A lira italiana (en italiano: lire) foi a moeda oficial de Italia desde 1861 ata o ano 2002. Entre 1999 e 2002 coexistiu co euro, sendo substituída definitivamente por este. A taxa de cambio fixa final foi de 1 euro = 1 936,27 liras italianas (ITL).
A lira tamén foi a moeda oficial do Reino Napoleónico de Italia entre 1806 e 1814. O termo provén do valor do peso físico dunha libra de prata de alta pureza, gardando unha directa relación coa libra esterlina; nalgúns países, como Chipre e Malta, as palabras liras e libra foron empregadas como se fosen sinónimos, antes de que o euro fose aprobado no 2008 naqueles países.
A lira data desde antes de Carlomagno. Ao igual que a libra esterlina, representaba unha libra peso de prata, e equivalía a 20 soldi o 240 denari. Antes da unificación italiana, moitos dos estados italianos xa empregaban a lira coma a súa moeda oficial.
No ano 1807, o Reino Napoleónico de Italia, que ocupaba o norte da actual Italia, presentou á lira como a súa moeda. Ao igual que o franco francés, estaba dividida en 20 soldi ou 100 centesimi. Esta lira estivo en circulación ata que o reino caeu en 1814.
A primeira guerra mundial acabou coa Unión Monetaria Latina, traducíndose isto nun aumento dos prezos en toda Italia. A inflación foi freada polo xefe do estado e ditador Benito Mussolini, quen o 18 de agosto de 1926, estableceu que o tipo de cambio entre as liras e a libra esterlina sería de £1 = 90 liras, aínda que a taxa de cambio real estivera próxima ás 140-150 liras por libra. En 1927 un dólar estadounidense equivalía a 19 liras. Este cambio perdurou ata 1934, cunha taxa de cambio separada para os turistas, de US$1 = 24,89 liras. No ano 1939, o cambio oficial foi de 19,8 liras por dólar.
Logo da invasión dos aliados a Italia en xuño do 1943, o tipo de cambio fixouse en US$1 = 120 liras (1 libra esterlina = 480 liras), reducido a 100 liras ao mes seguinte. Nas zonas ocupadas por Alemaña, o tipo de cambio fixouse en 1 marco = 10 liras. Ao rematar a guerra, o valor da lira flutuou, ata fixarse en US$1 = 575 liras dentro do sistema Bretton Woods en novembro de 1947. O 21 de setembro de 1949 foi depreciada a 625 liras por dólar. Esta taxa mantívose ata o final do sistema Bretton Woods na década de 1970. Nos anos seguintes sucedéronse varios episodios inflacionistas até que a lira foi substituída definitivamente polo euro.