Río Sepik

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Río Sepik
Karte Neuguinea.png
Mapa de Nova Guinea
País Papúa Nova Guinea Papúa Nova Guinea
Flag of Indonesia.svg Indonesia
Rexión Nova Guinea
Nacemento Cordilleira Victor Emanuel
Altitude n/d
Lonxitude 1.126 km
Caudal medio 8.000 m³/s
Conca 80.320 km²
Desembocadura Mar de Bismarck

O río Sepik é un longo río do Sueste Asiático, o río máis longo da illa de Nova Guinea e o segundo máis longo do mundo dos que discorren por unha illa (tras o río Kapuas, en Borneo). A maioría do río flúe a través de Papúa Nova Guinea, polas provincias de Sandaun e Sepik do Leste, e unha pequena sección corre por Indonesia, pola provincia de Papúa. A lonxitude total do río é de 1.126 km e posúe unha cunca de 80.320 km².

O Sepik é un dos maiores ríos do mundo. Posúe unha grande área de captación con rexións de pantanos, bosques tropicais e montañas. Bioloxicamente, o sistema fluvial é posiblemente o maior sistema de humidais de auga doce non contaminada na rexión asiática do Pacífico.

Xeografía[editar | editar a fonte]

O río Sepik nace na cordilleira Victor Emanuel, na meseta central de Papúa Nova Guinea. Dende a súa nacente na montaña preto da cidade de Telefomin, o río corre cara ao noroeste e deixa as montañas abruptamente preto de Yapsei. Logo transcorre pola provincia indonesia de Papúa, antes de torcer cara ao nordeste e fluír a maior parte do seu camiño pola chamada Gran Depresión.

Ao longo do seu percorrido recibe numerosos afluentes das montañas Bewani e Torricelli, ao norte, e da cordilleira Central, ao sur. Os máis importantes son, pola esquerda, o Yellow River e pola dereita, os ríos April, Karawari, Yuat e Keram

Durante grande parte do seu curso, o Sepik forma amplos meandros, até chegar ao mar de Bismarck, na zona norte de Papúa Nova Guinea. A diferencia doutros grandes ríos, o Sepik non posúe ningún tipo de delta, senón que desemboca directo no mar, a uns 100 km ao leste da cidade de Wewak. O río é navegable na maior parte do seu curso.

A cunca do Sepik é en gran medida un entorno intacto, xa que non existen nin grandes asentamentos urbanos nin actividades mineiras ou forestais na súa área.

Historia[editar | editar a fonte]

Ernest Chinnery, antropólogo australiano, traballando no Sepik central.

Os poboadores locais viviron nas ribeiras do río desde hai moitos milenios e o río foi unha das bases para a súa alimentación, transporte e cultura.

Exploración[editar | editar a fonte]

O primeiro contacto dos europeos co río foi en 1885 cando os alemáns exploraron a zona como parte do establecemento da Nova Guinea Alemá. O río foi bautizado por vez primeira polo explorador e etnógrafo Otto Finsch (1839-1917), como Kaiserin Augusta, en honra da por aquela emperatriz alemá Augusta de Saxonia-Weimar-Eisenach.[1] Ao atopar o río, Finsch remontouno uns 50 km augas arriba da súa desembocadura.[1]

En 1886 e 1887, os alemáns levaron a cabo máis expedicións en barco de vapor e estudaron máis de 600 km do seu curso.[1] Entre 1912 e 1913, volveron con outras expedicións para explorar o río e os seus arredores, recollendo flora e fauna, estudando as tribos locais e realizando os primeiros mapas da rexión. A estación da cidade de Angoram foi establecida como unha base no curso inferior do Sepik para as exploracións. Co inicio da Primeira Guerra Mundial, as exploracións cesaron.

Despois da Guerra Mundial, o goberno australiano encargouse da administración fiduciaria da colonia alemá, creando o Territorio de Nova Guinea, e ficando baixo a súa xurisdición a rexión do río Sepik. Durante ese período os australianos crearon unha estación en Ambunti, no curso central do Sepik, para realizar novas exploracións.[1]

En 1935, Sir Walter McNicoll, o novo administrador do Territorio de Nova Guinea, remontou todo o curso do Sepik para «botarlle unha ollada á xente do río e o tipo de rexión ao longo da súas beiras» («have a look at the river people and the kind of country along the banks».)[2]

Segunda Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

O Exército Imperial Xaponés ocupou a zona durante a maior parte da Segunda Guerra Mundial. Ao final da guerra, os xaponeses foron completamente rodeados, despois de que Jayapura na Nova Guinea Holandesa fose capturada en abril de 1944 e Aitape caese durante a campaña Aitape-Wewak en agosto de 1944. A batalla para derrotar as forzas restantes levouna a cabo o exército australiano, e foi unha dura loita debido ao terreo.

Os australianos finalmente empuxaron aos xaponeses cara á aldea de Timbunke, no curso central do Sepik en xullo de 1945. Despois de que un avión australiano da RAAF aterrara a 10 km de Timbunke, os xaponeses sospeitaron de que os locais colaboraban cos australianos, e levaron a cabo a matanza de 100 aldeáns.[3] Finalmente, os xaponeses rendéronse e foron derrotados en Wewak en setembro de 1945.

Arte Sepik[editar | editar a fonte]

Espírito Home máscara da danza na colección permanente do Museo dos Nenos de Indianápolis

As tribos que viven nas proximidades do río caracterízanse polas súas magníficas esculturas e elaboradas cerimonias de iniciación masculina que inclúen a escarificación con deseños dun crocodilo das ribeiras. Moitas tribos usan tambores garamut nos rituais, que son grandes tambores esculpidos furando troncos de árbores en forma de tótem con diversos animais.[4]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Lipscomb, Adrian; et al. (February 1998). Papua New Guinea (6 ed.). Lonely Planet. pp. pp. 249-252. ISBN 0-86442-402-7.
  2. McCarthy, J.K. (1963). Patrol into yesterday. Melbourne: F.W Cheshire Pty Ltd. ISBN 0701503270.
  3. "Chapter Seven: Voices from Asia and the Pacific". War Compensation Forum. http://www.k2.dion.ne.jp/~rur55/E/epage15.htm#155.
  4. "Fotos da arte Sepik". http://www.kirasalak.com/PhotosPNG.html.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]