Niccolò Fontana Tartaglia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Niccolò Fontana Tartaglia
Niccolò Tartaglia.jpg
Datos persoais
Niccolò Fontana
Nacemento 1499/1500
Lugar Brescia, República de Venecia
Falecemento 13 de decembro de 1557
Lugar Venecia
Nacionalidade Italia Italia
Actividade
Campo Matemáticas
editar datos en Wikidata ]

Niccolò Fontana “Tartaglia” ([nikkoˈlɔ fonˈtana tarˈtaʎʎa]), nado en Brescia en 1499 ou en 1500 e finado en Venecia o 13 de decembro de 1557 foi un matemático e enxeñeiro italiano. Publicou moitos libros, como as primeiras traducións ao italiano de Arquímedes e Euclides, e unha recompilación de Matemáticas. Tartaglia foi o primeiro en aplicar as matemáticas á investigación das traxectorias das balas de canón (balística) en Nova Scientia; a súa obra foi en parte validada e en parte desbancada polos estudos de Galileo sobre a caída dos corpos. Tamén publicou un tratado sobre o rescate de barcos afundidos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Niccolò Fontana era fillo de Michele Fontana, xinete que viaxaba ás vilas veciñas para repartir correo. En 1506 Michele foi asasinado por uns ladróns e Niccolò, os seus dous irmáns e a súa nai quedaron empobrecidos. Niccolò experimentou outra traxedia cando en 1512 as tropas do rei Luís XII de Francia invadiron Brescia durante a guerra da liga de Cambrai. A milicia de Brescia defendeu a cidade durante sete días e cando os franceses finalmente entraron na cidade vingáronse masacrando os seus habitantes. Ao final da batalla morreran máis de 45 000 cidadáns. Durante a matanza, Niccolò e a súa familia buscaron refuxio na catedral, mais os franceses entraron e un soldado cortou a mandíbula e o padal de Niccolò, dándoo por morto. A súa nai coidouno ata que recuperou a saúde, mais o rapaz nunca recuperou totalmente a fala, provocando o alcume "Tartaglia" ("tatexo"). Despois deste feito nunca volveu afeitarse e deixou crecer a barba para ocultar as súas cicatrices.[1]

Cóntase que Tartaglia aprendeu a metade do alfabeto dun titor privado antes de que se lles acabasen os cartos e que tivo que aprender o resto só. Sexa como for, el foi esencialmente autodidacta; tanto el coma os seus contemporáneos que traballaban fóra das academias, eran os responsables de divulgar as obras clásicas nas linguas modernas entre a clase media educada.

Obra[editar | editar a fonte]

A súa edición de Euclides en 1543, primeira tradución dos Elementos a unha lingua europea moderna, foi especialmente significativa. Durante dous séculos Euclides fora ensinado nas dúas traducións ao latín tomadas de fontes árabes. Estas edicións contiñan erros no Libro V, a teoría da proporción de Eudoxo de Cnidos, que a volvía inservible. A tradución de Tartaglia estaba baseada na tradución ao latín de Zamberti a partir dun texto grego intacto. Tamén escribiu o primeiro comentario moderno e útil sobre a teoría. Máis adiante a teoría foi unha ferramenta esencia para Galileo, como xa fora para Arquimedes.

Porén, a súa obra máis coñecida é o seu tratado General Trattato di numeri, et misure publicado en Venecia entre 1556 e 1560. Está considerado o mellor tratado sobre aritmética do século dezaseis.[2] Tartaglia non só fai unha discusión completa sobre as operacións aritméticas e as regras comerciais usadas polos matemáticos italianos no seu traballo, senón que fala da vida da xente, dos costumes dos comerciantes e dos esforzos feitos no seus século para mellorar a aritmética.

Solución da ecuación cúbica[editar | editar a fonte]

Tartaglia é especialmente coñecido na actualidade polos seus conflitos con Gerolamo Cardano. Cardano persuadiuno de que lle revelase a súa solución para a ecuación de terceiro grao, prometéndolle non publicala. Tartaglia contoulle en verso tres formas diferentes de atopar a solución.[3] Varios anos despois, Cardano viu a obra inédita de Scipione del Ferro, que chegara á mesma solución de Tartaglia de xeito independente. Como esta obra estaba datada antes da de Tartaglia, Cardano decidiu romper a súa promesa e incluíu a solución de Tartaglia na súa seguinte publicación. A pesar de que Cardano lle acreditou o descubrimento, Tartaglia molestouse e responde insultando publicamente a Cardano. Os historiadores das Matemáticas acreditan hoxe en día ambos os dous, referíndose á fórmula como "fórmula de Cardano-Tartaglia".

Volume dun tetraedro[editar | editar a fonte]

Tartaglia é coñecido tamén pola "fórmula Tartaglia" para o volume dun tetraedro (incluídos os tetraedros irregulares) que se pode escribir como o determinante das distancias medidas dúas a dúas entre as catro esquinas:

onde d ij é a distancia entre os vértices vertices ij. É unha xeneralización da fórmula de Herón para a área do triángulo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Strathern 2013, p. 189
  2. Smith 1985, p. 298
  3. Katz 1998, p. 359

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Katz, Victor J. (1998). A History of Mathematics: An Introduction (2nd ed.). Reading: Addison Wesley Longman. ISBN 0-321-01618-1. 
  • Smith, D.E. (1958). History of Mathematics I. Nova York: Dover Publications. ISBN 0-486-20429-4. 
  • Strathern, Paul (2013). Venetians. Nova York: Pegas Books. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]