Alfred Russel Wallace
Alfred Russel Wallace, nado o 8 de xaneiro de 1823 e finado o 7 de novembro de 1913, foi un xeógrafo e naturalista inglés. Wallace é coñecido sobre todo por alcanzar o concepto de selección natural, central na teoría biolóxica da evolución, independentemente de Charles Darwin.
Traxectoria [editar]
En 1855 Wallace publicou un artigo titulado "On the law which has regulated the introduction of new species" onde defendía o feito da evolución, aínda que sen atribuírlle unha causa. Tres anos máis tarde, un novo artigo ("On the tendency of varieties to depart indefinitely from the original type") propuña a selección natural como o mecanismo explicativo da transmutación das especies. Wallace remitiu o artigo a Darwin para a súa revisión. Cando este o leu, atopouse co que cualificou como o mellor resumo imaxinable das ideas que el mesmo levaba xestando traballosamente desde facía máis de vinte anos. Tras consultar con Charles Lyell e o propio Wallace, Darwin realizou unha presentación pública ante a Linnean Society de Londres, acreditando a Wallace como codescubridor.
Wallace foi un naturalista viaxeiro, como moitos na súa época, que acompañou por exemplo a Henry Bates á Amazonia. Entre 1854 e 1862, época do achado da selección natural, viaxou por Insulindia (os arquipélagos do Sueste Asiático) recollendo especímenes. Wallace recolleu as súas experiencias no libro O arquipélago malaio, publicado en 1869. Unha achega sinalada e duradeira deste período é a definición da chamada liña de Wallace, un límite biogeográfico moi preciso que separa rexións florística e faunisticamente moi diferenzadas, e que pasa entre as illas da Sonda, Nova Guinea e as Célebes, por unha banda, e Xava, Borneo e Filipinas por outro. Wallace é considerado, xustificadamente, como un dos pais da Bioxeografía.
Wallace desenvolveu co tempo unha tendencia mística que condicionou a súa interpretación do proceso evolutivo, sobre todo no referente á evolución humana, interesándose cada vez máis polo espiritismo.
Véxase tamén [editar]
Outros artigos [editar]
