Saltar ao contido

Leonardo da Vinci

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaLeonardo da Vinci

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(it) Leonardo di ser Piero da Vinci Editar o valor en Wikidata
15 de abril de 1452 Editar o valor en Wikidata
Anchiano (República de Florencia) Editar o valor en Wikidata
Morte2 de maio de 1519 Editar o valor en Wikidata (67 anos)
Clos Lucé (Reino de Francia) Editar o valor en Wikidata
Causa da mortehemorraxia cerebral Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCastelo de Amboise (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
ResidenciaFlorencia (1500–)
Milán (1482–1500)
Florencia (1469–1482)
Roma
Venecia Editar o valor en Wikidata
RelixiónAteísmo Editar o valor en Wikidata
Lateralidademanicho Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoArquitectura do Renacemento, escenografía, enxeñaría, Fisioloxía e pintura Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Amboise
Milán
Roma
Mantua
Florencia
Venecia Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpintor, botánico, químico, fisiólogo, físico, compositor, zoólogo, científico, caricaturista, deseñador, debuxante arquitectónico, escritor, inventor, enxeñeiro civil, filósofo, astrónomo, enxeñeiro, diplomático, anatomista, escultor, matemático, arquitecto, polímata, artista visual Editar o valor en Wikidata
Período de actividade - 1519 Editar o valor en Wikidata
EmpregadorLudovico Sforza (pt) Traducir (1482–1500)
César Borgia Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticoRetrato, pintura relixiosa e arte sacra Editar o valor en Wikidata
MovementoAlto Renacemento e Renacemento Editar o valor en Wikidata
Catálogo críticoLeonardo da Vinci: The Complete Paintings and Drawings (en) Traducir (2003) Editar o valor en Wikidata
ProfesoresAndrea del Verrocchio, John Argyropoulos e Paolo dal Pozzo Toscanelli Editar o valor en Wikidata
AlumnosPontormo, Francesco Melzi, Andrea Solari, Cesare da Sesto e Gian Giacomo Caprotti (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
MecenasLudovico Sforza (pt) Traducir (1482–)
Lourenzo de Medici (1477–)
Francisco I de Francia Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
Cónxuxesen valor Editar o valor en Wikidata
PaisPiero da Vinci Editar o valor en Wikidata  e Caterina di Meo Lippi Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Леонардо да Винчи)
Teutsche Academie der Edlen Bau- Bild- und Mahlerey-Künste (en) Traducir, (sec:da Vince, Florentinischer Mahler und Bildschneider. 81/ 82/ seqq., 82)
Le vite de' più eccellenti pittori, scultori e architettori, (sec:V4.1, Lionardo da Vinci pittore e scultore fiorentino) Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm1827914 BNE: XX971832 Bitraga: 2915 Musicbrainz: dc0640db-f5db-4fde-a5ca-ab1331f94a43 Discogs: 2132839 WikiTree: Vinci-33 Find a Grave: 3673 Editar o valor en Wikidata
Estatua de Leonardo da Vinci na Galería Uffizi.

Leonardo da Vinci (It-Leonardo di ser Piero da Vinci.ogg Leonardo di ser Piero da Vinci ), nado en Anchiano, Toscana (República de Florencia), preto de Vinci, o 15 de abril de 1452[1] e finado en Amboise (Francia) o 2 de maio de 1519,[2][3] foi un artista florentino e destacado polímata[4] en diferentes eidos: foi pintor, arquitecto, enxeñeiro, científico, escultor, inventor, urbanista, matemático, escritor e músico,[5][6][7] icona do Renacemento italiano.

Frecuentemente descrito como un arquetipo e símbolo do home do Renacemento, xenio universal, ademais de filósofo humanista cuxa curiosidade infinita só pode ser equiparable á súa capacidade inventiva,[8] Leonardo da Vinci é considerado como un dos máis grandes pintores de tódolos tempos e, probablemente, é a persoa co maior número de coñecemento en múltiples disciplinas que xamais existiu.[9]

É máis coñecido como pintor e dúas das súas obras máis soadas son a Mona Lisa, tamén coñecida como A Gioconda, e A Última Cea, copiadas e parodiadas en múltiples ocasións, do mesmo xeito que o seu debuxo do Home de Vitruvio, que chegaría a ser retomado en numerosos traballos derivados. Porén, só se coñecen unha vintena das súas obras, debido principalmente aos seus constantes (e ás veces desastrosos) experimentos con novas técnicas e á súa inconstancia crónica.[10] Este reducido número de creacións, xunto cos seus cadernos que conteñen debuxos, diagramas científicos e reflexións sobre a natureza da pintura, constitúen un legado para as sucesivas xeracións de artistas, só igualado, salvando as distancias, unicamente por Michelangelo.

A pegada de Leonardo na historia da arte europea é bastante profunda. Algunhas técnicas desenvolvidas por el, destacadamente o sfumato e o clarescuro, tornáronse unha regra para a pintura dos séculos vindeiros.

Como enxeñeiro e inventor, Leonardo desenvolveu ideas moi adiantadas ao seu tempo, tales como o helicóptero, o carro de combate, o submarino e o automóbil. Moi poucos dos seus proxectos chegaron a construírse (entre eles a máquina para medir o límite elástico dun cable),[11] xa que a maioría aínda non eran realizables nesa época.[12] Como científico, Leonardo da Vinci fixo progresar moito o coñecemento nas áreas da anatomía, a enxeñaría civil, a óptica e a hidrodinámica.

No ano 2008 foi elixido, nunha enquisa elaborada co motivo da celebración do Día de Europa en 50 países europeos, o personaxe máis influente na sociedade europea actual.[13] Nun estudo realizado en 1926 o seu cociente intelectual (CI) foi estimado en cerca de 180.[14][15]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
De cando en cando, o Ceo envíanos a alguén que non representan só á humanidade senón á divindade mesma, de forma que ó tomalos como modelos e imitalos, podemos achegarnos á alma e excelencia do intelecto das altas esferas celestiais.

Giorgio Vasari. Le vite de' più eccellenti pittori, scultori e architettori. 1550. [16]

Casa natal de Leonardo.
A pía bautismal onde foi bautizado Leonardo da Vinci.

Leonardo da Vinci naceu o sábado 15 de abril de 1452 , «na terceira hora da noite»,[17] é dicir, tres horas despois do Avemaría, o que sería ás 22:30,[18] no castelo de Vinci, preto de Florencia, produto dunha relación amorosa ilexítima entre o seu pai, Messer Piero Fruosino di Antonio da Vinci (1427 – 1504), notario, chanceler e embaixador da República de Florencia e descendente dunha rica familia de notables italianos, e da súa nai, Caterina (1427 circa – 1495 circa), unha humilde rapaza cuxa familia campesiña habitaba na pequena localidade toscana de Anchiano, situada a dous quilómetros de Vinci,[19] no territorio da provincia de Florencia, en Italia.[20][21] Un estudo de 2006 indica que é probable que Caterina fose unha escrava orixinaria de Oriente Medio.[17][22]

Leonardo, ou Lionardo segundo o seu nome de bautizo,[18] tivo cinco madriñas e cinco padriños, todos eles habitantes da vila.[18] O bautismo tivo lugar na próxima igrexa parroquial de Santa Croce, pero tanto o pai coma a nai estiveron ausentes, xa que non estaban casados.[23] Pouco se sabe sobre os primeiros anos da vida de Leonardo. Pasou os primeiros cinco anos na aldea de Anchiano na casa da súa nai, ata que en 1457 ela casou con Antonio di Piero Buti del Vacca da Vinci, un campesiño da localidade co que tivo cinco fillos,[17][18] e foi acollido entón na casa da familia do seu pai na vila de Vinci,[18] onde foi tratado como un fillo lexítimo.[24] Neste lugar, Leonardo recibiu instrución, aprendeu a ler e escribir, e adquiriu coñecementos de aritmética. Con todo, practicamente non aprendeu latín, base do ensino tradicional. O feito de que tivese unha ortografía caótica mostra que a súa instrución non estivo exenta de lagoas; en todo caso non foi a dun universitario.[25]

Entre tanto, en 1452, o pai casou cunha moza de dezaseis anos proveniente dunha familia rica de Florencia, Albiera degli Amadori.[18] Esta, ao non ter fillos, envorcou o seu afecto en Leonardo, pero morreu sendo moi nova debido a complicacións dun parto, en 1464.[18] Aínda que era considerado plenamente desde o seu nacemento como fillo do seu pai, Leonardo nunca foi recoñecido formalmente como fillo lexítimo.[18] O seu pai casou ata catro veces, dándolle dez irmáns e dúas irmás lexítimas. Destas relacións, o pequeno Leonardo tivo un moi bo vínculo coa última muller do seu pai, Lucrezia Guglielmo Cortigiani, afecto que se evidencia nunha nota onde se dirixe a ela como «querida e doce nai».[18]

Leonardo da Vinci. Gravado de autor anónimo.[26]

Naquela época, as convencións modernas nos nomes de persoas non se desenvolveran aínda en Europa, polo que unicamente as grandes familias facían uso do apelido patronímico. A xente da vila adoitaba ser designada polo seu nome, ao que se lle engadían todo tipo de precisións útiles: o nome do pai, o lugar de orixe, un alcume, o nome do mestre no caso dos artesáns etc. Por conseguinte, o nome do artista foi «Leonardo di ser Piero Da Vinci», cuxo significado é «Leonardo, fillo do mestre Piero De Vinci»; con todo, o termo «Da» leva unha maiúscula para denotar que se trata dun apelido.[18] O propio Leonardo asinaba simplemente as súas obras como «Leonardo» ou «Io, Leonardo» (Eu, Leonardo), así que a maioría das autoridades atribúen as súas obras a «Leonardo» sen o «da Vinci», e é verosímil que se abstivese de empregar o apelido do seu pai por ser fillo ilexítimo. Vinci provén de vinchio ou vinco, denominación que reciben unhas plantas similares aos xuncos[27], que crecen na contorna do regato Vincio e que eran utilizadas polos artesáns toscanos.[18]

A súa avoa paterna, Lucia di ser Piero di Zoso, unha ceramista próxima a Leonardo, foi probablemente a persoa que o iniciou nas artes.[18] Un coñecido presaxio refire que un miñato chegando do ceo fixera un voo estacionario sobre o seu berce, tocando a súa cara coa cola.[28][29]

Giorgio Vasari, biógrafo do século XVI dos pintores do Renacemento, conta en Le Vite (1568), a historia dun campesiño local que pediu a ser Piero[30] que o seu talentoso fillo lle pintase unha imaxe sobre unha placa. Leonardo pintou entón unha representación dun dragón chuspindo lume, tan ben realizada que ser Piero vendeuna a un mercador de arte florentino, quen á súa vez a revendeu ao duque de Milán. Logo de conseguir un beneficio, ser Piero comprou unha placa decorada cun corazón atravesado por unha frecha e entregoulla ao campesiño.[31] Esta historia, así e todo, ten que ser tomada con cautela porque, como Paul Barolsky di, moitas historias de Le Vite son meras invencións poéticas.[32]

Formación no taller de Verrocchio

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Andrea del Verrocchio.
Paisaxe do val do Arno. Este debuxo a pluma, o máis antigo que se conserva de Leonardo, está datado da súa propia man empregando escritura especular: «O día da nosa Señora das Neves, 5 de agosto de 1473».[33] Identificouse a comarca reproducida nel como unha rexión montañosa próxima a Vinci. Ao dorso aparece a anotación «Estou satisfeito [...]».[33] Galería Uffizi, Florencia.

O mozo Leonardo era un amante da natureza, a cal observaba con gran curiosidade e interesábase por todo. Debuxaba caricaturas e practicaba a escritura especular en dialecto toscano. Giorgio Vasari conta unha anécdota sobre os primeiros pasos na carreira artística do grande artista: «Un día, ser Piero tomou algúns dos seus debuxos e amosoullos ao seu amigo Andrea del Verrocchio e pediulle insistentemente que lle dixese se Leonardo se podería dedicar á arte do debuxo e se podería conseguir algo nesta materia. Andrea sorprendeuse moito dos extraordinarios dons de Leonardo e recomendoulle a ser Piero que lle deixase escoller este oficio, de maneira que ser Piero resolveu que Leonardo entraría a traballar no taller de Andrea. Leonardo non se fixo rogar; e, non contento con exercer este oficio, realizou todo o que se relacionaba coa arte do debuxo». Foi así como, a partir de 1466, Leonardo entrou de aprendiz nun dos obradoiros de arte máis prestixiosos baixo o maxisterio de Andrea di Cione, coñecido como Verrocchio, a quen lle debe parte da súa excelente formación multidisciplinaria, na que se aproxima a outros artistas como Sandro Botticelli, Perugino ou Domenico Ghirlandaio.[28][34] En efecto, a finais de 1468, aínda que Leonardo estaba empadroado como residente do municipio de Vinci, viaxaba moi a miúdo a Florencia, onde traballaba o seu pai.[18]

Verrocchio foi un artista de renome,[35] e moi ecléctico. De formación era ourive e ferreiro,[34] pero ademais foi pintor, escultor e fundidor. Traballou sobre todo para o poderoso mecenas Lourenzo de Medici. Os encargos principais foron retablos e estatuas conmemorativas para as igrexas, pero as súas obras máis grandes foron frescos para as capelas, coma as creadas por Domenico Ghirlandaio para a capela Tornabuoni, e grandes esculturas coma as estatuas ecuestres de Erasmo de Narni por Donatello e Bartolomeo Colleoni de Verrocchio.[36] Leonardo traballou tamén con Antonio Pollaiuolo, que tiña o seu taller moi preto do de Verrocchio, onde fixo os seus primeiros estudos no campo da anatomía e talvez no latín e o grego.[37]

Logo dun ano dedicado á limpeza dos pinceis e outras pequenas actividades propias dun aprendiz, Verrocchio iniciou a Leonardo nas numerosas técnicas que se practicaban nun obradoiro tradicional. Así, neste contexto, Leonardo tivo a oportunidade de aprender as bases da química, da metalurxia, do traballo do coiro e do xeso, da mecánica e da carpintería, así como de diversas técnicas artísticas coma o debuxo, a pintura e a escultura sobre mármore e bronce.[38] Igualmente, recibiu formación en habilidades como a preparación das cores, o gravado e a pintura de frescos. Ao se decatar do talento excepcional que tiña Leonardo, Verrocchio decidiu confiarlle ao seu alumno terminar algúns dos seus traballos.

Bautismo de Cristo. Óleo sobre madeira de Verrocchio (1470-1480). Leonardo traballou de xeito particular nos anxos do lado esquerdo.

A formación recibida durante a súa aprendizaxe no taller de Verrocchio vai máis aló e esténdese a outros ámbitos culturais. Estudou cálculo algorítmico e mostrou o bo coñecemento que tiña citando aos dous abaquistas florentinos máis relevantes, Paolo dal Pozzo Toscanelli e Leonardoo Chernionese.[25] Posteriormente, Leonardo mencionou a Nobel opera de arithmética de Piero Borgi, impresa en Venecia en 1484, e que representa perfectamente o saber destas escolas de abaquistas.[25]

Non se coñece a existencia de ningunha obra de Leonardo durante a época en que traballou con Verrocchio. Segundo Vasari, unicamente colaborou nunha pintura chamada Bautismo de Cristo (1472-1475).[31] Por outra banda, segundo a lenda, Verrocchio abandonou a terminación da obra cando se sentiu superado pola calidade do mozo Leonardo, que deixou o seu toque maxistral nun pequeno anxo presente na obra. Tamén, de acordo coa tradición de que era o aprendiz quen debía posar,[20] Leonardo serviría de modelo para o David de Verrocchio, unha escultura en bronce. Do mesmo xeito, tamén se supón que é o retrato de Leonardo o que representa ao arcanxo Miguel na obra Tobías e o anxo de Verrocchio.[20]

En 1472, á idade de vinte anos, apareceu rexistrado no Libro vermello do Gremio de San Lucas, o soado gremio dos artistas e doutores en medicina, que en Florencia se agrupaba coa denominación da Campagnia de pittori. Desta época é un dos seus primeiros traballos coñecidos, a Paisaxe do val do Arno ou Paisaxe de Santa Maria della neve (1473), un debuxo feito con pluma e tinta.[39] Foi así como comezou a súa carreira de pintor con obras xa destacables coma A Anunciación (1472-1475), e mellorou a técnica do sfumato ata un punto de refinamento nunca conseguido antes del.

No ano 1476 sempre aparece mencionado como axudante de Verrocchio, xa que, mesmo despois de que o seu pai lle axudase a ter o seu propio obradoiro, el continuou colaborando con Verrocchio debido a que lle profesaba un grande afecto.[28] Durante este período, recibiu encargos persoais e pintou o seu primeiro cadro, A Virxe do caravel (1476). O arquivo xudicial deste mesmo ano recolle o dato de que foi acusado, xunto con outros tres rapaces, de ter relacións homosexuais[40] –foron acusados dun caso de sodomía, práctica que naquela época en Florencia era ilegal, cun modelo de 17 anos, Xacobe Saltarelli–. A acusación non foi adiante, e todos foron absoltos por falta de probas; os acusados tiveron que soportar durante un tempo a vixilancia dos "serenos", unha especie de policía "anti-vicio" renacentista. Este documento, que partía dunha acusación anónima, non permite afirmar categoricamente que Leonardo fose homosexual.[40]

Leonardo, segundo parece, non mantivo relacións íntimas con ningunha muller ao longo da súa vida. A partir desta data ata 1478 non existen rexistros nin de obras súas nin do seu paradoiro,[41] aínda que se acostuma pensar que Leonardo estivese no seu taller, en Florencia, entre 1476 e 1481.[20] Pronto Leonardo tamén destacou como enxeñeiro. En 1478, ofreceuse para levantar a igrexa octogonal de San Xoán de Florencia.[25] Nese ano Leonardo contaba con 26 anos, e foi cando se afastou do lado do seu mestre logo de superalo brillantemente en todas as disciplinas. Deste xeito converteuse nun mestre pintor independente.

En Milán e ao servizo de Ludovico Sforza (1482-1500)

[editar | editar a fonte]
A Adoración dos Magos (ca. 1481-1482). En marzo de 1481 Leonardo recibiu o encargo deste óleo (hoxe na Galería Uffizi de Florencia) dos monxes de San Donato de Scopeto, en Florencia. O administrador do mosteiro era o pai de Leonardo, e é moi probable que inducise aos monxes a contratar ao seu fillo.[33]

En 1481 o mosteiro de San Donato encargoulle a Adoración dos magos, pero Leonardo nunca acabou este cadro, probablemente decepcionado ou humillado por non ser elixido polo papa Sisto IV para decorar a capela Sistina do Vaticano, en Roma, onde había unha forte competencia entre varios pintores (como Michelangelo).[42] O neoplatonismo, que naquel tempo estaba de moda en Florencia, puido desempeñar tamén un importante papel na decisión da súa marcha a unha cidade máis aberta, académica e pragmática coma Milán.[42] Probablemente nesta nova contorna estaba máis en consonancia co seu espírito, que se baseaba nun desenvolvemento empírico dos seus múltiples experimentos.

Leonardo pintou A Virxe das rochas (1483-1486) para a confraternidade da Inmaculada Concepción, que iría á capela de San Francisco o Grande de Milán. Este cadro foi a orixe dun conflito entre o autor e os propietarios que durou varios anos.[42] Leonardo obtivo o dereito de poder copiar a obra, pero posteriormente iniciouse un problema legal[43] que non se resolveu ata que houbo decisións xudiciais e a intervención dalgúns amigos, terminando con dúas versións da obra. Hoxe en día unha versión atópase na National Gallery de Londres e a outra no Museo do Louvre en París.

En Florencia o traballo de Leonardo non pasou inadvertido. Lourenzo de Medici decatouse de que Leonardo creara unha lira de prata en forma de cabeza de cabalo, e impresionado pola calidade do seu traballo, enviou a Leonardo con ela a Milán como emisario florentino, e tamén para que traballase para o mecenas e duque de Milán, Ludovico Sforza. O obxectivo desta manobra era manter boas relacións con este importante rival.[44] Probablemente foi acompañado polo músico Atalante Migliorotti.[42] Ademais escribiulle unha carta ao duque, que se atopa no Codici Atlántico, na que describe as numerosas e variadas habilidades de Leonardo no ámbito da enxeñería e infórmalle de que tamén é pintor.[34][45] Por iso a principal ocupación de Leonardo a partir de entón foi a de enxeñeiro, seguindo a tradición dos enxeñeiros que o precederon. Leonardo aparecía na lista dos enxeñeiros dos Sforza e cando foi enviado a Pavia, o 21 de xuño de 1493, fíxoo co título de "ingéniarius ducalis" (enxeñeiro ducal). Sforza encargoulle a realización de diversas tarefas, dándolle o mítico título de "Apeles florentino", recoñecemento reservado unicamente para os grandes pintores.[42] Deste xeito dedicouse a «organizar festas e espectáculos con decoracións suntuosas» no palacio e inventando enxeños que marabillaban ao público, como na voda de Ludovico Sforza e Beatrice d'Este e para a de Ana Sforza e Afonso I d'Este. Tamén pintou varios retratos na corte de Milán. Este contacto de Leonardo coas elites ilustradas de Milán foi importante porque lle fixo darse conta das lagoas que tiña na súa formación.[25]

Estudo dun cabalo de Leonardo. Os debuxos ou bosquexos feitos por el resaltaban a súa magnífica arte. Este é considerado un precedente do debuxo do val do Arno.[42]

Ocupouse tanto do estudo para a cúpula da Catedral de Milán, coma da realización da versión en arxila para o molde de Il Cavallo, unha impoñente estatua ecuestre en honra de Francisco I Sforza, o pai de Ludovico Sforza. Ía facerse con setenta toneladas de bronce, o que constituía unha verdadeira proeza técnica para a época. A escultura permaneceu inacabada durante varios anos, e o propio Miguel Anxo recoñeceuse incapaz de fundila.[28] Cando Leonardo acabou a versión en arxila para o molde, e xa tiña feitos os plans para o proceso de fundición, o bronce foi utilizado para a fabricación de canóns, xa que houbo que defender a cidade da invasión de Carlos VIII de Francia.[34]

En 1490 participou nunha especie de congreso de arquitectos e enxeñeiros, reunidos para debater algúns aspectos do acabado da cúpula da catedral de Milán. Alí coñeceu a un enxeñeiro de renome, Francesco di Giorgio Martini, que lle recomendou ir a Parma a consultar con Giovanni Antonio Amadeo e Luca Fancelli, para aclarar determinados aspectos da construción da catedral.[25]

Nesta época Leonardo reflexionou sobre proxectos técnicos e militares. Mellorou os reloxos, o tear, os guindastres e moitas outras ferramentas. Estudou tamén o urbanismo e propuxo planos de cidades ideais. Interesouse pola disposición hidráulica e un documento de 1498 cítao como enxeñeiro e encargado dos traballos en ríos e canles.[25] En 1495 unha lista detallada dos gastos relativos a un funeral suxiren a morte da súa nai Caterina.[28][46]

Contra 1490 creou unha academia que levaba o seu nome, na que durante uns anos ensinou os seus coñecementos, anotando todas as súas investigacións en pequenos tratados. Pintou o fresco da Última cea (1494-1498) para o convento dominico de Santa Maria delle Grazie.[28] En 1496 chegou a Milán Luca Pacioli e estableceu unha grande amizade con Leonardo, que realizou para el as táboas que se gravaron na súa obra A Divina proportione.[25] Un pouco máis tarde, en 1498, construíu o teito do castelo dos Sforza.[42]

En 1499 as tropas de Lois XII de Francia conquistaron o Ducado de Milán destituíndo a Ludovico Sforza, que fuxiu a Alemaña co seu sobriño Maximiliano I.[47] O 6 de outubro entrou na cidade Lois XII e reivindicou os seus dereitos á sucesión dos Visconti.[47] Leonardo atopouse unha mañá con que os franceses estaban usando como branco para os adestramentos de tiro o seu modelo de arxila a escala real do cabalo da estatua ecuestre de Francisco Sforza, que quedou totalmente destruído.[48] O rei Lois XII considerou a posibilidade de cortar o muro onde se atopaba A última cea para levala a Francia, coma tamén o pensou Napoleón Bonaparte séculos máis tarde.[42] Coa caída dos Sforza Leonardo quedou ao servizo do conde de Ligny, Lois de Luxemburgo, que lle pediu que preparase unha relación sobre o estado da defensa militar da Toscana.[25] O 14 de decembro Leonardo fixo depositar 600 floríns no Hospital de Santa Maria Nuova de Florencia, que actuaba como banca. O retorno inesperado de Ludovico Sforza modificou os seus proxectos e fuxiu de Milán co seu asistente Salai e o matemático Luca Pacioli primeiro cara a Mantua e logo a Venecia.

Leonardo creou A última cea, a súa mellor obra, a máis serena e afastada do mundo temporal, durante eses anos caracterizados polos conflitos bélicos, as intrigas, as preocupacións e as calamidades. Deuna por terminada, aínda que el, eterno insatisfeito, declarou que tería que seguir traballando nela. Foi exposta á vista de todos e contemplada por moitos. A fama que o "gran cabalo"[49] fixera xurdir asentouse sobre cimentos máis sólidos. Dende ese momento foi considerado sen discusión un dos primeiros mestres de Italia, se non o primeiro. Os artistas acudían desde moi lonxe ao refectorio do convento de Santa Maria delle Grazie, miraban a pintura con detemento, copiábana e discutían. Durante a súa realización tecéronse innumerables lendas arredor do mestre e á súa obra. Os relatos de Bandello e Giraldi, dedicados polo demais a temas radicalmente distintos, recollen tamén a xénese d'A Última Cea.[25][28][33][42]

De Venecia a Florencia (1501-1508)

[editar | editar a fonte]

En marzo de 1499, Leonardo traballou como arquitecto e enxeñeiro militar para os venecianos que querían construír proteccións na súa cidade.[20][28] Por este motivo, elaborou sistemas para defender a cidade dun posible ataque naval dos turcos e, entre as súas propostas, destaca a invención dun tipo de escafandro submarino cun casco rudimentario. Os turcos non atacaron e o invento nunca foi utilizado. A finais de abril, volveu a Florencia e alí, logo de facer un estudo sobre os cursos de auga na rexión de Friuli, propuxo un sistema de esclusas para facer posible o levantamento do curso do río Isonzo e así poder alagar toda unha rexión que cubría as proximidades de Venecia.[25]

A batalla de Anghiari de Peter Paul Rubens é unha das copias da obra orixinal de Leonardo, onde retoma "A loita polo estandarte", a parte central do fresco de Leonardo.
A batalla de Cascina de Miguel Anxo. Mentres Leonardo pintaba A batalla de Anghiari, na parede oposta, Miguel Anxo realizaba o seu fresco.[47]

Regresou a Venecia en abril de 1500 para permanecer alí durante un par de meses logo de estar en Mantua en compañía do frade matemático Luca Pacioli. En Mantua destacou por un retrato que lle fixo a Isabel d'Este. Unha carta do 4 de abril de 1501 na que Pierre de Nuvola responde á duquesa de Mantua, en relación a Leonardo afirma que «os seus estudos matemáticos afastárono da pintura»; Leonardo continuaba levando a cabo grandes investigacións.[25] En 1501, recibiu no convento da Santissima Annunziata a aprobación para facer un bosquexo preparatorio do que sería A Virxe e o Neno con santa Ana e san Xoán Bautista, unha obra que provocou tal admiración que «homes e mulleres, novas e vellos» acudían a observala «coma se estivesen participando nun gran festival».[31][50] Realizou unha breve estancia en Roma, na Vila Adriana, en Tívoli.[47] Estivo traballando na Virxe do fuso, un encargo de Florimond Robertet, o secretario de Estado de Lois XII de Francia.[47]

En 1502, foi solicitado polo príncipe César Borgia, duque de Valentinois e fillo do papa Alexandre VI, e obtivo o cargo de "capitán e enxeñeiro xeral".[20] Quedou nas Marcas e en Emilia-Romaña para inspeccionar as fortalezas e os territorios recentemente conquistados, enchendo os seus cadernos de múltiples observacións, cartas, esbozos de traballo e copias de obras consultadas nas bibliotecas das cidades que visitaba.[25] Alí reencontrouse con Nicolás Maquiavelo, "espía" de Florencia ao servizo dos Borgia.

O 18 de outubro de 1503, regresou a Florencia, onde exerceu as funcións de arquitecto e enxeñeiro hidráulico.[25] Volveu inscribirse no gremio de San Lucas e dedicou dous anos, de 1503 a 1505, á preparación e execución d'A batalla de Anghiari, unha pintura mural impoñente de sete por dezasete metros,[20][47] mentres Michelangelo pintaba A batalla de Cascina na parede oposta.[47] As dúas obras perdéronse. A obra de Miguel Anxo coñeceuse a partir dunha copia de Bastiano da Sangallo de 1542,[51] e a pintura de Leonardo coñécese a partir de esbozos preparatorios e de varias copias da sección central, das que sen dúbida a máis destacada é a de Rubens.[20] Parece ser que as causas da alteración da obra foron o lume que se utilizou para secar máis rapidamente a pintura ou a calidade do material usado; posteriormente foi recuberta, probablemente por un fresco de Giorgio Vasari.[47]

A miúdo, consultábase a Leonardo como experto, por exemplo, para estudar a estabilidade do campanario da basílica de San Miniato al Monte e no momento da elección da situación do David de Miguel Anxo,[47] sobre o que a súa opinión se opuña á deste. Foi neste período cando presentou á cidade de Florencia o seu proxecto de desviación do río Arno, destinado, por unha banda, a crear unha vía navegable capaz de conectar Florencia co mar e, por outra, a permitir o control das terribles inundacións.[25] Este período foi importante para a formación científica de Leonardo.

De Milán a Roma

[editar | editar a fonte]
A Mona Lisa ou Gioconda é o retrato que máis literatura xerou ao longo de toda a historia da arte; deu orixe a contos, novelas, poemas e ata óperas. Foi unha obra famosa desde o momento da súa creación; o mozo Rafael bebeu nela. O seu sorriso fixo correr ríos de tinta. Viuse nela crueldade e considerouse o sorriso desapiadado da muller que escraviza ao home. Outros sentíronse cegados polo seu encanto, pola súa dozura. Para Walter Pater simboliza o «espírito moderno con todos os seus trazos patóxenos».[25] Existe tamén unha explicación máis prosaica, fundada nas propias anotacións de Leonardo: o mestre fixo aflorar esa expresión ao seu modelo co tanxido do laúde.[47] Citando a Vasari: «Mona Lisa era moi bela e Leonardo, mentres pintaba, procuraba que sempre houbese alguén cantando, tocando algún instrumento ou chanceando. Deste xeito, a modelo mantíñase de bo humor e non adoptaba un aspecto triste ou fatigado(...)».[31]

En 1504, volveu traballar en Milán, que, naquela época, atopábase baixo o control de Maximiliano Sforza grazas ao apoio dos mercenarios suízos. Moitos dos alumnos e os interesados na pintura coñeceron ou traballaron con Leonardo en Milán; entre eles, cabe destacar a Bernardino Luini, Giovanni Antonio Boltraffio e Marco d'Oggiono.[52] O seu pai morreu o 9 de xullo e Leonardo foi apartado da herdanza debido á súa ilexitimidade; así e todo, máis tarde o seu tío nomearíao o seu herdeiro universal.[47] O mesmo ano, Leonardo realizou estudos anatómicos e intentou clasificar as súas innumerables notas. Tamén nesta época empezou a traballar na Gioconda (1503-1506, e despois 1510-1515) obra habitualmente considerada como un retrato de Lisa Gherardini ou, polo nome de casada, Monna Lisa do Giocondo. Con todo, hai numerosas interpretacións sobre este cadro que aínda son motivo de debate e discusión.

En 1505, dedicouse a estudar o voo dos paxaros e redactou o Codice sul volo degli uccelli (Códice sobre o voo dos paxaros).[53] A partir de entón, observacións, experiencias e reconstrucións sucedéronse con moita intensidade.[25] Un ano máis tarde, o goberno de Florencia permitiulle reunirse co gobernador francés de Milán, Charles II d'Amboise, que o retivo con el a pesar das protestas por parte de Florencia. Leonardo quedou no medio de disputas entre franceses e toscanos, e foi urxido polo tribunal para que acabase A Virxe das rochas co seu alumno Ambrogio de Predis, mentres se atopaba traballando n'A batalla de Anghiari.[47]

En 1507, Leonardo quedou como único herdeiro do seu tío Francesco, pero os irmáns de Leonardo iniciaron un procedemento para modificar o testamento.[47] Leonardo apelou a Charles d'Amboise e a Florimond Robertet para que interviñesen no seu favor;[47]

Lois XII tornou a Milán e Leonardo converteuse de novo no organizador das festas que se celebraban na capital lombarda.

En 1508, viviu co escultor Giovanni Francesco Rústica en casa de Piero di Braccio Martelli, en Florencia,[54] pero logo marchou e foi vivir a Milán, a Porta Orientale, na parroquia de Santa Babila.[20] Lois XII volveu pronto a Italia e en maio de 1509 entrou en Milán. Pronto dirixiu os seus exércitos contra Venecia e Leonardo seguiu ao rei en calidade de enxeñeiro militar, e asistiu á batalla de Agnadel.[25] En 1511, morreu o gobernador Charles d'Amboise e, en 1512, trala batalla de Rávena, Francia marchou do territorio italiano. Este segundo período milanés permitiulle a Leonardo profundar nas súas investigacións de ciencia pura. En 1509, a aparición de De expendentis che fugiendis rebus de Giorgio Valla tivo unha grande influencia sobre el.[25]

En setembro de 1513, Leonardo da Vinci foi a Roma, onde traballou para o papa León X, membro da rica e poderosa familia dos Medici. Naqueles momentos, no Vaticano, Rafael e Michelangelo tiñan moito traballo.[20] Ante o éxito de Sangallo, Leonardo non recibiu máis que encargos modestos e parece que non participou na construción das numerosas fortalezas romanas, pouco relevantes, nin no embelecemento da capital. Tampouco tivo éxito a súa pintura e refuxiouse noutra especialidade, quizais a súa preferida, a hidráulica, e realizou un proxecto de secado das Lagoas Pontinas, que pertencían ao duque Xuliano II de Medici.[25] En 1514, realizou a serie dos Diluvios, que foi unha resposta parcial á grande obra que Miguel Anxo desenvolvera na bóveda da Capela Sistina.

«Os Medici creáronme, os Medici destruíronme», escribiu Leonardo, sen dúbida para subliñar as decepcións da súa estancia en Roma. Pensou que nunca se lle deixaría mostrar a súa capacidade coa realización dun encargo importante. Probablemente tamén era coñecida a súa inestabilidade, o seu fácil desánimo e a súa dificultade para finalizar o que empezara.[25]

Os últimos anos en Francia

[editar | editar a fonte]
Ancián pensativo. Hai quen considera que este debuxo é o último autorretrato de Leonardo. Biblioteca Real, Windsor.
O castelo de Clos-Lucé en Amboise foi a última residencia de Leonardo e actualmente é un museo na súa honra.
Dominique Ingres, A morte de Leonardo da Vinci. Recreación pictórica da morte de Leonardo nos brazos de Francisco I. Museo de Louvre, Francia.

En setembro de 1515, o novo rei de Francia, Francisco I, reconquistou Milán tras vencer na batalla de Marignano.[55] En novembro do mesmo ano, Leonardo deseñou un novo proxecto sobre a disposición do barrio de Medici en Florencia. O 19 de decembro, estivo presente na reunión entre Francisco I e o papa León X que se celebrou en Boloña.[28][56][57] Francisco I encargoulle a Leonardo un león mecánico que puidese andar e co detalle de que o peito se abrise para amosar unha flor de lis.[31] Non se sabe para que ocasión foi concibido este león, pero pode ter relación coa chegada do rei a Lión, ou coas conversacións de paz entre o rei e o papa.[58]

En 1516 marchou a Francia xunto co seu axudante, o pintor Francesco Melzi, e quizais tamén con Salai;[54] o seu novo mecenas e protector, o rei de Francia Francisco I, instalounos na casa onde este vivira na súa nenez, o castelo de Clos-Lucé, preto do castelo de Amboise. Foi o «primeiro pintor, primeiro enxeñeiro e primeiro arquitecto do rei»,[24] e recibiu unha pensión de 10.000 escudos.[20] Na corte francesa estaban máis interesados polo pintor ca polo enxeñeiro, que en Italia era o máis valorado.[25] O feito de que Francisco I lle dese o castelo de Clos-Lucé pódese entender como unha mensaxe a Leonardo para que «fixese o que el quixese». Non foi o primeiro artista en recibir esta honra, pois Andrea Solario e Giovanni Giocondo precedérano uns anos antes.[54] O rei estaba fascinado con Leonardo e tratouno como un pai. A casa e o castelo de Amboise estaban conectados por un paso subterráneo que permitía ao soberano render visita ao artista e home de ciencia con total discreción. Leonardo proxectou o palacio real de Romorantin, que Francisco I pretendía erixir para a súa nai Luísa de Savoia: sería unha pequena cidade, para a que previu o desvío dun río que a enriquecese con auga e fertilizase os eidos veciños. En 1518 participou nas celebracións do bautizo do Delfín e das vodas de Lourenzo de Medici cunha sobriña do rei francés. Ese mesmo ano Salai abandonou a Leonardo e retornou a Milán, onde máis adiante, o 19 de xaneiro de 1524, pereceu nun duelo.[25]

O 23 de abril de 1519, Leonardo, enfermo desde había varios meses, redactou o seu testamento perante un notario de Amboise. Pediu un sacerdote para se confesar e recibir a extremaunción.[31] Finou o 2 de maio de 1519,[20][25][31][47][54] en Cloux, á idade de 67 anos. A tradición conta que morreu en brazos de Francisco I, pero probablemente isto baséase nunha interpretación errónea dunha epígrafe redactada por Giorgio Vasari:

LEONARDUS VINCIUS: QUID PLURA? DIVINUM INGENIUM, DIVINA MANUS, EMORI IN SINU REXIO MERUERE. VIRTUS ET FORTUNA HOC MONUMENTUM CONTINGERE GRAVISSIMIS IMPENSIS CURAVERUNT
Leonardo da Vinci, que máis se pode dicir? O seu xenio divino e a súa man divina merecéronlle expirar sobre o peito dun rei. A virtude e a fortuna velan, premio aos grandes gastos, neste monumento que lle corresponde.
Giorgio Vasari.[31]

Esta epígrafe, que nunca se viu escrita en ningún monumento, contén as palabras «sinu rexio», que poden significar, no sentido literal «sobre o peito dun rei», pero tamén, nun sentido metafórico, «no afecto dun rei», e poden ser unha alusión á morte de Leonardo nun castelo real.[59]

Tumba de Leonardo da Vinci na capela de Saint-Hubert, en Amboise, Francia.

Nesa época, a corte estaba instalada no castelo de Saint-Germain-en-Laye, onde, o 31 de marzo, a raíña Claudia de Francia deu a luz a Henrique; e o diario de Francisco I non indica ningunha viaxe do rei ata o mes de xullo. Doutra banda, Francesco Melzi, o discípulo de Leonardo, que herdou os seus libros e os seus pinceis e que foi depositario do seu testamento, escribiulle unha carta ao irmán de Leonardo onde conta a morte do seu amo, e nela non fai ningunha alusión á circunstancia mencionada, nin á presenza do rei.[60] Segundo a súa última vontade, sesenta esmoleiros seguiron o seu cortexo fúnebre e foi enterrado na capela de Saint-Hubert, no recinto do castelo de Amboise.

Leonardo non casou nunca e non tivo esposa nin fillos; legou o conxunto das súas obras para que fosen publicadas ao seu discípulo preferido, Francesco Melzi, alumno desde os dez anos. Deulle sobre todo os seus manuscritos, cadernos pequenos, documentos e instrumentos. Francesco, logo de acompañalo durante a súa estancia en Francia, quedou con Leonardo ata a súa morte, e administrou a súa herdanza durante os cincuenta anos posteriores á morte do seu mestre. Con todo, non publicou nada das obras de Leonardo nin vendeu ningunha das numerosas pinturas, por exemplo A Gioconda, que se atopaba aínda no seu taller. Os viñedos de Leonardo foron divididos entre Gian Giacomo Caprotti da Oreno, outro alumno e discípulo moi prezado por Leonardo que entrara ao seu servizo á idade de quince anos, e o seu servente Battista di Vilussis. O terreo foi legado aos irmáns de Leonardo e a súa serventa recibiu un bonito abrigo negro.[61]

A morte de Leonardo é tamén o comezo da dispersión e a perda de dous terzos dos cincuenta mil documentos orixinais multidisciplinarios redactados en toscano antigo e codificados por el. Cada caderno, manuscrito, páxina, esbozo, debuxo, texto e nota foi considerado plenamente como unha obra de arte. Non quedaron máis que uns trece mil documentos, dos cales a maioría consérvanse no arquivo da Cidade do Vaticano.

Vinte anos despois da morte de Leonardo, Francisco I confesoulle ao escultor Benvenuto Cellini:

Nunca houbo outro home nacido no mundo que soubese tanto como Leonardo, non só en pintura, escultura e arquitectura, senón en filosofía.
Mario Lucertini.[62]

Relacións e influencias

[editar | editar a fonte]

Leonardo en Florencia: mestres e contemporáneos

[editar | editar a fonte]
As Portas do Paraíso de Lorenzo Ghiberti (1425-1452), orgullo dos artistas florentinos, e na que algúns máis participaron.
Artigo principal: Renacemento.

En 1466, cando Leonardo comezaba a súa aprendizaxe con Andrea del Verrocchio, morreu o grande escultor Donatello, á súa vez mestre de Verrocchio. O pintor Paolo Uccello –que experimentara coa perspectiva e influíu no desenvolvemento da pintura de paisaxes– xa era moi vello, e os pintores Piero della Francesca e Fra Filippo Lippi, o escultor Luca della Robbia e o arquitecto e escritor Leon Battista Alberti tiñan uns 60 anos. Os artistas máis famosos da xeración seguinte foron Andrea del Verrocchio, Antonio Pollaiuolo e o escultor Mino da Fiesole.

A mocidade de Leonardo desenvolveuse nunha casa de Florencia en cuxas paredes colgaban obras deses artistas e dos contemporáneos de Donatello, Masaccio (cuxos frescos figurativos e realistas están impregnados de emoción) e Lorenzo Ghiberti (cuxas Portas do Paraíso amosan unha gran complexidade compositiva, axuntando o traballo como arquitecto co esmero nos detalles). Piero della Francesca fixera un estudo detallado da perspectiva, e foi o primeiro pintor en levar a cabo un estudo científico da luz. Os seus traballos, así como os tratados de Leon Battista Alberti deberon ter un profundo efecto nos novos artistas, e en particular no observador Leonardo e nas súas obras.[63][64][65]

A representación do espido de Masaccio na Expulsión de Adán e Eva do Paraíso terreal, cun Adán cuxos órganos xenitais non estaban cubertos cunha folla de parra, crea unha imaxe moi expresiva das formas humanas que tería unha grande influencia na pintura, sobre todo por estar representados en tres dimensións grazas a un novo emprego da luz e a sombra, que Leonardo desenvolvera nas súas propias obras. O humanismo do Renacemento e a súa influencia a través do David de Donatello pode ser apreciado nas pinturas máis tardías de Leonardo, en particular, no seu San Xoán Bautista.[63]

Daquela, Florencia estaba gobernada por Lourenzo de Medici e mailo seu irmán Xuliano (1453-1478), que morreu por mor da conspiración dos Pazzi. Ludovico Sforza, que gobernou Milán entre 1479 e 1499, e a cuxa corte foi enviado Leonardo como embaixador dos Medici, era tamén contemporáneo seu.[63][64] Amais, por intermediación dos Medici Leonardo tomou contacto cos vellos filósofos humanistas como Marsilio Ficino, adscrito ao neoplatonismo, e Cristoforo Landino, autor de comentarios de obras clásicas. Giovanni Pico della Mirandola estivo igualmente vinculado á corte dos Medici.[65][66] Leonardo escribiu máis tarde unha nota marxinal no seu diario: «Os Medici creáronme, os Medici destruíronme»; o significado dese comentario é aínda motivo de controversia.[34]

Aínda que se adoita citalos xuntos, os tres xigantes do Renacemento, Leonardo, Michelangelo e Rafael, non son da mesma xeración. Leonardo tiña 23 anos cando naceu Michelangelo, e 31 cando naceu Rafael. Este morreu en 1520, un ano despois que Leonardo, e Miguel Anxo, en 1564, 44 anos máis tarde.[64][65]

Asistentes e alumnos

[editar | editar a fonte]
Salai serviu de modelo para o San Xoán Bautista, pintado entre 1513 e 1516. Chegouse a considerar que Leonardo tiña unha relación con el;[20][31] así e todo, era un dos seus alumnos preferidos, polo que estaban xuntos case todo o tempo.[34]

Gian Giacomo Caprotti da Oreno,[67] chamado «il Salaino» (o diabiño) ou Salai, foi descrito por Giorgio Vasari como «un simpático e belo mociño de cabelos finos e crechos, que encantaba a Leonardo».[31] Salai entrou ao servizo de Leonardo en 1490 á idade de 10 anos. A súa relación non foi fácil. Un ano máis tarde, Leonardo fixo unha lista das faltas do mozo, e cualificouno de «ladrón, mentireiro, teimudo e lambón». O "pequeno diaño" roubara diñeiro e obxectos de valor en polo menos cinco ocasións, e dilapidara unha fortuna en roupa, chegando a comprar vinte e cinco pares de zapatos.[68] Con todo, as anotacións de Leonardo dos primeiros anos da súa relación co mozo conteñen numerosas imaxes do adolescente. Salai foi o seu servente e asistente oficial, durante os trinta anos seguintes.[20]

En 1506, Leonardo tomou como alumno a Francesco Melzi, de 15 anos, fillo dun aristócrata lombardo. Melzi converteuse en compañeiro de por vida de Leonardo, e é considerado o seu alumno favorito. Permaneceu en Francia con Leonardo e Salai, e estivo co mestre ata a súa morte.[34] Salai abandonou Francia en 1518 e regresou a Milán, onde construíu unha casa no viñedo dunha leira de Leonardo que finalmente o pintor lle deixou en herdanza. En 1525, Salai morreu violentamente, quizais asasinado ou a consecuencia dun duelo.[69]

Salai executou un certo número de cadros baixo o nome de Andrea Salai, pero aínda que Giorgio Vasari afirmou que Leonardo lle ensinara moitas cousas sobre pintura,[31] a súa obra considérase menos valiosa cá doutros alumnos de Leonardo, como Marco d'Oggiono ou Giovanni Antonio Boltraffio. En 1515, pintou unha versión espida da Gioconda, chamada Monna Vanna.[70] Á súa morte en 1525, a Gioconda propiedade de Salai foi taxada en 105 liras, o que supón un valor excepcionalmente elevado para un retrato de tamaño pequeno.[69]

Giovanni Antonio Boltraffio e Marco d'Oggiono formaron parte do taller de Leonardo cando este regresou a Milán, e tense constancia da existencia de numerosos alumnos, como Ambrogio de Predis, Bernardino di Conti, Francesco Napoletano ou Andrea Solario, estes últimos menos coñecidos.

Vida privada

[editar | editar a fonte]
Estudo dun retrato de Isabel d'Este, contra 1500. Isabel parece ser a única amiga do sexo feminino de Leonardo.

Leonardo da Vinci tivo moitos amigos que gozaron de recoñecemento nos seus respectivos campos ou tiveron unha influencia importante na súa época. Por exemplo, o matemático Luca Pacioli, co que colaborou nun libro; César Borgia, a cuxo servizo pasou dous anos; Lourenzo de Medici, ou o médico Marcantonio della Torre. Coñeceu a Nicolás Maquiavelo, con quen tivo unha estreita amizade, e ao seu rival Miguel Anxo. Entre as súas amizades tamén se atopaban Franchino Gaffurio e Isabel d'Este. Leonardo non pareceu ter relacións estreitas con ningunha muller, agás Isabel, de quen fixo un retrato no transcurso dunha viaxe que o levou a Mantua, retrato que parece ser a base para un cadro, hoxe perdido.[34] Foi tamén amigo do arquitecto Jacopo Andrea da Ferrara ata o seu asasinato.[47]

Alén da amizade, Leonardo gardou a súa vida privada en segredo. A súa vida, as súas capacidades extraordinarias de invención, a súa «excepcional beleza física», a súa «graza infinita», a súa «gran forza e xenerosidade», a «formidable amplitude do seu espírito», tal e como as describe Vasari espertaron a curiosidade.[31] Numerosos autores especularon sobre os diferentes aspectos da personalidade de Leonardo. A súa sexualidade foi obxecto de estudos e análises. Esa tendencia comezou a mediados do século XVI e incrementouse no transcurso dos séculos XIX e XX, podéndose destacar entre os estudosos a Sigmund Freud.[71]

As relacións máis íntimas de Leonardo foron cos seus alumnos Salai e Francesco Melzi. Melzi deixou escrito que os sentimentos de Leonardo eran unha mestura de amor e de paixón. Despois do século XVI describíronse esas relacións como eróticas. A partir de entón escribiuse moito sobre esa presunta homosexualidade e sobre o papel desta na súa arte, en particular na impresión andróxina que se manifesta no seu Baco, e máis concretamente nalgún dos seus debuxos.[72]

Leonardo foi un apaixonado admirador da natureza e os animais, ata o punto de converterse en vexetariano,[73] e de comprar aves engaioladas para logo poñelas en liberdade.[74] Foi tamén un excelente músico. É ben coñecido que Leonardo era zurdo, o que explicaría a utilización que facía da escritura especular.[47]

A Virxe das rochas, da que hai dúas versións de 1483-1486 e 1495-1508, mostra unha innovadora iconografía que será amplamente utilizada.
Véxase tamén: Cadros de Leonardo da Vinci.

A pesar da relativa toma de conciencia e a admiración que Leonardo espertou como científico e inventor nos últimos anos, a súa fama descansou sobre as súas creacións como pintor de varias obras, autenticadas ou que se lle atribúen, e que son consideradas grandes obras mestras do patrimonio universal.[75]

As súas pinturas son soadas. Por unha banda, foron copiadas e imitadas polos estudantes, e por outra foron o centro de debate e controversia entre os especialistas. Entre as calidades, cabe destacar as técnicas pictóricas innovadoras que empregou, o sentido da composición e o uso sutil dos sfumatos de cores, o coñecemento profundo da anatomía humana e animal, da botánica e a xeoloxía, a utilización que facía da luz, o interese pola fisionomía, a capacidade de reflectir a forma en que os humanos utilizan o rexistro das emocións e as expresións xestuais. Dominaba sobre todo a técnica do sfumato e a combinación de sombras e luces. Todas estas calidades aparecen reunidas en obras como A Gioconda, hoxe en día no museo do Louvre de París, A última cea, outro dos cadros emblemáticos de Leonardo, fresco en parede que foi mutilado pola apertura dunha porta no refectorio onde está situado, e A Virxe das rochas, actualmente na National Gallery de Londres.[76]

Leonardo realizou numerosos retratos de mulleres, pero tan só se lle coñece un retrato de home, Retrato dun músico. Tamén debuxou esbozos caricaturescos dos seus contemporáneos na moda da arte grotesca.[77]

Nos seus debuxos e pinturas introduce unha concepción innovadora en relación á perspectiva.[78] El consideraba que as artes pictóricas forman parte dunha ciencia e tiña moito interese polos fundamentos científicos e o control racional da pintura.[79] Pero a utilización, a miúdo suposta, do número de ouro na súa obra non foi verificada.[80] O seu traballo sobre as proporcións no debuxo do Home de Vitruvio, limítase ao uso de fraccións de enteiros.[81] Atribuíselle a miúdo a frase «O personaxe máis digno de eloxios é o que, polo seu movemento, traduce mellor as paixóns da alma», que explica ben o seu pensamento de pintor.[Cómpre referencia]

Leonardo era un pintor compulsivo que decote esbozaba grandes obras pictóricas para deixalas, ao cabo, sen rematar.[Cómpre referencia]

Primeiras obras

[editar | editar a fonte]
Anunciación (Leonardo, Uffizi).

O primeiro traballo de Leonardo que se coñece é unha parte do Bautismo de Cristo de Verrocchio e os seus alumnos.[82] Outras pinturas que parecen datar deste período son dúas Anunciacións. Unha delas é pequena, 59 centímetros de longo e 14 de alto; trátase dunha "predela" para ir na base dunha composición máis grande, neste caso un cadro de Lorenzo di Credi do cal foi separada. A outra é un traballo moito máis grande, de 217 centímetros de longo.[20] Nestas dúas Anunciacións, Leonardo representou a Virxe María sentada ou de xeonllos á dereita da imaxe, cun anxo de perfil que se achega a ela desde a esquerda. Gran parte do seu traballo realizouno no movemento da roupa e as ás do anxo, e aínda que anteriormente foi atribuído a Domenico Ghirlandaio, é agora case universalmente atribuído a Leonardo.[83] Entre 1478 e 1482, pintou a Madonna Benois, unha obra que lle é atribuída pero cuxa data de execución é moi debatida.[77] Datada contra 1474-1476, outra pintura que se lle atribuíu ao pintor florentino é un pequeno Retrato de Xenebra de Benci. A Virxe do caravel, cuxa data de execución presúmese que foi ó redor de 1473, é outra das súas obras deste período.[84]

Década de 1480

[editar | editar a fonte]
A dama do armiño. Museo Czartoryski, Cracovia (Polonia).

Na década de 1480, Leonardo recibiu dous grandes encargos e comezou a traballar para outra obra que foi igualmente de grande importancia en termos de composición. Desgraciadamente, dúas delas nunca foron terminadas, e a terceira foi sometida a un proceso de negociación para a finalización e o pago. Un destes cadros foi o de San Xerónimo. Liana Bortolon, asocia este cadro a un período difícil da vida de Leonardo; os signos da melancolía pódense ler no seu diario: «Pensaba que aprendía a vivir; aprendía só a morrer».[28]

A fixación audaz e innovadora da composición de San Xerónimo, cos elementos da paisaxe e o drama persoal, aparece igualmente noutra grande obra inacabada, a Adoración dos Magos, un encargo dos frades agostiños de San Donato de Scopeto. Foi un cadro moi complexo, e Leonardo realizou numerosos debuxos e estudos preparatorios, incluíndo un moi detallado para a perspectiva lineal dunha ruína de arquitectura clásica que serve de fondo á escena. Pero, en 1482, a petición de Lourenzo de Medici, Leonardo marchou a Milán para gañar os favores de Ludovico Sforza, de xeito que abandonou a creación do cadro.[20][83]

A terceira obra importante deste período é A Virxe das rochas, que foi un encargo da confraría da Inmaculada Concepción de Milán. A pintura serviría para encher un gran retablo xa construído,[55] e tivo unha elaboración case tan complexa coma a Adoración dos Magos, a pesar de conter só catro personaxes, e describir unha paisaxe en lugar dun fondo arquitectónico. O cadro puido ser terminado, e fixéronse dúas versións del: a que quedou na capela da confraría e unha segunda versión feita algúns anos máis tarde, co engadido das aureolas e o bastón de Xoán Bautista.[85]

Entre 1488 e 1490 pintou A dama do armiño, óleo sobre táboa de 54,8 cm de alto e 40,3 de ancho, que se cre que representa a Cecilia Gallerani, amante de Ludovico Sforza, de 17 anos.[86]

Década de 1490

[editar | editar a fonte]

Entre 1495 e 1498 Leonardo realizou A Última Cea, que representa a última comida compartida por Xesús cos seus discípulos; foi executada directamente sobre un muro do convento de Santa Maria delle Grazie en Milán. Leonardo traballaba do alba ao crepúsculo sen deterse para comer, e deixaba de traballar os tres ou catro días seguintes,[55] o que topou coa incomprensión do prior do convento.[47] É unha obra mestra na súa concepción e caracterización,[47] que recibiu a admiración de artistas do talle de Rubens e Rembrandt.[42] A obra tivo que ser restaurada constantemente debido á técnica utilizada por Leonardo,[87] e logo dun tempo xa foi descrita por unha testemuña como unha obra «totalmente danada».[20] A pesar de todo, é unha das obras de arte máis reproducidas.[88]

Entre 1499 e 1500, Leonardo pintou unha representación de Santa Ana, a Virxe, o Neno e san Xoaniño, tamén chamada Cartón de Burlington House, realizada con xiz negro, albaialde e difumino sobre oito follas de papel pegadas.[89]

Década de 1500

[editar | editar a fonte]

Entre 1503 e 1506 traballou nun pequeno retrato, A Gioconda,[90][91][92][93] probablemente o cadro máis famoso da pintura occidental.[94] A obra representa probablemente a Lisa Gherardini, esposa de Francesco del Giocondo, un mercador de teas de Florencia. Foi un cadro moi querido por Leonardo e que tivo con el ata a súa morte. É salientable o seu bo estado de conservación e o feito de que non teña ningún signo visible de reparacións, sobrecapa ou sobrepintados, feito moi raro nunha pintura desta época.[20]

Outra obra destacable é A Virxe, o Neno Xesús e santa Ana, pintada contra 1510, e que foi copiada moitas veces. A obra influíu sobre todo en Michelangelo, Rafael Sanzio e Andrea del Sarto, e a través deles, en Pontormo e Antonio da Correggio. O estilo da composición foi adoptado en particular por pintores venecianos como Tintoretto e Paolo Veronese. Unha das últimas pinturas de Leonardo foi o San Xoán Bautista, na que usou como modelo a Salai.[77]

Unha das figuras emblemáticas de Leonardo: O Home de Vitrubio, canon da figura humana.

Leonardo non foi un pintor prolífico pero, en cambio, foi un debuxante moi produtivo; chegou a encher os seus diarios de pequenos esbozos e debuxos moi detallados para deixar constancia de todo o que atraese a súa atención. Ademais das notas, existen numerosos estudos das súas pinturas, e algúns son bosquexos preparatorios de obras como a Adoración dos Magos, A Virxe das rochas ou A Última Cea.[95] O seu primeiro debuxo datado é a Paisaxe do val do Arno de 1473, onde se pode observar o río, as montañas, o castelo Montelupo e, no fondo, as explotacións agrícolas feitas con gran detalle.[28]

Entre os debuxos máis soados está o Home de Vitruvio, un estudo das proporcións do corpo humano, o Xefe do anxo, A Virxe das rochas e A Virxe, o Neno Xesús con santa Ana e san Xoán Bautista, un gran debuxo (160×100 cm) en xeso branco e negro sobre un papel de cor;[95] no que utiliza a técnica sutil do sfumato ao xeito da Mona Lisa. Non parece que Leonardo fixese ningunha pintura a partir deste debuxo, pero un cadro bastante próximo é A Virxe, o Neno Xesús e santa Ana.[20] O tema de santa Ana, xunto co da Sagrada Familia, predominaría na obra de Leonardo de 1500 a 1517.[47]

Entre outros debuxos de interese destacan numerosos estudos "caricaturescos" que, aínda que esaxerados, parecen estar baseados na observación de modelos vivos. Vasari refire que cando Leonardo vía unha persoa que tiña unha cara interesante, seguíaa durante todo o día para poder observala e debuxala con detemento.[47] Tamén existen numerosos estudos de mozos de gran beleza, adoito asociados a Salai, cunha cara pouco habitual, co chamado "perfil grego", característico de moitas estatuas gregas. Leonardo pintou a Salai levando diferentes traxes e disfraces, pois hai que recordar que Leonardo era famoso por crear decoracións e vestimentas para procesións tradicionais. Outros debuxos, a miúdo minuciosos, mostran estudos sobre roupas. Outro exemplo da curiosidade de Leonardo é un macabro debuxo de Bernardo di Bandino, un dos asasinos de Xuliano de Medici na conspiración dos Pazzi, logo de ser colgado nunha das fiestras do Pazo de Xustiza de Florencia, o 29 de decembro de 1479, debuxo que se conserva no Museo Léon-Bonnat de Baiona, adquirido por León Bonnat en 1884.[96]

Escultura

[editar | editar a fonte]

Non chegou aos nosos días ningunha das súas esculturas. O proxecto escultórico de Leonardo do que máis se sabe é o dunha estatua ecuestre que representaba a Francisco Sforza, pai de Ludovico o Mouro. Excedía en tamaño as outras dúas estatuas ecuestres de bronce feitas no Renacemento: Gattamelata de Donatello en Padua e Bartolomeo Colleoni de Verrocchio en Venecia. Leonardo executou en arxila o modelo, coñecido como o "Gran Cabalo". Estaba previsto que fose unha escultura en bronce, de 8 metros de altura, e alzaríase en Milán. Preparáronse 70 toneladas de metal para moldeala, mais o monumento quedou sen acabar durante varios anos, o que non era infrecuente en Leonardo.[28] En 1495 o bronce usouse para fabricar canóns para o duque nun intento de salvar Milán dos franceses baixo o reinado de Carlos VIII de Francia en 1495. Por iniciativa privada, ergueuse en 1999 en Nova York unha escultura construída segundo os seus planos, que foi doada á cidade de Milán, onde foi instalada.[97]

Leonardo como observador, científico e inventor

[editar | editar a fonte]

Libros de notas

[editar | editar a fonte]

As súas elucubracións sobre temas técnicos e científicos rexistrábaas Leonardo con minuciosidade e nelas combinábase perfectamente a arte coa ciencia para representar do mellor xeito posible a materialización das súas ideas.

Codex do voo das aves, redactado con escritura especular, 1485-1490.

O humanismo renacentista non ve polaridades mutuamente excluíntes entre a ciencia e as artes. Os estudos de Leonardo en ciencias e enxeñería son tan impresionantes e innovadores coma a súa obra artística, e foron rexistrados nos seus diarios e cadernos de notas, que comprenden 13.000 páxinas de texto e debuxos, asociando arte e filosofía natural (precedente da ciencia moderna). Tales notas foron realizadas e postas ao día de xeito cotián ao longo de toda a vida e viaxes de Leonardo. De xeito constante esforzábase por facer observacións do mundo que o rodeaba,[98] consciente e orgulloso de ser, como el se definía, un "iletrado", autodidacta e lúcido observador de fenómenos naturais a miúdo afastados do que se aprendía na escola.[42]

Porén, con certo afán críptico, coma se non quixese desvelar completamente os seus descubrimentos, estes diarios están na súa maior parte redactados usando escritura especular, é dicir da dereita cara á esquerda, de xeito que para facer a interpretación dos seus escritos é necesario empregar un espello, o que puido deberse máis a razóns prácticas, que a razóns de cifrado, como se suxeriu tantas veces, pois así evitaba pasar coa man por encima do escrito evitando deste xeito esborranchar o traballo. E, dado que Leonardo escribía coa man esquerda, resultáballe máis cómodo facelo de dereita a esquerda.

As súas notas e debuxos, os máis antigos datados en 1475,[99] mostran unha gran variedade de intereses e de preocupacións, e mesmo simples listas da compra ou de diñeiro prestado. Hai composicións de cadros, estudos de detalles e de tapices, estudos sobre as expresións faciais, animais, diseccións, bebés, estudos de botánica e xeoloxía, máquinas de guerra, máquinas voadoras e traballos de arquitectura.[98]

Estes cadernos de notas eran nun principio follas soltas de diferentes tamaños e tipos, foron regalados á súa morte as súas amizades e hoxe en día atoparon o seu lugar en coleccións importantes como as expostas no Castelo de Windsor, no Museo do Louvre, na Biblioteca Nacional de España, na Biblioteca Ambrosiana de Milán, ou no Vitoria and Albert Museum e a British Library de Londres.[100]

Os diarios de Leonardo parecen estar destinados á súa publicación, dado que moitas follas teñen unha forma e unha orde que facilitan a edición. En moitos casos, un só tema, por exemplo, o corazón ou o feto humano, están tratados en detalle, tanto no texto coma nos debuxos, nunha soa folla.[101] Este modo de organización minimiza igualmente as perdas das follas que foron distribuídas posteriormente. A razón pola que non foron publicadas en vida de Leonardo é aínda descoñecida,[98] aínda que se pensa que puido deberse a que a sociedade da súa época, e especialmente a Igrexa católica, non estaban preparadas para recibir os estudos anatómicos.[Cómpre referencia]

O Codex Leicester é o único gran traballo destas características que se atopa en mans privadas. O seu propietario é Bill Gates quen en 1994 adquiriu estes manuscritos por 30.8 millóns de dólares.[102]

Estudos científicos

[editar | editar a fonte]
Estudo sobre as turbulencias.

Dotado dunha aguda capacidade de observación, a súa aproximación á ciencia nunca destacou polas súas explicacións teóricas nin por recorrer a experimentos; en cambio, para comprender os fenómenos que lle interesaban describíaos e debuxábaos ata os seus últimos detalles, pensando en realizar unha grande enciclopedia baseada en detallados debuxos de todo o coñecido. Os seus estudos sobre o voo dos paxaros ou o movemento da auga son sen dúbida moi destacables. Como lle faltaba formación básica en latín e en matemáticas, os investigadores contemporáneos ignoraron ao sabio Leonardo; con todo, o seu sorprendente autodidactismo levouno a aprender latín el só.[103]

Na década de 1490, estudou matemáticas con Luca Pacioli e realizou unha serie de debuxos de sólidos regulares nunha forma esquelética para que formasen parte do libro Divina Proportione (1509).[34] Estaba fascinado pola idea do absoluto e o universal.[42] Con todo, a súa cultura matemática era fundamentalmente práctica, coas limitacións propias dos abaquistas do seu tempo, con algúns coñecementos da xeometría euclidiana, de perspectiva e de mecánica, na liña do que sabían os teóricos da época. Aínda así, Leonardo concibiu un instrumento cun sistema articulado destinado a permitir unha solución mecánica para o problema de Alhazen, unha cuestión esencialmente técnica, que testemuña un coñecemento profundo das propiedades da cónica.[25]

O seu nivel de física foi bastante limitado, non foi nunca artilleiro e non formulou teoría ningunha relativa á balística. Así e todo, como o testemuñan algúns dos seus esquemas, Leonardo puido intuír, observando un chafariz de auga, que non existía parte rectilínea na traxectoria dun proxectil de artillaría, ao contrario do que se cría naquel tempo. Pero non profundou nunha vía que Tartaglia e Benedetti desenvolveron e que culminou Galileo.[25] De igual xeito, estudou os temas relacionados coa luz e a óptica;[25] e en hidroloxía, a única lei que chegou a formular tivo relación cos cursos de auga. No ámbito da química, destaca a posta a punto dun alambique e algunhas investigacións sobre alquimia que practicou en Roma.[47] Se, en arquitectura, Alberti ou Francesco di Giorgio preocupáronse pola solidez das vigas, non o fixeron desde formulacións matemáticas como Leonardo, que se interesou polo problema da flexión e conseguiu definir "leis" aínda imperfectas, por exemplo, en relación á liña elástica no caso de vigas de seccións diferentes.[104] Así, eliminaba o módulo elástico e o momento de forza ao que aludira Jordanus Nemorarius.[25]

Anatomía e medicina

[editar | editar a fonte]
Estudo do embrión humano feito entre 1510-1513.

A formación inicial de Leonardo sobre anatomía humana comezou mentres aprendía con Andrea do Verrocchio, quen insistía en que todos os seus alumnos tivesen coñecementos de anatomía.[105] Como artista, pronto foi un mestre da anatomía topográfica e realizou numerosos estudos sobre músculos, tendóns e outras características anatómicas visibles.

Puxo as bases da anatomía científica, disecando os cadáveres dos criminais baixo estrita discreción, para evitar a actuación da Inquisición.[106] As condicións de traballo foron particularmente penosas debido aos problemas de hixiene e conservación dos corpos. Como artista recoñecido, recibiu a autorización para disecar cadáveres humanos no hospital de Santa María Nuova de Florencia e, máis tarde, nos hospitais de Milán e de Roma. De 1510 a 1511, colaborou co médico Marcantonio della Torre e, xuntos, compilaron un conxunto de investigacións sobre anatomía con máis de douscentos debuxos feitos por Leonardo que foron publicados baixo o título enganoso de Tratado de pintura, en 1632 en Francia.[98]

Realizou moitos debuxos sobre anatomía humana, de ósos, músculos e tendóns, do corazón e o sistema vascular, do sistema reprodutivo e outros órganos internos, e gráficos sobre a acción do ollo. Estas observacións conteñen ás veces inexactitudes debidas aos coñecementos da época;[24] por exemplo, un estudo feito por el sobre o fluxo sanguíneo. Realizou un dos primeiros debuxos dun feto dentro do útero,[95] e a primeira comprobación científica coñecida da rixidez das arterias en resposta a unha crise cardíaca. Como artista, Leonardo observou de cerca os efectos da idade e da emoción humana sobre a fisioloxía, estudando en particular os efectos da rabia. Debuxou igualmente numerosos modelos, algúns deles con importantes deformacións faciais ou signos visibles de enfermidade.[34][95] Estudou a anatomía de numerosos animais; disecou vacas, paxaros, monos, osos e ras, co único fin de comparar a estrutura anatómica destes animais coa do home, e tamén fixo estudos sobre cabalos.[95]

Enxeñería e inventos

[editar | editar a fonte]
O parafuso aéreo, arriba, 1486, considerado como o antecesor do helicóptero. Abaixo, experimento sobre a forza de sustentación dunha á.
Cantas biografías se escribiron que só mencionan esta actividade científica ou técnica para mostrar a extensión dun saber que se supón universal (...) Todo isto só se puido facer traballosamente, cunha procura constante do que escribiran os antigos ou os predecesores inmediatos (...) E por non coñecer todo este pasado que o formou, presentouse a Leonardo como un inventor fecundo.
Les Ingénieurs de la Renaissance, Bertrand Gille, 1960.

Leonardo da Vinci inscríbese na corrente tecnicista do Renacemento e, como tal, tivo predecesores inmediatos ou máis afastados entre os que se pode citar a Konrad Kyeser, Taccola, Roberto Valturio, Filippo Brunelleschi, Jacomo Fontana ou Leon Battista Alberti, a quen lle debe probablemente moito.[25]

Algúns deles foron personalidades máis potentes, cun espírito aínda máis completo e unha curiosidade máis ampla cós de Leonardo. Foi o caso por exemplo de Francesco di Giorgio Martini, que foi o seu superior durante a construción do Duomo de Milán e de quen Leonardo tomou moitas cousas. Probablemente por estar menos ocupado ca Martini debido a unha lista menor de pedidos, Leonardo foi á vez máis minucioso e sobre todo capaz dun cambio de método.[25]

Xunto a Herón de Alexandría, considérase a Leonardo un precursor importante dun certo número de máquinas modernas. Con todo, amais do asombro que provoca a imaxinación prospectiva do autor, pódese constatar rapidamente que o funcionamento real das máquinas non debeu ser a súa principal preocupación. As notas conteñen debuxos de numerosas innovacións coma diversas máquinas para voar (o 3 de xaneiro de 1496 ensaiou unha das súas máquinas para voar sen éxito), un helicóptero, armas de fogo, tanques armados, un submarino e un dispositivo con engrenaxes que podería ser unha máquina para calcular. Do mesmo xeito que o monxe Eilmer de Malmesbury, que no século XI esqueceu de pór unha cola á súa máquina voadora, os inventos de Leonardo chocan con numerosas dificultades: o helicóptero viraría sobre si mesmo coma unha buxaina, o mergullador asfixiaríase e o barco de pas nunca podería avanzar.[107] Así e todo postulouse igualmente que algúns erros específicos nos deseños puideron ser realizados intencionalmente por Leonardo co obxectivo de evitar a construción viable dos seus artefactos por outras persoas.[108]

Leonardo chamaba a guerra «pazzia bestialissima» (tolemia salvaxe),[42] e estudou as armas á vez que gardaba distancia sobre o seu uso.

Nunha carta dirixida a Ludovico Sforza, afirma ser capaz de construír todo tipo de máquinas tanto para a protección de cidades coma para o seu asedio. Tras a súa fuga a Venecia en 1499, atopou emprego como enxeñeiro e desenvolveu un sistema de barreiras móbiles para protexer a cidade dos ataques terrestres. Tamén proxectou o desvío do río Arno para irrigar os campos toscanos, facilitou o transporte e incomodou o acceso marítimo a Pisa, a rival de Florencia.[47]

Máquina para puír espellos.

Os seus cadernos presentan un gran número de "inventos" á vez prácticos e realistas, destacando as bombas hidráulicas, mecanismos de manivela coma a máquina para mecanizar parafusos, aletas para obuses de morteiro, un canón a vapor,[98] o submarino, varios autómatas, o carro de combate, o automóbil, flotadores para «camiñar sobre a auga», a concentración de enerxía solar, a calculadora, o escafandro con casco, o casco dobre para barcos e os rodamentos de bólas. Tocante á bicicleta, a súa paternidade non está clara.[109]

Aínda así, un exame coidadoso dos bosquexos indica que varias destas tecnoloxías foron, ou ben tomadas prestadas de predecesores inmediatos –a turbina hidráulica de Francesco dei Giorgi Martini, a cadea de transmisión articulada de Taccola...–, ou ben a herdanza dunha tradición máis antiga –o martelo hidráulico coñecíase no século XIII, os sifóns e os acuedutos xa eran visibles na obra do romano Frontino, os autómatas recreativos xa foran descritos na época helenística(...)–[25]

Pero Leonardo tamén foi innovador. Foi probablemente un dos primeiros enxeñeiros da súa época que se interesou polo traballo mecánico dos metais e en particular do ouro, o máis maleable. A súa orixinalidade ponse de manifesto na máquina voadora e nalgunhas máquinas téxtiles, nas que tivo a oportunidade de aplicar o seu sentido da observación á regularidade dos movementos. O tear mecánico, a máquina de cardar e a de "afeitar as sabas" converten probablemente a Leonardo no primeiro en tratar de mecanizar unha fabricación industrial. A máquina para puír espellos, que supuxo a resolución dun certo número de problemas para obter superficies regulares, planas ou cóncavas, concibiuna durante a súa estancia en Roma mentres estudaba a produción de imaxes. Paradoxalmente, Leonardo da Vinci interesouse pouco por inventos da súa época que hoxe consideramos moi importantes, como a imprenta, aínda que lle debemos unha das máis temperás representacións gráficas dunha prensa de imprenta.[25]

Planos para unha máquina voadora, 1488, Institut de France, París.

En 1502 proxectou unha ponte de 240 metros de luz que formaba parte dun proxecto de construción para o Sultán Bayezid II de Constantinopla. A ponte debía servir para franquear o estuario coñecido como Corno de Ouro. Bayezid abandonou o proxecto porque considerou que a construción sería imposible. A obra xamais se realizou, mais no ano 2001 a idea resucitou para a construción dunha ponte en Noruega baseada no deseño de Leonardo. O 17 de maio de 2006 o goberno turco decidiu construír a ponte de Leonardo sobre o Corno de Ouro.[110]

Durante a maior parte da súa vida, Leonardo estivo fascinado polo voo. Produciu numerosos estudos sobre o voo dos paxaros así como planos de varios aparellos voadores, como un helicóptero primitivo denominado o "parafuso aéreo", un paracaídas e unha á delta de bambú.[98] De todos eles, a maioría considéranse irrealizables pero a á delta foi construída e, tras engadirlle uns estabilizadores, voou con éxito. É posible con todo que Leonardo estimase que os sistemas de voo similares aos dos morcegos eran os que presentaban maior potencial. Tamén inventou o túnel de vento aerodinámico para os seus experimentos.[42]

O museo do castelo de Clos-Lucé de Amboise (Francia), o museo do castelo dos condes de Guidi en Vinci (Italia) e o Museo de Ciencia e Técnica Leonardo da Vinci de Milán conteñen numerosas maquetas, construídas en tamaño real feitas segundo as indicacións dos bosquexos e os cadernos, así como explicacións sobre o traballo de Leonardo.

En arquitectura estivo influenciado pola obra de Filippo Brunelleschi e proxectou elevar o Battistero di San Giovanni de Florencia,[99] así como crear unha torre-lanterna para a catedral de Milán.[42] Utilizou a miúdo a forma octogonal para os edificios relixiosos e o círculo para os militares.[47] Por mor da epidemia de peste que azoutou Milán entre 1484 e 1485, deseñou unha cidade perfecta teórica con eixos de circulación optimizados e condicións de vida de calidade, nunha visión marcada non polas distincións sociais senón polas funcionais, á imaxe dos órganos do corpo humano.[42] Traballou tamén sobre os xardíns.[47] Por desgraza, moitos dos seus estudos sobre arquitectura perdéronse.

Os seus escritos

[editar | editar a fonte]

Leonardo nunca publicou ou distribuíu os contidos dos seus manuscritos, que permaneceron ocultos ata o século XIX cando as súas contribucións puideron ser incorporadas ao desenvolvemento técnico e científico. Por esta razón L. Sprague de Camp considerábao non como o primeiro enxeñeiro moderno, senón como o último dos enxeñeiros da antigüidade, facendo notar que trala época de Leonardo formalizouse a publicación dos descubrimentos científicos.[Cómpre referencia]

En 1964 foron atopados nos arquivos da Biblioteca Nacional de Madrid os Códices Madrid I-II (I - Mss. 8937 e II - Mss. 8936), que son manuscritos de Leonardo que tratan sobre mecánica, estática e xeometría.[111]

No 2004 o nome de Leonardo, nunca lonxe da opinión pública, recibiu un pouco máis de atención que a habitual debido á publicación da novela O código Da Vinci, de Dan Brown, unha obra de ficción controvertida polo seu tratamento do Opus Dei e na que a figura de Da Vinci ten un papel importante.[112]

  1. The art post. "15 aprile 1452: Nascita di (Birth of) Leonardo da Vinci" (en italiano). Consultado o 30/03/2020. 
  2. Friedenthal (1986), p. 9
  3. Pietro Marani (2005). Dizionario Biografico degli Italiani, ed. Leonardo da Vinci (en italiano) 64. Consultado o 23 de novembro do 2017. 
  4. Polímata: Persoa que coñece, comprende ou sabe moito.
  5. Antonio Falchi, Leonardo musicista, Società editrice Dante Alighieri, 1902. ISBN non dispoñible
  6. Mariangela Mazzocchi Doglio, Leonardo e gli spettacoli del suo tempo, Electa, 1983. pp.14-20. ISBN 88-435-0956-X
  7. (en inglés) Emanuel Winternitz, Leonardo da Vinci as a Musician, EUA: Yale University Press, 1982. ISBN 978-0-300-02631-3
  8. Helen Gardner, Art through the Ages, Harcourt, Brace and World, 1970.
  9. Segundo Vasari, Boltraffio, Castiglione, Gaddiano, Berensen, Taine, Fuseli, Rio, Bortolon e outros indican nas súas obras sobre Leonardo.
  10. Quince é a cifra aceptada pola maioría dos historiadores da arte. A atribución doutras obras a Leonardo da Vinci aínda está suxeita a debate.
  11. Algúns dos inventos máis prácticos de Leonardo da Vinci están expostos en estado de funcionamento nos museos.
  12. A visión científica moderna da metalurxia e da enxeñería achábase en estado embrionario na época do Renacemento.
  13. La Voz de Galicia (ed.). ""Leonardo da Vinci, el personaje más influyente de la cultura europea"" (en castelán). Consultado o 26/01/2013. 
  14. Sharp, Evelyn. The IQ cult, Coward, McCann & Geoghegan, 1972.
  15. Salazar, Horacio. El ombligo de Edipo, Fondo Editorial de Nuevo León, 1991. ISBN 968-6211-30-6, ISBN 978-968-6211-30-6
  16. Tradución ó galego de: "E veramente il cielo ci manda talora alcuni che non rappresentano la umanità sola, ma la divinita istessa, acciò da quella come da modello, imitandolo, possiamo accostarci con l'animo e con l'eccellenzia dell'intelletto alle parti somme del cielo."
  17. 17,0 17,1 17,2 Alessandro Vezzosi; Agnese Sabato. museogalileo, ed. "Cronologia" (en italiano). Consultado o 21 de decembro do 2015. 
  18. 18,00 18,01 18,02 18,03 18,04 18,05 18,06 18,07 18,08 18,09 18,10 18,11 18,12 (en francés) Capítulo 1: "Il était une fois à Vinci" de Alessandro Vezzosi, Léonard de Vinci : art et science de l'univers, Gallimard, 1996.
  19. Vinci está a oitenta quilómetros de Florencia e a cincuenta quilómetros de Pisa.
  20. 20,00 20,01 20,02 20,03 20,04 20,05 20,06 20,07 20,08 20,09 20,10 20,11 20,12 20,13 20,14 20,15 20,16 20,17 20,18 Ottino della Chiesa (1967), pp. 88-90
  21. Vezzosi (1997)
  22. Segundo Alessandro Vezzosi, director do museo Leonardo da Vinci, está probado que Piero era propietario dunha escrava de Oriente Medio chamada Caterina, que foi nai dun neno chamado Leonardo. Esta tese de que Leonardo tiña sangue árabe está soportada pola reconstrución dunha pegada dixital: Marta Falconi (1 de decembro de 2006). Associated Press, ed. "Experts Reconstruct Leonardo Fingerprint" (en inglés). Consultado o 5 de agosto do 2017. 
  23. Magnano (2007), p. 138
  24. 24,0 24,1 24,2 Les grandes découvertes, série connaissances et vie, éditions Christophe Colomb, 1984.
  25. 25,00 25,01 25,02 25,03 25,04 25,05 25,06 25,07 25,08 25,09 25,10 25,11 25,12 25,13 25,14 25,15 25,16 25,17 25,18 25,19 25,20 25,21 25,22 25,23 25,24 25,25 25,26 25,27 25,28 25,29 25,30 25,31 Gille (1960)
  26. The Hundred Greatest Men. Nova York: D. Appleton & Company, 1885. Hai que subliñar que este gravado está baseado nunha pintura dun artista descoñecido que á súa vez seguía un debuxo en xeso vermello que se cre que era un autorretrato de Leonardo. Este gravado é unha imaxe que representa a Leonardo, non é un verdadeiro retrato.
  27. O vimbio, Salix viminalis, segundo calquera dicionario regular de italiano
  28. 28,00 28,01 28,02 28,03 28,04 28,05 28,06 28,07 28,08 28,09 28,10 28,11 Bortolon (1967)
  29. Sigmund Freud, Un recordo infantil de Leonardo da Vinci.
  30. «ser Piero» refírese ao seu pai; «ser» é unha contracción do latín «senior» («signore»), e era un pequeno título para notarios e clérigos.
  31. 31,00 31,01 31,02 31,03 31,04 31,05 31,06 31,07 31,08 31,09 31,10 31,11 Giorgio Vasari, Le Vite, 1568 ; reeditado por Penguin Classics con tradución de George Bull en 1965.
  32. Paul Barolsky, profesor de arte e literatura do Renacemento italiano na Universidade de Virxinia , Le génie littéraire de Giorgio Vasari, (en galego, O xenio literario de Giorgio Vasari), conferencia no Auditorio do Louvre, o 26 de setembro de 2011 . Ver tamén Paul Barolsky, Why Mona Lisa Smiles and Other Tales by Vasari (en galego, Por que a Mona Lisa sorrí e outros contos de Vasari), The Pennsylvania State University Press (1991) resumo en liña (en inglés)
  33. 33,0 33,1 33,2 33,3 Friedenthal (1986)
  34. 34,00 34,01 34,02 34,03 34,04 34,05 34,06 34,07 34,08 34,09 Daniel Arasse. Leonardo da Vinci, Konecky & Konecky, 1997.
  35. Gille (1960). Segundo este historiador, o seu renome xa foi apreciado por Maties Curvo, o gran rei húngaro que tiña un interese particular respecto dos escritos técnicos.
  36. J. R. Ale. Renaissance Europe, 1480-1520, Fontana, 1971
  37. El Mundo, ed. (1996). Enciclopedia Universal de la Cultura A-Z. 
  38. Andrew Martindale. The Rise of the Artist. Thames and Hudson.Cennino d'A. Cennini. Il Libro dell' Arte, edición de D. V. Thompson Jr., New Haven: Yale University Press, 1933.
  39. A. E Popham. Lles dessins de Léonard de Vinci. Éditions da Connaissance, Bruxelas, 1947.
  40. 40,0 40,1 Capítulo 2: Dans la Florence des Medicis en Léonard de Vinci: art et science de l'univers. Alessandro Vezzosi. Gallimard, 1996.
  41. Priwer Cynthia, Shana (2006). Adams Media, ed. The Everything Da Vinci Book: Explore the Life and Times of the Ultimate Renaissance Man. p. 245. ISBN 1598691015. 
  42. 42,00 42,01 42,02 42,03 42,04 42,05 42,06 42,07 42,08 42,09 42,10 42,11 42,12 42,13 42,14 42,15 Capítulo 3: «À Milan au temps des Sforza», de Alessandro Vezzosi. En Leonardo de Vinci: art et science de l'univers, Gallimard, 1996.
  43. Kemp, Martin (2004). Leonardo.
  44. Paolo Rossi. The Birth of Modern Science. Blackwell Publishing, 2001, p. 33. (en inglés)
  45. Leonardo-history (ed.). "Leonardo's Letter to Ludovico Sforza". Consultado o 20 de novembro de 2011. 
  46. Codex II, 95 r, Victoria and Albert Museum, citado por Angela Ottino della Chiesa
  47. 47,00 47,01 47,02 47,03 47,04 47,05 47,06 47,07 47,08 47,09 47,10 47,11 47,12 47,13 47,14 47,15 47,16 47,17 47,18 47,19 47,20 47,21 47,22 47,23 47,24 Capítulo 4: L'art et la guerre, en Léonard de Vinci: art et science de l'univers. Alessandro Vezzosi. Gallimard, 1996.
  48. En 1999 en Nova York creouse unha copia da estatua seguindo os estudos de Leonardo, véxase o Cabalo de Leonardo.
  49. O «gran cabalo» era un dos moitos alcumes que recibiu Leonardo da Vinci tras ser recoñecido en toda Italia.
  50. En 2005, o estudo preparatorio foi redescuberto durante a restauración dun edificio ocupado durante cen anos pola sección xeográfica do exército. Richard Owen, Found: the studio where Leonardo met Mona Lisa, Times New York
  51. Ludwig Goldscheider. Michelangelo. Phaidon, 1953.
  52. Marco d'Oggiono é coñecido polas copias da Última Cea de Leonardo.
  53. Pedretti, Carlo (1962). A Chronology of Leonardo Da Vinci's Architectural Studies after 1500. Geneva: E. Droz, p. 37.
  54. 54,0 54,1 54,2 54,3 Capítulo 5: «Milan, Rome, Amboise». A Alessandro Vezzosi. Leonardo de Vinci: art et science de l'univers, Gallimard, 1996
  55. 55,0 55,1 55,2 Wasserman (1975)
  56. Georges Goyau. Francisco I traducido por Gerald Rossi. The Catholic Encyclopedia, volume VI. Nova York: Robert Appleton Company. Publicado en 1909.
  57. Salvador Miranda. The Cardinals of the Holy Roman Church: Antoine du Prat. 1998-2007.
  58. Construíuse unha copia deste león que está exposta no museo de Boloña.
  59. Biographie universelle, t. 49, París, Michaud, 1827, pp. 156-157 ([1] Google books), que redirixe a A.-L. Millin, Voyage dans le Milanais, vol. I, p. 216, e a Venturi.
  60. John Grand-Carteret. Référence: L'Histoire, la vie, les mœurs et la curiosité par l'Image, le Pamphlet et le document (1450-1900) Sopar, Librairie de la curiosité et des Beaux-Arts, 1927.
  61. Leonardo Da Vinci Artist, Inventor, and Universal Genius of the Renaissance. Leonardo-History. 1 de decembro de 2011. (en inglés)
  62. «Technological Concepts and Mathematical Models in the Evolution of Modern Engineering Systems». 1 de decembro de 2011.
  63. 63,0 63,1 63,2 Hartt (1970)
  64. 64,0 64,1 64,2 Brucker (1969)
  65. 65,0 65,1 65,2 Rachum (1979)
  66. (en inglés) Hugh Ross Williamson, Lorenzo the Magnificent, Michael Joseph, 1974.
  67. Oreno (ed.). "Site internet de Oreno" (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 05-04-2007. Consultado o 3-12-2011. 
  68. Léonard, Codex C. 15v, Institut de France. Tradución de Richter.
  69. 69,0 69,1 Nick Rossiter (abril de 2003). Telegraph.co.UK, ed. "Could this be the secret of her smile?" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09-06-2008. Consultado o 3-12-2011. 
  70. Tom Gross. Paintingsdirect.com, ed. "Mona Lisa Goes Topless" (en inglés). Archived from the original on 03-04-2007. Consultado o 3-12-2011. 
  71. Sigmund Freud, Un recordo de infancia de Leonardo da Vinci, publicado en 1910, e inspirado en Le roman de Léonard de Vinci, de Dimitri Merejkovski, París, 1930.
  72. Michael Rocke, Forbidden Friendships épigraphe, p. 148 & N120 p.298.
  73. (en inglés) Jean-Paul Richter, The Literary Works of Leonardo da Vinci, 1883.
  74. (en inglés) Edward MacCurdy, The Mind of Leonardo da Vinci, 1928.
  75. Desde a década de 1490, Leonardo xa foi descrito como un pintor "divino". Daniel Arasse. Leonardo da Vinci. pp. 11–15. 
  76. Estas calidades de Leonardo discútense na obra de Frederick Hartt, A History of Italian Renaissance Art, pp.387-411.
  77. 77,0 77,1 77,2 Romano (2005)
  78. Daniel Arasse (2002). Hazan, ed. Leonardo da Vinci. p. 303. ISBN 2-85025-825-3. 
  79. {Daniel Arasse (2002). Ed. Hazan, ed. Léonard de Vinci. p. 266. ISBN 978-2-85025-825-1. 
  80. Marguerite Neveux. Le nombre d'or, radiographie d'un mythe, capítulo 1, Ed. leva Seuil, 1995
  81. Marco Lucio Vitruvio Polión, Arquitectura, libro III, capítulo I (en castelán)
  82. Little Ninja Media. Caballini to Veronese, ed. "A guide to the works of the major Italian Renaissance Painters: Verocchio" (en inglés). Consultado o 9 de setembro do 2017. 
  83. 83,0 83,1 Berti (1971), pp. 59–62.
  84. Ficha do cadro na Pinacoteca Antiga de Múnic
  85. Giorgio Vasari, Lives of the Artists, 1568; this edition Penguin Classics, trans. George Bull 1965, ISBN 0-14-044164-6
  86. Varios autores (ed.) (2011). Polonia. Tesoros y colecciones artísticas (en castelán). Madrid: Patrimonio Nacional. p. 23. ISBN 978-84-7120-462-2. 
  87. Non é un fresco tradicional, senón un mural executado á témpera e óleo sobre dúas capas de preparación de xeso estendidas sobre recebo.
  88. Simón Ushakov realizou unha reprodución da Última Cea de Leonardo da Vinci aproximadamente 50 anos despois, Lucas Cranach o Mozo e Lucas Cranach o Vello, xuntos, pintaron a súa versión propia sobre A Última Cea no ano 1547.
  89. Ficha na National Gallery
  90. Antoccia, Luca (2000). Ed. Giunti, ed. Leonardo. Arte e scienza. Roma. ISBN 88-09-01510-X. 
  91. Brion, Marcel (2002). Ed. B, ed. Leonard de Vinci. México D.F. ISBN 84-666-0970-9. 
  92. Caparrós, Martín. Valfierno. Buenos Aires: Ed. LSF, 2004. ISBN 987-43-8624-X
  93. Muntz, Eugenio. Leonard da Vinci. Madrid: Ed. Círculo Latino, 2005. ISBN 84-96129-62-4
  94. Lichfield, John (1 April 2005). "The Moving of the Mona Lisa". The Independent. Arquivado dende o orixinal o 09 de novembro de 2016. Consultado o 20 de novembro de 2017. 
  95. 95,0 95,1 95,2 95,3 95,4 Popham (1964)
  96. Como aparece no Inventaire général des dessins des musées de province, Bayonne, dessins italiens, Éditions des Musées Nationaux, 1960.
  97. Soldadura: principios y aplicaciones. Larry Jeffus. Editorial Paraninfo, 2009.
  98. 98,0 98,1 98,2 98,3 98,4 98,5 (en inglés) Daniel Arasse, Leonardo da Vinci, Konecky & Konecky, 1997.
  99. 99,0 99,1 Chapitre 2 : « Dans la Florence des Médicis » de Alessandro Vezzosi, Léonard de Vinci : art et science de l'univers, Gallimard, 1996.
  100. A British Library puxo en internet unha selección das notas a disposición do publico (BL Arundel MS 263). British Library. "Sketches by Leonardo". Turning the Pages. Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2010. Consultado o 29 de xaneiro de 2012. 
  101. Royal Library, château de Windsor, feuilles RL 19073v-19074v et RL 19102 respectivamente.
  102. Kuruvilla, Carol (2017-09-22). "Mormon Church Drops $35 Million On Printer's Manuscript Of The Book Of Mormon". Huffington Post (en inglés). Consultado o 2017-09-25. 
  103. Leonardo da Vinci: Las maravillosas obras de la naturaleza y el hombre. Martin Kemp. 2011. Editorial Akal
  104. Para as vigas cadradas, horizontais e apoiadas nos seus extremos, Leonardo observara que a resistencia varía en relación ao cadrado do lado e inversamente á súa lonxitude.
  105. Moitos historiadores e expertos na vida de Leonardo, consideran que a mellor representación ou debuxo sobre anatomía feito por Leonardo é o Home de Vitruvio.
  106. Nos tempos de Leonardo, a disección de cadáveres, era considerada un pecado imperdoable, que debía de pagarse coa morte.
  107. Alain Gras, Fragilité de la puissance - Se libérer de l'emprise technologique, Fayard 2003 ISBN 2-213-61535-7
  108. Serie de Documentales sobre sus invenciones: Da Vinci en la Práctica. Discovery Channel.
  109. A paternidade da invención da bicicleta por Leonardo divide á comunidade científica. Discútese o deseño procedente do Códice Atlanticus, porque, segundo Daniel Arasse, a bicicleta ten unha forma que só se atopará contra 1900, é dicir, coas dúas rodas á mesma altura e, sobre todo, o pedal e a cadea de transmisión volvendo á roda posterior motriz». Pode quizais tratarse do traballo dun dos seus alumnos (Salai), dun debuxo orixinal (ou dunha copia do debuxo orixinal). Con todo, Leonardo xa debuxou máquinas con cadeas e sistemas de transmisión por engrenaxes, en concreto, no Códice de Madrid, os cales non son discutidos e mostran o interese de Leonardo por estes temas.
  110. Sand, Vebjorn (4 outubro de 1999). "Abaut the Leonardo Bridge Project" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08/05/2013. Consultado o 4/05/2013. 
  111. Julián Martín Abad (2009). Códices Madrid I y II. El País. Consultado o 16 de novembro de 2017. 
  112. The Greatest Conspiracy of the Past 2000 Years is About to Unravel(en inglés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

En castelán

En francés

  • Alberti de Mazzeri, Silvia (1984). Léonard de Vinci. París: Payot. ISBN 9782228136006. 
  • Arasse, Daniel (1997). Léonard de Vinci. Le rythme du monde. París: Hazan. ISBN 2-85025-542-4. 
  • Bramly, Serge (1988). Léonard de Vinci. París: Jean-Claude Lattès. ISBN 9782709607148. 
  • Brion, Marcel (1995). Léonard de Vinci. París: Albin Michel. ISBN 9782226081575. 
  • Chauveau, Sophie (2008). Léonard de Vinci. col. Folio Biographies (n° 46). París: Gallimard. ISBN 978-2-07-034159-7. 
  • Gille, Bertrand (1960). Les Ingénieurs de la Renaissance. (reed. Seuil, col. «Points Sciences»,1978). París: TD. ISBN 2-02-004913-9. 
  • Gille, Bertrand (dir.) (1978). Histoire des techniques. Col. «La Pléiade». París: Gallimard. ISBN 978-2-07-010881-7. 
  • Labbé, Brigitte; Puech, Michel; Joblin, Jean-Pierre (2005). Léonard de Vinci. col. «De vie en vie» nº 18. Toulouse: Milan jeunesse. ISBN 2-7459-1631-9. 
  • Merejkovski, Dimitri (1930). Le roman de Léonard de Vinci. (Source d'inspiration pour Un souvenir d'enfance de Léonard de Vinci de Sigmund Freud). París. 
  • Nicholl, Charles (2006). Léonard de Vinci, Biographie. Arles: Actes Sud. ISBN 2-7427-6237-X. 
  • Valéry, Paul (1894). Introduction à la méthode de Léonard de Vinci. París: Gallimard. 
  • Vezzosi, Alessandro (1996). Léonard de Vinci: art et science de l'univers. col. « Découvertes Gallimard » (n° 293). París: Gallimard. ISBN 978-2-07-053353-4. 

En inglés

En italiano

  • Anónimo Gaddiano. Codex Magliabecchiano XVII. versión de 1540. 
  • Bossi, Giuseppe (1810). Del Cenacolo di Leonardo. Libri Quattro. Milán. 
  • Giovo, Paolo. Leonardi Vincii vita. (versión de 1540). 
  • Kemp, Martin (2005). Leonardo. Turín. 
  • Magnano, Milena (2007). Leonardo, collana I Geni dell'arte. Milán: Mondadori Arte. ISBN 978-88-370-6432-7. 
  • Vasari, Giorgio (1550). Le vite de' più eccellenti pittori, scultori e architettori. (2ª edición en 1568) (1ª ed.). 

Documentais

  • Léonard de Vinci, en dúas partes de 60 minutos: L'homme qui voulait tout savoir e Liaisons dangereuses, Reino Unido, 2003.
  • Léonard de Vinci: La biographie, Nacarat, 2006.
  • Leonardo's dream machines, probas nunha reprodución a escala dun debuxo dunha máquina voadora de Leonardo, 2005.

Libros

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]