Papúa Nova Guinea
A Papúa Nova Guinea é un país da Oceanía que ocupa a metade oriental da Illa de Nova Guinea, e unha serie de illas e arquipélagos, ao leste e ao nordeste, aínda que sempre na Melanesia. A única fronteira terrestre que ten é coa Indonesia, ao oeste, mais ten fronteiras marítimas con Palau e mailos Estados Federados de Micronesia, ao norte, coas Illas Salomón, ao sueste, e coa Australia, a través do Mar de Coral, o Estreito de Torres e o Mar de Arafura, ao sur. Capital: Port Moresby.
Índice |
[editar] Historia
[editar] Primeiros habitantes
Evidencias arqueolóxicas indican que os humanos chegaron a Nova Guinea polo menos 600.000 anos atrás, probablemente por mar desde o Sueste de Asia durante un período glaciar cando o nivel do mar era máis baixo e as distancias entre as illas eran máis curtas.
Aínda que os primeiros habitantes eran cazadores e recolectores, evidencias antigas demostran que as persoas usaban os bosques para se prover comida. Tamén hai probas de que a horticultura era practicada ao mesmo tempo en que a agricultura se desenvolvía en Mesopotamia e Exipto. Cultivos antigos - moitos dos cales eran indíxenas - incluían cana de azucre, bananas do Pacífico, ñame e taro, mentres que o sago e pandano eran as dúas especies de árbores máis explotadas polos nativos. As batatas e os porcos, son de chegada recente, pero os moluscos e peixes levan na dieta moito tempo.
[editar] Presenza europea
Cando os primeiros exploradores europeos chegaron a Nova Guinea, os habitantes desta e outras illas veciñas tiñan un sistema de agricultura produtivo aínda utilizando ferramentas de óso, madeira e pedra. Comerciaron cos insulares ao longo da costa principalmente con produtos cerámicos, adornos de cunchas e produtos alimentarios básicos. Tamén penetraron no interior, onde intercambiaron produtos do bosque por bens mariños.
Probablemente foron os navegantes portugueses e españois os que avistaron primeiro Nova Guinea a principios do século XVI. Entre 1526 e 1527, Don Jorge de Meneses chegou accidentalmente á illa principal chamándoa Papúa, unha palabra malaia que designa o carácter rizo do pelo dos melanesios. En 1545, o español Iñigo Ortiz de Retez engadiu o termo Nova Guinea ao nome da illa ao observar un parecido entre os habitantes da illa e os da costa de Guinea (África).
Aínda que nos próximos 170 anos numerosos navegadores europeos visitaron as illas e exploraron as súas costas, non se sabía gran cousa dos seus habitantes ata que a finais do século XIX, Nicolai Miklukho-Maklai conviviu varios anos coas diferentes tribos e describiu o seu modo de vida nun extenso informe.
[editar] Nova Guinea Alemá
- Artigo principal: Nova Guinea Alemá.
Coa crecente demanda europea de aceite de coco, Godofredo de Hamburgo, a firma comercial máis grande do Pacífico, comeza o comercio de copra nas illas de Nova Guinea. En 1884, o Imperio Alemán formalmente tomou posesión do nordés da illa e puxo a súa administración en mans dunha compañía comercial contratada formada para o devandito propósito, a Compañía de Nova Guinea (Neu Guinea Kompagnie). No contrato concedido a esta compañía polo goberno imperial alemán en maio de 1885, dáballes o poder de exercer dereitos soberanos sobre o territorio e outras terras "non ocupadas" en nome do goberno, e a habilidade de negociar directamente cos habitantes nativos. As relacións con potencias estranxeiras eran retidas como propiedade exclusiva do goberno alemán. A Compañía de Nova Guinea pagaba directamente polas institucións gobernamentais locais, a cambio de concesións que eran outorgadas.
En 1899, o goberno imperial alemán asumiu directamente o control do territorio agora chamado como Nova Guinea Alemá. En 1914, tropas australianas ocuparon o territorio, e mantivérono baixo control militar australiano durante a Primeira Guerra Mundial, ata 1921. O goberno británico, a través da Mancomunidade de Australia, asumiu un mandato para a Liga de Nacións para gobernar o Territorio de Nova Guinea en 1920. Foi administrado baixo este mandato ata a invasión xaponesa en decembro de 1941, que trouxo a suspensión da administración civil australiana.
[editar] Territorio de Papúa
O 6 de novembro de 1884, un protectorado británico foi proclamado sobre a costa sur de Nova Guinea e as súas illas adxacentes. O protectorado, chamado Nova Guinea Británica, foi anexado directamente o 4 de setembro de 1888. A posesión foi transferida á autoridade da Mancomunidade de Australia en 1902. Segundo a Lei de Papúa de 1905, a Nova Guinea Británica pasou a chamarse Territorio de Papúa, establecéndose unha administración formal australiana en 1906. Papúa foi administrada baixo a Lei de Papúa ata que foi invadida polos xaponeses en 1941, e a administración civil foi suspendida. Durante a guerra, Papúa foi gobernada por unha administración militar desde Port Moresby, onde o xeneral Douglas MacArthur ocasionalmente tiña os seus cuarteis.
[editar] Territorio de Papúa e Nova Guinea
Logo da rendición dos xaponeses en 1945, a administración civil de Papúa e de Nova Guinea foron restauradas, baixo a Acta de Administración Provisional de Papúa Nova Guinea (1945 - 1946), Papúa e Nova Guinea foron combinadas nunha unión administrativa.
A Acta de Papúa e Nova Guinea de 1949 formalmente aprobou o establecemento de Nova Guinea baixo o sistema internacional fideicomisario e confirmou a unión administrativa de Nova Guinea e Papúa baixo o nome de Territorio de Papúa e Nova Guinea. A acta proveu un Consello Lexislativo (establecido en 1951), unha organización xudicial, un servizo público, e un sistema de gobernos locais. Unha Cámara de Representantes substituíu ao Consello Lexislativo en 1963. En 1972, o nome do territorio foi cambiado a Papúa Nova Guinea.
[editar] Independencia
As eleccións de 1972 deron paso á formación dun ministerio dirixido por Michael Somare, quen prometeu implantar un goberno autónomo para máis tarde alcanzar a independencia. En efecto, o 1 de decembro de 1973 Papúa Nova Guinea pasou a ser dirixida por un goberno autónomo, e máis tarde, o 16 de setembro de 1975, alcanzou a independencia.
Tras as eleccións nacionais de 1977, Somare foi nomeado Primeiro Ministro co apoio dunha coalición dirixida polo partido Pangu. Con todo, o seu goberno empezou a perder a confianza do pobo e foi substituído por un novo gabinete con Julius Chan como Primeiro Ministro.
Nas eleccións de 1982 o partido Pangu volveu gañar popularidade e Somare saíu outra vez elixido. Con todo, en novembro de 1985, o goberno volveu perder apoios, o que deu paso a que Paias Wingti saíse elixido nas eleccións de xullo de 1987 co respaldo dunha coalición de cinco partidos. Con todo, en xullo de 1988, outra vez por falta de confianza, Rabbie Namaliu, quen semanas antes substituíra a Somare na dirección do partido Pangu, pasou a ocupar o cargo de Primeiro Ministro.
[editar] Política
Artigo principal: Política de Papúa Nova Guinea
Papúa Nova Guinea é unha monarquía constitucional cunha democracia parlamentaria. Coma membro da Commonwealth, recoñecese coma Xefe de Estado ao rei ou á raíña do Reino Unido, representado por un Gobernador Xeral. Este gobernador é elixido polo Parlamento, nomeado polo rei ou a raíña, e participa principalmente en cerimonias oficiais.
O xefe do Goberno é o Primeiro Ministro, elixido polo Parlamento Nacional unicameral de 109 membros. Os compoñentes do Parlamento son elixidos cada cinco anos cos votos das 19 provincias e do distrito da capital nacional de Port Moresby.
[editar] Subdivisións
| Provincia | Capital | Área (km²) | Poboación | ||
|---|---|---|---|---|---|
| 1 | Central | Port Moresby | 29.500 | 161.447 | |
| 2 | Simbu (Chimbu) | Kundiawa | 6.100 | 187.809 | |
| 3 | Highlands Orientais | Goroka | 11.200 | 316.802 | |
| 4 | Nova Bretaña do Leste | Kokopo | 15.500 | 235.712 | |
| 5 | Sepik do Leste | Wewak | 42.800 | 280.340 | |
| 6 | Enga | Wabag | 12.800 | 279.046 | |
| 7 | Golfo | Kerema | 34.500 | 72.794 | |
| 8 | Madang | Madang | 29.000 | 288.317 | |
| 9 | Manus | Lorengau | 2.100 | 38.697 | |
| 10 | Milne Bay | Alotau | 14.000 | 185.000 | |
| 11 | Morobe | Lae | 34.500 | 439.725 | |
| 12 | Nova Irlanda | Kavieng | 9.600 | 105.893 | |
| 13 | Oro | Popondetta | 22.800 | 112.985 | |
| 14 | Bougainville | Arawa | 9.300 | 178.262 | |
| 15 | Highlands Meridionais | Mendi | 23.800 | 390.240 | |
| 16 | Occidental | Daru | 99.300 | 126.411 | |
| 17 | Highlands Occidentais | Mount Hagen | 8.500 | 398.376 | |
| 18 | Nova Bretaña do Oeste | Kimbe | 21.000 | 170.485 | |
| 19 | Sandaun | Vanimo | 36.300 | 160.349 | |
| 20 | Distrito Capital Nacional | Port Moresby | 240 | 271.813 | |
Papúa Nova Guinea está dividida en dezanove provincias e o Distrito Capital Nacional de Papúa Nova Guinea.
[editar] Xeografía
Localización: Sueste de Asia, arquipélago que inclúe a metade oriental da illa de Nova Guinea entre o Mar de Coral e o Océano Pacífico, ao leste de Indonesia.
Área:
- total: 462,840 km²
- terra: 452,860 km²
- auga: 9,980 km²
Límites en terra:
- total: 820 km
- países limítrofes: Indonesia 820 km
Liña costeira: 5,152 km
Soberanía marítima: medido desde as liñas de costa das illas que forman o arquipélago
- placa continental: 200 metros de profundidade
- zona de pesca exclusiva: 200 millas naúticas
- mar territorial: 12 millas naúticas
Clima: tropical; monzón noroccidental de decembro a marzo, Monzón suroriental de maio a outubro, pequenas variacións na temperatura.
Terreo: maiormente montañoso con planicies nas costas.
Puntos extremos:
- punto máis baixo: Océano Pacífico 0 m
- punto máis alto: Monte Wilhelm 4,509 m
Recursos naturais: ouro, cobre, prata, gas natural, madeira, petróleo, pesca.
Uso da terra:
- terra arable: 0.1%
- cultivos permanentes: 1%
- pasturas permanentes: 0%
- bosques: 92.9%
- outros: 6% (1993 est.)
terras irrigadas: NA km²
Perigos naturais: vulcanismo; atópase situado dentro do Cinto de lume do Pacífico; o país soporta frecuentes sismos e tsunamis.
Asuntos ambientais: bosque chuvioso en proceso de deforestación como resultado do aumento da demanda comercial de madeira. contaminación dos proxectos mineiros.
Xeografía
- Comparte a illa de Nova Guinea con Indonesia
- Ao longo da súa costa suroccidental esténdese un dos pantanos máis longos do mundo.
[editar] Economía
Artigo principal: Economía de Papúa Nova Guinea
Papúa Nova Guinea posúe gran cantidade de recursos naturais, aínda que a explotación dos mesmos sempre estivo obstaculizada pola carencia de infraestruturas e tecnoloxía de desenvolvemento. Non obstante as fontes mineiras, incluíndo o petróleo, o cobre e o ouro, representan as catro quintas partes das súas exportacións.
Mantén unha agricultura de subsistencia que serve unicamente para o consumo local.
A pesca, explotada industrialmente en concesións a outros países, constitúe tamén unha fonte importante de ingresos, mais moi afectada polos cambios climáticos das corrientes mariñas do Pacífico.
As axudas ó desenvolvemento proveñen na súa maior parte de Australia, Xapón e da Unión Europea.
En 1995 foi necesaria a intervención do Fondo Monetario Internacional e do Banco Mundial para axustar un programa de desenvolvemento. Na actualidade a situación é estable, cun crecemento da produción agrícola dun 3,9% de media anual dende o ano 1999.
[editar] Demografía
Artigo principal: Demografía de Papúa Nova Guinea
Os tres maiores grupos étnicos do Océano Pacífico, melanesios, micronesios e polinesios están representados en Papúa Nova Guinea. Chineses, europeos e australianos tamén residen neste país.
Papúa Nova Guinea conforma un dos lugares máis diversos do planeta; existen 700 linguas indíxenas e polo menos unha maioría de sociedades indíxenas, cunha poboación maior aos 5 millóns. É tamén un dos lugares máis rurais, con só un 18% da poboación vivindo en centros urbanos.
Hai tres idiomas oficiais en Papúa Nova Guinea, aínda que se falan máis de 700 linguas indíxenas papuanas no país (un incríble 25% dos idiomas do mundo). A maioría da xente fala a lingua crioula Tok Pisin, aínda que na rexión sur de Papúa, a xente adoita empregar o terceiro idioma oficial, o Hiri Motu antes que o Tok Pisin para este propósito.
Preto dun terzo da poboación adhírese a crenzas indíxenas, mentres o resto é cristiá. Preto dun terzo dos cristiáns son católicos romanos, mentres que o resto está dividido entre varias denominacións protestantes.
[editar] Cultura
Artigo principal: Cultura de Papúa Nova Guinea
Con 850 idiomas falados en todo o país, Papúa Nova Guinea é a nación en que se falan máis linguas. É tamén nesta media illa onde se concentra parte da lista de idiomas ameazados de extinción, que pode reducir as actuais 6000 linguas humanas a apenas seiscentas.
| Data | Nome en galego | Nome local | Observacións |
|---|---|---|---|
| Países do mundo | Oceanía |
| Australia | Estados Federados de Micronesia | Fidxi | Illas Salomón | Illas Marshall | Nauru | Nova Zelandia | Papúa Nova Guinea | Samoa Occidental | Kiribati | Timor Leste | Toquelau | Tonga | Tuvalu | Vanuatu |
| Países con parte do seu territorio en Oceanía |
| Países semiautónomos e estados libres asociados |