Andrea del Sarto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Andrea del Sarto
Autorretrato, ~ 1528, Florencia, Galería Uffizi.
Nome Andrea d’Agnolo di Francesco di Luca di Paolo del Migliore
Nacemento 16 de xullo de 1486
Lugar Florencia Italia Italia
Falecemento 12 de xaneiro de 1531
Lugar Florencia
Nacionalidade florentino
Cónxuxe(s) Lucrezia del Fede
Eido pintor
Adestramento Piero di Cosimo
Movemento Renacemento
Manierismo
Influenciado por Michelangelo
Leonardo da Vinci
Rafael

Andrea del Sarto, nado en Florencia (Italia) o 16 de xullo de 1486 e finado o 21 de xaneiro de 1531, foi un pintor italiano de estilo manierista. Polo seu depurado estilo foi alcumado «Andrea senza errori» («Andrea sen erros»).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Virxe con neno e San Xoán neno, ~ 1515, Roma, Galería Borghese.
Retrato de escultor, ~ 1518, Londres, National Gallery.

Debe o seu alcume «do sarto» a que era fillo dun costureiro («sarto» en italiano) chamado Agnolo di Francesco. A súa nai, Costanza di Silvestro, tamén era filla dun costureiro.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Aos sete anos Andrea pasa a ser aprendiz dun ourive, e máis tarde pasa ao taller dun pintor chamado Gian Barile que, ao ver os seus grandes progresos, envíao ao taller do máis prestixioso Piero di Cosimo.

De 1508 son as súas primeiras obras, inspiradas directamente dos pintores que lle eran máis familiares a el e ao seu amigo Francesco Franciabigio: Fra Bartolommeo e Mariotto Albertinelli, xunto ao estudo de Rafael Sanzio. Unha Piedade de Andrea que se atopa na Galería Borghese de Roma recorda a Fra Bartolommeo, e a Virxe con neno do Palacio Barberini une a sutil delicadeza de Leonardo; outra Virxe con neno, de 1509, une á solidez estrutural da composición de Rafael unha maior desenvoltura e cordialidade na súa representación.

Os frades do convento da Annunziata, para completar os frescos empezados en 1460 por Alessio Baldovinetti e continuados por Cosimo Rosselli, que non os terminou, encargan en 1509 a Andrea cinco historias de milagres de san Felipe Benizzi, que finalizou ao ano seguinte. Estes frescos son de carácter moi descritivo, un pouco ao estilo dos de Ghirlandaio na igrexa da Santa Trindade e de Santa Maria Novella, pero renovados en canto á súa linguaxe, que se decanta máis por unha atmosfera próxima a Leonardo, e cun ritmo máis dinámico.

Década de 1510[editar | editar a fonte]

Considérase probable que viaxase a Roma en 1510, o que lle permitiu coñecer os desenvolvementos pictóricos de Rafael, visibles na Adoración dos Magos de 1511 e no Nacemento da Virxe de 1514. A súa linguaxe formal desenvolta, dunha serenidade narrativa propia do século XV, enriquécese coas matizadas atmosferas e os estilismos propios de Leonardo e Rafael.

O gran número de debuxos do período seguinte, que deron a fama ao Andrea debuxante, móstrannolo atento aos ensinos de Michelangelo, á singularización da imaxe plástica, como na Virxe con neno e San Juan neno da Galería Borghese, xunto aos rebuscados escorzos da cara do neno e do brazo tenso de San Xoán, representados nun dinamismo frenético acentuado pola fría composición de cores.

En 1514 empeza a traballar nos frescos monócromos do claustro do Scalzo en Florencia, que completará, con moitas interrupcións, en 1526: unha longa experiencia que atravesa case toda a súa obra.

Se a monocromía transmite un deseño concibido como un baixorrelevo, tamén a Virxe das harpías da Galería Uffizi, de 1517, que tamén ten claras referencias a Fra Bartolommeo, recorda a unha escultura. Nun nicho, en cálida penumbra, a virxe aparece como unha estatua sobre un pedestal.

A finais de 1517 ou principios de 1518 casa con Lucrezia del Fede, viúva desde setembro de 1516 de Carlo di Domenico Berrettaio. Segundo algunhas crónicas, este matrimonio prexudicou ao artista, supostamente porque Lucrezia era codiciosa e presionabao no seu afán de gañar máis diñeiro.

Andrea dedicouse ao retrato de modo esporádico. Era este un xénero afastado ás disposicións de Andrea, máis propenso á articulación complexa da figuración. O Retrato de muller do Prado de Madrid identifícase como a súa muller Lucrezia, e no chamado Retrato de escultor de Londres hai quen recoñece ao seu amigo Jacopo Sansovino, ou ata a Baccio Bandinelli. Desta época é a Disputa da Trindade do Palacio Pitti.

Viaxe a Francia[editar | editar a fonte]

Logo de maio de 1518 viaxa a Francia, invitado por Francisco I, para o que xa fixera en Florencia a Virxe con neno, Santa Isabel e San Juan neno do Louvre e outras obras hoxe perdidas. O lenzo coas virtudes teoloxais, xunto aos seus habituais nenos, e a granada en primeiro plano, típica da cultura florentina da súa época coa súa construción piramidal e o plasticismo figurativo, ten unha calidade pictórica xesosa, sinal dunha crise na que os seus contemporáneos Rosso Fiorentino e Pontormo inclinaranse cara a deformacións manieristas, mentres Andrea, unha vez esgotada a súa vea orixinal, inclínase pola reelaboración de motivos antigos, confiados con frecuencia ao seu taller.

Supostamente por culpa da súa esposa Lucrezia, Andrea abandona Francia sen cumprir os seus compromisos con Francisco I e está de novo en Florencia en 1520.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

A Virxe da escaleira (Madonna della Scala), ou Asunto místico, 1522. Museo do Prado, Madrid.

Andrea renova as tradicionais imaxes das piedades florentinas nas súas composicións de Viena e do Palacio Pitti, esta última pintada para as monxas de San Pedro de Luco, en Mugello, onde Andrea se había refuxiado en 1523 para fuxir da epidemia de peste que arrasaba Florencia. Inspirouse para ela na Piedade de Fra Bartolomeo.

Na Virxe con neno, un anxo e un santo do Museo do Prado de Madrid, chamada tradicionalmente Virxe da Scala, a atención do pintor céntrase na definición dun progresivo rigor na composición: todo iso reafirmando os efectos da monumentalidade compositiva, que expresan nas figuras unha natureza substancial.

Vai a morrer de peste no ano 1531

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]