Herón de Alexandría
![]() ![]() | |
Nome orixinal | (grc) Ἥρων ὁ Ἀλεξανδρεύς ![]() |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (grc) Ἥρων ![]() c. 10 ![]() Alexandría ![]() |
Morte | c. 75 ![]() Alexandría ![]() |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Exipto (provincia romana) ![]() |
Actividade | |
Campo de traballo | Xeometría, mecánica, enxeñaría, óptica, matemáticas e xeodesia ![]() |
Ocupación | matemático , enxeñeiro , inventor , mechanical automaton engineer (en) ![]() ![]() |
Período de tempo | Grecia Antiga ![]() |
Período de actividade | (Con vida en: século I ![]() |
Lingua | Grego antigo ![]() |
Obra | |
Obras destacables
| |
![]() |
Herón de Alexandría[1] (en grego: Ἥρων ὁ Ἀλεξανδρεύς, Heron ho Alexandreus), nado en Alexandría (Exipto) arredor do ano 10 e finado na mesma cidade arredor de 75, foi un enxeñeiro e matemático helenístico.
Foi considerado un dos científicos e inventores máis grandes da antigüidade[2] e o seu traballo é representativo da tradición científica helenista.[3]
En matemáticas é lembrado principalmente pola fórmula de Herón, un método de calcular a área dun triángulo usando só as lonxitudes dos seus lados.
Perdéronse gran parte dos escritos e deseños orixinais de Herón, mais algunhas das súas obras conserváronse, principalmente en manuscritos do Imperio Romano de Oriente, e unha parte máis pequena en traducións latinas ou árabes.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Tralo período helenístico, a ciencia grega destacou na cidade de Alexandría, perdurando varios séculos ata a caída do Imperio Romano. Alí xurdiron periodicamente abrochos de xenialidade.
A orixe de Herón puido ser grega[2] ou exipcia helenizada.[4][5][6] É case seguro que Herón deu clases no Museion que incluía a Biblioteca de Alexandría, porque a maioría dos seus escritos aparecen como apuntamentos de aulas para cursos de matemáticas, mecánica, física e pneumática. Baseouse frecuentemente en Ctesibio, inventor grego do século III a.C., de quen se teñen noticias polo propio Herón e por Vitruvio. Describiu gran número de máquinas sinxelas e xeneralizou o principio da panca de Arquímedes.
Aínda que o campo non se formalizou ata o século XX, crese que o traballo de Herón, en particular os seus dispositivos automatizados, representan unha das primeiras investigacións formais en cibernética.[7] Tamén demostrou unha actitude premoderna para a mecánica, descubrindo, aínda que de forma arcaica, a lei de acción e reacción. Na súa obra Mecánica describiu os pantógrafos.[8]
Inventos e descubrimentos
[editar | editar a fonte]Máquina de vapor
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/b/b8/Aeolipile_illustration.png/220px-Aeolipile_illustration.png)
Un dos seus maiores logros foi a descrición[9] da primeira máquina de vapor, coñecida como «eolípila», «aelópilo» ou «aelópila», e a fonte de Herón, cunha aplicación práctica que nos templos lle valeu o pseudónimo de «o Mago». A eolípila era unha máquina que consistía nunha esfera oca conectada a unha caldeira á que se lle adaptaban dous tubos curvos. O interior da esfera estaba repleto de auga que se facía ferver provocando que polos tubos arrincase o vapor, facendo virar a bóla moi rápido. Porén, unha das curiosidades do eolípilo é que nunca tivo un fin práctico en si. Algunhas fontes comentan que o invento non era máis que un xoguete coa finalidade de entreter os nenos.
Herón describiu, aínda que de forma arcaica mediante o eolípilo, a lei de acción e reacción de Isaac Newton, experimentando con vapor de auga. Xeneralizou o principio da panca de Arquímedes.
Peumática, hidráulica e robótica
[editar | editar a fonte]Foi autor de numerosos tratados de mecánica, como Pneumática (πνευματικά), en que estuda a hidráulica, e Autómatas (Αυτοματοποιητική), primeiro libro de robótica da historia.[10] En Sobre a dioptra (Περί διόπτρας) describe o funcionamento deste aparello, semellante ao actual teodolito, empregado en observacións terrestres e astronómicas durante séculos. Tamén nese libro describe o hodómetro, utilizado para medir distancias percorridas por un viandante ou un vehículo.
Ademais, realizou unha descrición detallada do hýdraulis de Ctesibio, un órgano que funcionaba con auga.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/b/ba/Heron%27s_Windwheel.png/200px-Heron%27s_Windwheel.png)
Unha das súas construcións foi a primeira máquina expendedora. Cando se introducía unha moeda pola parte superior da máquina, esta dispensaba unha cantidade de auga. Apareceu no seu libro Mécánica e óptica.[11] Tamén deseñou un órgano que funcionaba co vento, primeira máquina da historia activada mediante enerxía eólica.[12][13]
Óptica
[editar | editar a fonte]En óptica, propuxo na súa Catóptrica (Κατοπτρικά) que a luz viaxa seguindo o camiño xeometricamente máis curto.
Matemáticas
[editar | editar a fonte]Con todo, é coñecido sobre todo como matemático, tanto no campo da xeometría como no da xeodesia, rama das matemáticas que se encarga da determinación do tamaño e configuración da Terra.
Como matemático, escribiu Métrica (Μετρικά), obra en que estuda as áreas das superficies e os volumes dos corpos. Desenvolveu tamén técnicas de cálculo, tomadas dos babilonios e exipcios, como o cálculo de raíces cadradas mediante iteracións[14] e un método para calcular raíces cúbicas.[15]
O seu logro máis destacado no campo da xeometría é a denominada fórmula de Herón, en que se establece a relación entre a área dun triángulo e a lonxitude dos seus lados:
Obras
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/01/Hero_-_De_automatis%2C_1589_-_116959.jpg/220px-Hero_-_De_automatis%2C_1589_-_116959.jpg)
As obras coñecidas escritas por Herón inclúen:
- Pneumatica (Πνευματικά), descrición de máquinas que funcionan con ar, vapor ou presión da auga, incluídas o hydraulis ou órgano de auga[16]
- Automata, descrición de máquinas que permiten accións nos templos por métodos mecánicos ou pneumáticos, como aperturas ou pechamentos de portas e estatuas que verten viño[17]
- Mechanica, só se conserva en árabe, escrito para arquitectos, que contén medios para levantar obxectos pesados
- Metrica, descrición de como calcular superficies e volumes de obxectos diferentes
- Sobre a Dioptra, colección de métodos para medir lonxitudes, obra en que se describen o hodómetro e a dioptra, aparello que lembra o teodolito
- Belopoeica, descrición de máquinas de guerra
- Catoptrica, sobre a progresión da luz, a reflexión e o uso de espellos
As seguintes obras foron atribuídas a Herón, pero agora crese que probablemente fosen escritas por outros autores:[18]
- Geometrica, colección de ecuacións baseadas no primeiro capítulo de Metrica
- Stereometrica, exemplos de cálculos tridimensionais baseados no segundo capítulo de Metrica
- Mensurae, ferramentas que se poden empregar para realizar medidas, baseadas en Stereometrica e Metrica
- Cheiroballistra, sobre catapultas
- Definitiones, contén definicións de vocábulos para a xeometría
obras que das que só se conservan fragmentos:
- Geodesia
- Geoponica
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- O cráter lunar Heron leva este nome na súa honra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Colera Jiménez, José; Oliveira González, María José; Colrea Cañas, Ramón; Santaella Fernández, Elizabeth (2015). Matemáticas I. Anaya. p. 113. ISBN 978-84-678-8339-8.
- ↑ 2,0 2,1 Research Machines plc. (2004). The Hutchinson Dictionary of Scientific Biography. Abingdon, Oxon: Helicon Publishing. p. 546.
Hero of Alexandria (lived c. AD 60). Greek mathematician and engineer, the greatest experimentalist of antiquity
- ↑ Marie Boas, «Hero's Pneumatica: A Study of Its Transmission and Influence», Isis, vol. 40, n.º 1 (febreiro de 1949), p. 38 y supra.
- ↑ George Sarton (1936). "The Unity and Diversity of the Mediterranean World", Osiris 2, p. 406-463 [429]
- ↑ John H. Lienhard (1995). "Hero of Alexandria". The Engines of Our Ingenuity. Episodio 1038. NPR. KUHF-FM Houston.
- ↑ T. D. De Marco (1974). "Gas-Turbine Standby-Power Generation for Water-Treatment Plants", Journal American Water Works Association 66 (2), p. 133-138.
- ↑ Kelly, Kevin (1994). Out of control: the new biology of machines, social systems and the economic world. Boston: Addison-Wesley. ISBN 0-201-48340-8.
- ↑ Ceccarelli, Marco (2007). Distinguished Figures in Mechanism and Machine Science: Their Contributions and Legacies. Springer. p. 230. ISBN 978-1-4020-6366-4.
- ↑ Hero (1899). "Pneumatika, Book ΙΙ, Chapter XI". Herons von Alexandria Druckwerke und Automatentheater (en grego e alemán). Wilhelm Schmidt (tradutor). Leipzig: B.G. Teubner. pp. 228–232.
- ↑ "Carl Sagan: la Biblioteca de Alejandría e Hipatia en Cosmos". Arquivado dende o orixinal o 07 de abril de 2010. Consultado o 29 de marzo de 2010.
- ↑ Humphrey, John W.; Oleson, John P.; Sherwood, Andrew N. (1998). Greek and Roman technology: A Sourcebook. Annotated translations of Greek and Latin texts and documents. Routledge Sourcebooks for the Ancient World. London e Nova York: Routledge. ISBN 978-0-415-06137-7., pp. 66–67
- ↑ A.G. Drachmann, "Heron's Windmill", Centaurus, 7 (1961), pp. 145–151
- ↑ Dietrich Lohrmann, "Von der östlichen zur westlichen Windmühle", Archiv für Kulturgeschichte, Vol. 77, Issue 1 (1995), pp. 1–30 (10f.)
- ↑ Heath, Thomas (1921). A History of Greek Mathematics, Vol. 2. Oxford: Clarendon Press. pp. 323–324.
- ↑ Smyly, J. Gilbart (1920). "Heron's Formula for Cube Root". Hermathena (Trinity College Dublin) 19 (42): 64–67. JSTOR 23037103.
- ↑ McKinnon, Jamies W. (2001). Hero of Alexandria and Hydraulis. The New Grove Dictionary of Music and Musicians. Oxford University Press.
- ↑ De gli automati, overo machine se moventi, Volume 2 (Venecia, 1589; repr. 1601), On Automaton; traducido do grego.
- ↑ O'Connor, J.J.; Robertso, E.F. "Heron biography". The MacTutor History of Mathematics archive. Consultado o 2006-06-18.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Herón de Alexandría ![]() |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Drachmann, Aage Gerhardt (1963). The Mechanical Technology of Greek and Roman Antiquity: A Study of the Literary Sources. Madison, WI: University of Wisconsin Press.
- Landels, J.G. (2000). Engineering in the ancient world (2nd ed.). Berkeley: University of California Press. ISBN 0-520-22782-4.
- Marsden, E.W. (1969). Greek and Roman Artillery: Technical Treatises. Oxford: Clarendon Press.
- Schellenberg, H.M.: Anmerkungen zu Hero von Alexandria und seinem Werk über den Geschützbau, in: Schellenberg, H.M./ Hirschmann, V.E./ Krieckhaus, A.(edd.): A Roman Miscellany. Essays in Honour of Anthony R. Birley on his Seventieth Birthday, Gdansk 2008, 92-130
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Pneumática (Πνευματικά): Versión española da tradución ao inglés de Bennet Woodcroft (1803-1879), de 1851; en PDF
- Textos de Herón en francés, con introdución e anotacións, na páxina web de Philippe Remacle (1944-2011)
- Textos en grego na páxina web da Bibliotheca Augustana (Augsburgo)
- Ficha da curtametraxe rusa de animación Герон (1979), dirixida por Viktor Omelchenko (Виктор Омельченко), que narra a invención da eolípila (en inglés)