Historia da arte occidental
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
A historia da arte occidental redúcese en gran parte á historia da arte europea dende a Idade Media e á arte clásica greco-romana; así como ao comezo da arte xunto coa historia nas civilizacións que se consideran os seus precedentes (Exipto e Próximo Oriente). As manifestacións artísticas de épocas anteriores no continente europeo e a conca do Mediterráneo son moi diversas, pois aínda que algunhas están moi afastadas no tempo e presentan unha gran distancia cultural (arte prehistórica); outras non (megalitismo, arte protohistórico).
A causa desa limitación ten que ver, como é lóxico, con que o estudo da historia da arte nace como disciplina no Renacemento italiano; e con que Europa (sobre todo Francia e Inglaterra, e moi especialmente os países de lingua alemá) continuou acollendo os núcleos principais dos historiadores e estudosos da arte até mediados do século XX, momento no que, tras a segunda guerra mundial, tamén os Estados Unidos pasan a ser un centro de produción artística e de crítica e historia da arte de primeira orde. Menos atención recibiron as producións artísticas doutras civilizacións, e mesmo as de zonas periféricas da mesma civilización occidental (como a América colonial), independentemente da consideración que poida facerse da súa importancia comparada coa das zonas centrais da civilización occidental. Tal orientación adoita ser acusada de eurocentrismo por parte dos partidarios dunha perspectiva global.[1]
Arte antiga
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Arte antiga.
É na Antigüidade cando xorden os primeiros conceptos teóricos respecto á sistematización e estudo das artes. Aínda que cubra un período bastante longo, destácase aí a formulación da estética clásica, reunindo as culturas grega e romana.
Durante practicamente toda a Antigüidade, a arte estivo bastante asociada ás necesidades formais dos rituais relixiosos: as varias formas de produción artística (pintura, escultura, arquitectura), buscaban dalgunha forma traer para o mundo mortal os valores do mundo divino. Esta visión de arte é especialmente patente nos exipcios e babilonios. Os gregos e romanos, porén, aínda que cultiven esta necesidade, camiñarán cara a unha arte con novos significados. A arte, para eles, tornarase unha forma de humanismo.
Non existía a noción de perspectiva, que só foi (brevemente) desenvolvida polos gregos, nun concepto chamado escorzo, mais aínda non sistematizado (algo que será feito só no Renacemento). Desta forma, a pintura exipcia, por exemplo, caracterizouse por propor unha realidade nas súas pinturas que se mostraba non só bidimensional senón tamén simbólica: os personaxes de maior importancia, como os faraóns, eran representados nunha escala claramente maior que as demais figuras.
Arte clásica: Grecia e Roma
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Arte clásica.
Os gregos son responsábeis do concepto de arte que impregnará practicamente toda a produción occidental durante máis de 2000 anos. A palabra grega para a arte é tekné, que tamén significa técnica ou oficio. Este concepto está asociado á idea de mímese, que considera que no mundo real, a manifestación artística debe representar a busca do ideal. O ideal, para os gregos, está representado pola perfección da Natureza, desta forma, a arte debe ser perfecta. Por tanto, segundo o punto de vista clásico, a arte é imitación da Natureza, mais non se resume a un simple retrato dela, senón que busca unha Natureza ideal e universal. A busca deste ideal universal de Natureza é, para a arte clásica, a busca da Beleza universal, pois a Natureza, sendo perfecta, é bela. Non existe separación, segundo este punto de vista, entre arte, ciencia, matemática e filosofía: todo o coñecemento humano está posto na busca da perfección.
Os gregos son responsábeis tamén dunha serie de adiantos do punto de vista técnico da produción artística. A arte grega por excelencia foi a escultura: os grego desenvolvérona de forma impresionante, considerados os exemplos doutras culturas do mesmo período. A busca das relacións naturais perfectas levou tamén a que a estatuaria grega establecese determinados patróns de beleza que a tornaban, aínda que absolutamente naturalista, distante da realidade cotiá. As proporcións dos corpos humanos ideais seguían normas ríxidas, de forma que a produción escultórica fose unha busca e unha consecuencia destes patróns: como exemplo, a altura do corpo masculino debería posuír aproximadamente sete veces e media a altura da cabeza. Esta canonización chegou até os días actuais principalmente pola preservación dos textos vitruvianos durante a Idade Media, mais é posíbel que tratados diversos posuísen regras distintas.
Arte medieval
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Arte medieval.
Durante a Idade Media a arte estivo predominantemente comprometida co proxecto de difusión e propaganda do Cristianismo europeo. Durante este período, visto que a vasta maioría dos campesiños era iletrada, as artes visuais eran o principal método para comunicar as ideas relixiosas aos fieis, xuntamente cos sermóns. A Igrexa católica era unha das poucas institucións o suficientemente ricas para remunerar a obra dos artistas, e por tanto a maior parte das obras eran de natureza relixiosa (condicionando o que se coñece por arte sacra).
Desde a caída do Imperio Romano, moitas das técnicas artísticas desenvolvidas na Grecia Antiga foron perdidas, o que levou á pintura medieval a ser predominantemente bidimensional. Como non había ningunha noción de perspectiva na produción artística do período, as personaxes retratadas eran pintadas maiores ou menores de acordo coa súa importancia e o seu simbolismo e non de acordo coa súa posición relativa na escena e ao ollo do observador. Ao lado da pintura, a tapicería era a máis importante forma de arte medieval: as pezas de tapicería eran elementos necesarios para manter a calor interna dos castelos no inverno (construídos predominantemente con pedra). A máis famosa tapiceria medieval é o ciclo coñecido como A señora e o unicornio.
As dúas principais manifestacións arquitectónicas (principalmente relacionadas coa construción de catedrais) eran o románico (até mediados do século XII) e o gótico (de mediados do século XII en diante). A pesar de estaren normalmente asociadas a distintos períodos históricos, nunca deixaron de ser construídas. Destaca tamén a formación das corporacións de oficios, especialmente durante o período do Renacemento comercial, reunindo artesáns que detentaban o monopolio do coñecemento práctico de determinadas áreas.
Cómpre resaltar que o pobo durante a Idade Media non posuía o hábito da lectura, visto que eran poucos os que tiñan acceso á escrita e que podían ler. Por tanto, as artes visuais foron un dos principais medios encontrados pola Igrexa católica de pasar para a sociedade os valores do cristianismo.
A maioría dos artistas medievais eran anónimos e o traballo colectivo era bastante común. Alén diso, é difícil identificar artistas individuais neste período.
O Renacemento
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Renacemento.
Durante a Idade Media europea, as pinturas e esculturas tendían a focalizar a relixión, especialmente o Cristianismo. A medida que o Renacemento emerxe, porén, o foco dos artistas desprázase ao pasado clásico, buscando influencias na Grecia e Roma antigas, levando a profundas mudanzas tanto nos aspectos técnicos como nos motivos e temáticas da pintura e escultura. Os pintores, entón, pasan a aumentar o realismo dos seus traballos usando as novas técnicas da perspectiva (recentemente redescuberta e bastante desenvolvida), representando máis autenticamente as tres dimensións. A manipulación da luz e sombra, como o contraste de ton evidente nos traballos de Ticciano, foi enriquecida coas técnicas do chiaroscuro e do sfumato desenvolvidas por Leonardo da Vinci. Os escultores, tamén, redescubriran moitas técnicas antigas, como o contrapposto.
Seguindo o espírito humanista do período, a arte tornouse máis laica nas súas temáticas, buscando motivos na mitoloxía clásica ademais dos temas cristiáns. Este xénero de arte acostuma ser chamado de clasicismo renacentista. Os artistas renacentistas máis influentes son Leonardo da Vinci, Michelangelo Buonarroti e Rafael Sanzio, pertencentes ó Renacemento italiano.
Outra figura igualmente importante mais menos coñecida do Renacemento (neste caso, do Renacemento flamengo) é Jan van Eyck, pintor neerlandés.
- Períodos relevantes
- Renacemento italiano: final do século XIV até mediados do século XVI
- Renacemento flamengo: século XVI
Maneirismo, barroco e rococó
[editar | editar a fonte]Artigos principais: Maneirismo, barroco, rococó
Na arte europea, o clasicismo renacentista desmembrouse en dous movementos distintos: o maneirismo e o barroco. O primeiro, unha reacción contra a perfección idealista do clasicismo, empregou a distorsión da luz e dos espazos da obra a fin de salientar o seu contido emocional e as emocións do artista. A arte barroca levou a subliñar detalles e movemento na súa busca da beleza. Talvez os máis coñecidos pintores barrocos sexan Rembrandt, Peter Paul Rubens e Diego Velázquez.
A arte barroca é frecuentemente vista como parte da estratexia católica da Contrarreforma: o elemento artístico da revitalización da vida espiritual na Igrexa católica. Alén diso, a énfase que a arte barroca deu á grandiosidade é vista como un reflexo do Absolutismo. Lois XIV dixo: "Eu son a grandiosidade encarnada", e moitos artistas barrocos serviron aos reis procurando ese mesmo obxectivo. Non obstante o amor barroco polo detalle é con frecuencia considerado como resultado dun excesivo ornamentalismo e, de certa forma, vulgar, especialmente cando o barroco evoluciona ao estilo decorativo do rococó. Tras a morte de Lois XIV, o rococó floreceu por un curto período, decaendo axiña. Efectivamente, a aversión á ornamentación excesiva do rococó foi o ímpeto para a chegada do neoclasicismo.
- Períodos relevantes
- Maneirismo: século XVI.
- Barroco: do século XVII até mediados do século XVIII.
- Rococó: mediados do século XVIII.
Neoclasicismo, romanticismo, academicismo, realismo
[editar | editar a fonte]Artigos principais: Neoclasicismo, romanticismo, academicismo, realismo
A medida que o tempo pasaba, moitos artistas manifestáronse contrarios ao ornamentalismo dos estilos anteriores e buscaron a arte anterior, máis simple, do Renascimento, formando o que foi coñecido como neoclasicismo. O neoclásico foi o compoñente artístico do movemento intelectual coñecido por Iluminismo, o cal era igualmente idealista. Ingres, Canova e Jacques-Louis David están entre os neoclásicos máis coñecidos.
Da mesma maneira que o manieirismo rexeitaba o clasicismo, o romanticismo rexeitaba as ideas iluministas e a estética neoclásica. A arte romántica enfocaba o uso da cor e do xesto a fin de retratar a emoción, mais, como o clasicismo, usaba a mitoloxía clásica e a tradición como unha importante fonte de simbolismo. Outro importante aspecto do romanticismo foi súa énfase na natureza e no retrato do poder e da beleza do mundo natural, sempre idealizados de acordo cun eu. O romanticismo foi tamén un gran movemento literario, especialmente na poesía. Entre os maiores artistas románticos están Eugène Delacroix, Goya, e William Blake.
Moitos artistas deste período tenderon a presentar unha posición centralizadora que os levou a adoptar simultaneamente características distintas dos estilos romántico e neoclásico. As distintas tentativas tomaron forma na Academia Francesa, e colectivamente son reunidas na arte académica. Considérase que William-Adolphe Bouguereau encabeza esta tendencia da arte.
No inicio do século XIX, porén, Europa transfórmase radicalmente pola industrialización. A pobreza, miseria e desesperación estaban a ser o destino do novo proletariado creado pola "revolución". En resposta a estas mudanzas na sociedade, xurdiu o movemento realista. O realismo procurou retratar as condicións e dificultades das clases populares na esperanza de alterar a sociedade. Para este movemento, o artista debe representar o seu tempo, sen tomar un partido definido: debe retratar os puntos que considere adecuados, denunciándoos á sociedade. En contraste cos románticos, que eran esencialmente optimistas co destino humano, o realismo retratou a vida nas profundidades dunha terra urbana sen orde. Como o romanticismo, desenvolveuse tamén como un movemento literario. Entre os grandes pintores realistas están Gustave Coubert e Edouard Manet (que abre o camiño do impresionismo).
É interesante notar que, aínda que o neoclasicismo fose deixado atrás cando xurdiron os novos estilos, continuou a existir puntualmente e, en certos lugares, a arquitectura neoclásica perdurou até o inicio do século XX.
- Períodos relevantes
- Neoclasicismo, desde mediados do século XVIII até o inicio do século XIX (aínda que continúe manifestándose puntualmente durante todo o século)
- Romanticismo, fins do século XVIII até mediados do século XIX.
- Realismo, mediados do século XIX.
Impresionismo, postimpresionismo
[editar | editar a fonte]Artigos principais: Impresionismo, Postimpresionismo
Xurdindo da ética naturalista do realismo, mais ao mesmo tempo afastándose dela, creceu un gran movemento artístico: o impresionismo. A fotografía xorde tomando o lugar da pintura de retratos e os artistas buscaron do elemento fundamental da pintura, para se diferenciar da fotografía. Pensaron na luz e no movemento. Os impresionistas foron os pioneiros no uso da luz na pintura como forma de capturar a vida como vista polos ollos humanos. Edgar Degas, Édouard Manet, Claude Monet, Camille Pissarro e Pierre-Auguste Renoir estaban todos inmersos no movemento impresionista.
Buscando novas formas de expresión ou de diálogo coa realidade, xurdiron artistas que, aínda que cunha orixe impresionista, diferenciáronse do movemento. Xenericamente chamados de postimpresionistas, os integrantes deste grupo (que non posuía ningunha conexión formal sino que moitas veces eran descoñecidos uns dos outros) incluían a Vincent van Gogh, Paul Gauguin e Paul Cézanne.
Arte moderna
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Arte moderna.
Aínda que o concepto de arte moderna sexa complicado (dependendo do punto de vista, pode abarcar períodos e movementos diversos), acostuma haber un consenso de que está estritamente relacionada coas vangardas artísticas que proliferaron no inicio do século XX, consideradas como un desdobramento da obra do trío Van Gogh-Gauguin-Cézanne. De calquera forma, a idea de modernismo está en xeral relacionada cunha nova forma de lidar co problema estético, repudiando as regras da tradición e buscando o "espírito da época". Por causa disto, os movementos chamados modernos son, moitas veces, antagónicos.
Seguindo aos impresionistas viñeron os fauves, ás veces considerado como o primeiro xénero "moderno" da arte. Así como os impresionistas revolucionaran o uso da luz, tamén os fauves o fixeron coa cor. Tras o fauvismo, a arte moderna comezou a se desenvolver en todas as formas, indo do expresionismo (preocupado pola evocación da emoción a través de traballos obxectivos de arte) ao cubismo (repensando o espazo bidimensional e a súa relación co espazo tridimensional) e ao abstraccionismo. Estas novas formas de arte aumentaron os límites das nocións tradicionais do que é "arte" e correspondían ás mudanzas similares que acontecían na sociedade humana, na tecnoloxía e no pensamento.
O surrealismo é normalmente clasificado como unha forma de arte moderna. Porén, os propios surrealistas propuxeron o estudo do surrealismo como unha nova era na historia da arte, dicindo que aquela noción simplificaba demasiado a complexidade do movemento (que non debería ser un movemento artístico), non mostraría adecuadamente a relación do surrealismo coa estética e falsamente o caracterizaría como un movemento restrinxido a un determinado período. Os surrealistas estaban preocupados coa escrita automática do ser humano, reveladora de seu subconsciente.
Outras formas de arte moderna (algunhas das cales relaciónanse coa arte contemporánea) inclúen:
Arte contemporánea
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Arte contemporánea.
Aínda que o eixe cultural internacional continúe sendo predominantemente occidental, tendo en Nova York e París as súas capitais tradicionais, a arte practicada nos últimos 50 anos rompeu, en xeral, con este límite: a arte practicada no Oriente, en África e outros lugares gañou relevancia. Desta forma, a arte deixa de estar limitada aos conceptos occidentais tradicionais, incorporando novas culturas e afastándose cada vez máis da idea dunha "tradición artística vernácula". Hai, porén, diversos críticos que alegan que, aínda que exista unha aparente internacionalización da cultura, o ideario occidental continúa sendo vendido como modelo, e todo o que for estranxeiro é vendido (e consumido) como "exótico".
Entre os movementos da arte contemporánea que destacan están:
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Estudosos coma Giulio Carlo Argan, consideran a arte contemporánea como un desbordamento da crise da arte en canto a ciencia europea.
Os estudos sobre historia da arte, doutra banda, adoitan centrarse na pintura, a arquitectura e maila escultura, deixando de lado outras pólas como a literatura ou a música, as cales son estudadas en traballos máis especializados.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Historia da arte occidental |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- ARGAN, Giulio Carlo; Arte moderna; São Paulo:Editora Compañía das Letras, 1992 ISBN 85-7164-251-6
- GOMBRICH; E. H.; Historia da Arte; São Paulo: LTC Editora. ISBN 85-216-1185-4
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Historia da arte - en portugués
- Art History[Ligazón morta] - en inglés