Castelo de Windsor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Castelo de Windsor

O castelo de Windsor é unha residencia real en Windsor, no condado inglés de Berkshire. Está fortemente asociado á familia real inglesa e á súa sucesora británica e encarna case mil anos da historia da arquitectura.

O castelo orixinal foi construído no século XI despois da invasión normanda de Inglaterra por Guillerme o Conquistador. Dende a época de Henrique I, foi empregado polo monarca reinante e é o palacio europeo ocupado durante máis tempo continuado. Os luxosos apartamentos estatais do comezo do século XIX do castelo foron descritos polo historiador de arte de principios do século XX Hugh Roberts como "unha magnífica e inigualable secuencia de cuartos considerada como a mellor e máis completa expresión do gusto xeorxiano posterior".[1] Dentro das murallas do castelo atópase a capela de San Xurxo do século XV, definida polo historiador John Martin Robinson como "un dos logros supremos do deseño do gótico perpendicular inglés".[2]

Orixinalmente deseñado para protexer o dominio normando arredor das aforas de Londres e supervisar unha parte estratexicamente importante do río Támese, foi construído como un castelo de mota, con tres salas que arrodeaban un montículo central. Substituído gradualmente por fortificacións de pedra, o castelo resistiu un prolongado asedio durante a Primeira Guerra dos Baróns a principios do século XIII. Henrique III construíu un luxoso palacio real dentro do castelo durante mediados do século, e Eduardo III foi máis alá, reconstruíndo o palacio para facer un conxunto aínda máis grande de edificios no que se convertería "no proxecto de construción secular máis caro de toda a Idade Media en Inglaterra".[3] O deseño central de Eduardo durou durante o período Tudor, durante o cal Henrique VIII e Isabel I fixeron un uso crecente do castelo como corte real e centro de entretemento diplomático.

O castelo de Windsor sobreviviu ao tumultuoso período da guerra civil inglesa, cando foi usado como sede militar polas forzas parlamentarias e prisión para Carlos I. Na Restauración da monarquía en 1660, Carlos II reconstruíu gran parte do castelo de Windsor coa axuda do arquitecto Hugh May, creando un conxunto de interiores barrocos extravagantes. Despois dun período de abandono durante o século XVIII, Xurxo III e Xurxo IV renovaron e reconstruíron o palacio de Carlos II cun gasto colosal, producindo o deseño actual dos apartamentos do estado, cheos de mobiliario rococó, gótico e barroco. A raíña Vitoria fixo algúns pequenos cambios no castelo, que se converteu no centro de entretemento real durante gran parte do seu reinado. O castelo de Windsor foi utilizado como refuxio pola familia real durante as campañas de bombardeo da Luftwaffe durante a segunda guerra mundial e sobreviviu a un incendio en 1992. É unha popular atracción turística, un lugar para acoller visitas estatais e o fogar preferido da fin de semana da raíña Isabel II.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

A: Torre Redonda
B: Ala superior
C: Apartamentos de Estado
D: Apartamentos privados
E: Ala sur
F: Ala inferior
G: Capela de San Xurxo
H: Claustro da Ferradura
K: Porta de Henrique VIII
L: Paseo longo
M: Porta normanda
N: Terraza norte
O: Torre de Eduardo III
T: Torre de Recoller

O castelo de Windsor ocupa un terreo de cinco hectáreas[4] e combina os elementos dunha fortificación, un palacio e unha pequena cidade.[5] O castelo actual foi creado por unha sucesión de edificacións por fases que culminaron no traballo de reconstrución tralo incendio de 1992.[6] En esencia é un deseño xeorxiano e vitoriano baseado nunha estrutura medieval, con elementos góticos reinventados en estilo moderno. Dende o século XIV, a arquitectura do castelo intentou producir unha reinterpretación contemporánea das antigas modas e tradicións, imitando repetidamente estilos anticuados ou pasados de moda.[7] Como resultado, o arquitecto William Whitfield apuntou a arquitectura do castelo como cunha "cerat calidade ficticia", cos deseños pintorescos e góticos xerando "unha sensación de que se está a realizar unha representación teatral", a pesar dos esforzos do século XX de expoñer máis as estruturas máis antigas para incrementar a sensación de autenticidade.[8] A pesar das críticas, a arquitectura e a historia do castelo proporciónalle un "lugar entre os grandes palacios europeos".[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hugh Roberts, Options Report for Windsor Castle, cited Nicolson, p. 79.
  2. Robinson, p. 27.
  3. Brindle e Kerr, p. 39.
  4. "Royal Collection Trust – Windsor Castle Fact Sheet" (PDF). Royal Collection Trust. Consultado o 10 de xaneiro de 2021. 
  5. Robinson, pp. 7, 156.
  6. Nicolson, pp. 3–4.
  7. Nicolson, p. 123.
  8. Nicolson, p.78; Brindle e Kerr, p. 61.
  9. Robinson, p. 156.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]