Óptica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A óptica é unha rama da física que describe o comportamento e propiedades da luz e a interacción desta coa materia. Así, a óptica procura explicar, e proporcionar o xeito adecuado de dominar os fenómenos nos que intervén a luz ou fenómenos ópticos.

O campo da óptica abrangue usualmente a descrición do comportamento da luz visible, infravermella e ultravioleta; porén, como a luz é unha onda electromagnética, fenómenos análogos suceden nos raios X, microondas, radioondas e outras formas de radiación electromagnética. A óptica pode contemplarse como un subcampo do electromagnetismo. Algún fenómeno óptico depende da natureza cuántica da luz e algunhas áreas da óptica están tamén relacionadas coa mecánica cuántica.

A óptica é moitas veces considerada moi separada doutras partes da física. Ten a súa propia identidade. Os aspectos puramente científicos son con frecuencia chamados Ciencia Óptica ou Óptica Física.

A óptica aplicada é a miúdo chamada Enxeñaría Óptica. Incluso aplicacións desta enxeñaría como as relacionadas cos sistemas de iluminación son chamadas enxeñaría lumínica, e o mesmo ocorre coa visión artificial e moitos outros campos. Cada unha destas disciplinas tende a ser abondo diferente nas súas aplicacións, condicións técnicas, focalización e afiliación profesional.

Pola súa ampla aplicación como ciencia da luz nas aplicacións do mundo real, a área da óptica tende a ser interdisciplinar e transversal a outras disciplinas, afectando de xeito moi importante partes non só da física e a tecnoloxía, senón tamén da psicoloxía, a medicina etc.

Óptica clásica[editar | editar a fonte]

A óptica clásica comprende por unha banda a óptica xeométrica, ás veces chamada óptica de raios que é a rama da óptica que describe a propagación da luz en termos de raios; e por outra banda a óptica ondulatoria que considera a luz como unha onda a se propagar.

  • Na óptica xeométrica, os raios son desviados na interfase (ou fronteira) entre dous medios homoxéneos diferentes; poden ser curvados nun medio heteroxéneo no que o índice de refracción é función da posición. A luz segue traxectorias entre dous puntos dados que minimizan o tempo empregado, en cumprimento do principio de Fermat, así a característica do medio que afecta á propagación é a velocidade da luz no mesmo (é dicir, o índice de refracción). Coa óptica xeométrica pódense abordar problemas habituais de instrumentación óptica relacionados coa obtención da imaxe.
  • Na óptica ondulatoria, a luz componse de ondas esféricas procedentes de fontes puntuais que en conxunto conforman unha fronte de ondas. A grandes distancias da fonte esta fronte pódese considerar plana. Esta aproximación á propagación da luz permite explicar fenómenos ópticos como a difracción, a interferencia, a cor etc.

A conexión entre ambas perspectivas atópase no feito de que o raio da óptica xeométrica é perpendicular á fronte de onda considerada na Óptica física ou Óptica Ondulatoria.

Óptica moderna[editar | editar a fonte]

Óptica moderna é un termo usado para describir as áreas da ciencia óptica e a enxeñaría que acadaron popularidade no século XX. Estas áreas da óptica refírense de xeito directo a propiedades electromagnéticas ou cuánticas da luz, mais inclúen outros temas.

Principais campos de investigación e aplicación[editar | editar a fonte]

A continuación oferécese unha lista cos principais campos de actividade en óptica na actualidade. Algúns deles son realmente subcampos doutros, pero cunha relevancia propia importante.

En xeral, pódese atopar a investigación e desenvolvemento en óptica como parte de case todos os campos da I+D tecnolóxica. É moi raro atopar calquera tipo de instrumento industrial complexo que non leve algún tipo de tecnoloxía óptica suceptíbel de ser mellorado.

Óptica diaria[editar | editar a fonte]

A Óptica é parte da vida diaria tamén e principalmente na natureza. O Arco da vella, os espellismos ou o raio verde son exemplos de fenómenos ópticos.