Útero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O útero, tamén denominado matriz ou seo materno, é o órgano da xestación do aparato reprodutor feminino, situado entre a vaxina e as trompas de Falopio. Recolle a blástula, que se implanta no endometrio, para o seu desenvolvemento durante a xestación. Na especie humana esta dura uns 280 días.

Anatomía do útero na muller[editar | editar a fonte]

É un órgano muscular, oco, aplanado, con forma de pera, situado extraperitonealmente na pelve menor da muller, que cando adopta a posición en anteversión se apoia sobre a vexiga urinaria por diante, estando o recto por detrás. Está suspendido na pelve e colócase coa base dirixida cara arriba e cara adiante, e o colo dirixido un pouco cara atrás.

Está recuberto parcialmente por peritoneo no fondo uterino, na súa porción máis posterosuperior. Polos lados presenta os ligamentos redondos e por diante a vexiga.

O útero está formado por dúas rexións principais que son:

  • O corpo uterino, ó que están unidas polos lados as trompas de Falopio. Está separado do colo uterino ou cérvix polo istmo uterino.
  • O colo do útero ou cérvix uterino que ten unha porción supravaxinal onde se atopa a canle endocervical e outra intravaxinal que se visualiza na colposcopia.

A parede do útero presenta á sección tres capas de células que son de fóra a dentro:

O útero está irrigado polas arterias uterinas, ramas da arteria hipogástrica. A drenaxe linfática diríxese principalmente ós ganglios linfáticos ilíacos internos e externos, cara aos paraórticos.

A cada un dos lados hai un ovario que produce óvulos ou ovos que chegan a el a través das trompas de Falopio. Cando non hai embarazo, o útero mide uns 7,6 cm de lonxitude, 5 cm de anchura e 2,5 cm de grosor. Durante a xestación, o óvulo fecundado implántase no revestimento uterino, onde crece ata acadar a madurez. As paredes do útero son elásticas e estíranse durante o embarazo para albergar ó feto en crecemento. Aínda que o útero é un órgano muscular posúe un revestimento de material glandular brando que durante a ovulación se fai máis denso, momento no cal está listo para recibir un óvulo fecundado. Se non se produce a fecundación, este revestimento expúlsase durante a menstruación.

O útero é propenso ás infeccións. A endometrite é unha inflamación do revestimento mucoso do útero que pode afectar tanto ó cervix coma ó corpo do órgano, ou a ambos. O cancro e os tumores fibrosos do útero son bastante frecuentes, do mesmo xeito que a endometriose, que consiste na aparición de revestimento uterino por fóra do órgano.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]