreiro.
  • Colección de Tomos de Varia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "A documentación eclesiástica galega" (PDF). Gallaeciae Monumenta Historica: Consello da Cultura Galega. Consultado o 21 de xuño do 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • GONZÁLEZ BALASCH, M. T.: Tumbo B de la Catedral de Santiago, Santiago de Compostela, 2004.
  • IGLESIAS ORTEGA, A., SEIJAS MONTERO, M., SANDOVAL VEREA, F.: Guía del Archivo de la Catedral de Santiago, Santiago de Compostela, 2007.
  • LEIRÓS FERNÁNDEZ, E. "Los tres Libros de Aniversarios de la Catedral compostelana", en Compostellanum, vol. XV, nº 2 (1970).
  • LÓPEZ ALSINA, F.: "O Arquivo Catedralicio de Santiago", en BARREIRO, X. R. (coord.): Inventario das fontes documentais da Galicia medieval, Santiago de Compostela, 1988, p. 33–34
  • LUCAS ÁLVAREZ, M.: Tumbo A de la Catedral de Santiago, A Coruña, 1998.
  • NOVÁS PÉREZ, M. E.: Catalogo de la Colección Guerra Campos del Archivo-Biblioteca de la Catedral de Santiago, Santiago de Compostela, 2009.
  • SÁNCHEZ SÁNCHEZ, X. M.: "Recuento de las fuentes medievales del Archivo de la Catedral de Santiago de Compostela", en Compostellanum, vol. LI, nº 3-4 (2006), p. 313–323.
  • SÁNCHEZ SÁNCHEZ, X. M.: La Iglesia de Santiago y el Pontificado en la Edad Media (1140-1414). Bulario medieval de la Catedral de Santiago, Santiago de Compostela, 2006.
  • SÁNCHEZ SÁNCHEZ, X. M.: A Colección López Ferreiro do Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, 2009.
  • SÁNCHEZ SÁNCHEZ, X. M.: Catálogo de Manuscritos do Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, 2009.
  • SOUTO CABO, J. A., Vasques, R.: Crónica de Santa María de Íria, Santiago de Compostela, 2001.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]