Medan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Medan é unha importante cidade de Indonesia, a maior da illa de Sumatra e capital da provincia de Sumatra Setentrional. A vinte quilómetros da costa do Estreito de Malaca onde se ubica o seu porto Belawan, Medan é o centro comercial da extensa rexión agrícola circundante (caucho, tabaco, té). Conta cunha poboación de seu de 2.109.339 habitantes (2010) e unha área metropolitana que supera os catro millóns.

Seica fundada a finais do século XVI por Guru Patimpus na que era a Rexión de Deli e axiña (século XVII) Sultanato de Deli tributario do de Aceh, non coñeceu un desenvolvemento significativo ata o século XIX cando os colonos holandeses (presentes na área dende 1658) comezaron a explotación extensiva de tabaco para a exportación.