Anatomía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

Anatomía é o estudo da estrutura, situación e relacións das diferentes partes do corpo de animais ou plantas.

Anatomía (do grego anatomē, ‘disección’) é unha rama das ciencias naturais relativa á organización estrutural dos seres vivos. É unha ciencia moi antiga, cunhas orixes que se remontan á prehistoria. Durante séculos, os coñecementos anatómicos baseáronse na observación de plantas e animais diseccionados. Porén, a compresión adecuada da estrutura implica un coñecemento da función dos organismos vivos. Por conseguinte, a anatomía é case inseparable da fisioloxía, que ás veces recibe o nome de anatomía funcional. A anatomía, que é unha das ciencias básicas da vida, está moi relacionada coa medicina e con outras ramas da bioloxía.

Home de Vitruvio por Leonardo da Vinci (1485/90, Galleria dell' Accademia, Venecia)

É conveniente subdividir o estudo da anatomía en distintos aspectos. Unha clasificación posible baséase no tipo de organismo de estudo; neste caso as subdivisóns principais son a anatomía das plantas e a anatomía animal. Á súa vez, a anatomía animal subdivídese en anatomía humana e anatomía comparada, que establece similitudes e diferenzas entre os distintos tipos de animais.

A anatomía tamén se pode dividir atendendo aos procesos biolóxicos, por exemplo, anatomía do desenvolvemento (que inclúe, entre outros, o estudo dos embrións en diferentes etapas) e a anatomía patolóxica ou estudo descriptivo dos órganos enfermos. Outras subdivisións, como a anatomía cirúrxica e a anatomía artística (como por exemplo na obra Home de Vitruvio de Leonardo da Vinci), baseánse na relación da anatomía con outras actividades baixo o título xeral de anatomía aplicada.

Outra forma máis de subdividir a anatomía depende das técnicas empregadas, sendo unha das categorías a microanatomía, que se basea nas observacións obtidas coa axuda dun microscopio.

Clasificación[editar | editar a fonte]