Lingua xavanesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xavanés
Basa Jawa, Basa Jawi
Falado en: Indonesia (Xava),
Timor Leste,
Malaisia Peninsular,
Nova Caledonia,
Suriname
Total de falantes: 80 millóns
Posición: 14º
Familia: Austronesia

 Malaio-Polinesia
  Malaio-Polinesia Occidental

     Xavanés
Escrita: Escritura xavanesa, Latino
Estatuto oficial
Lingua oficial de: Non é oficial
Códigos de lingua
ISO 639-1: jv
ISO 639-2: jav
Extensión de idioma xavanés

O xavanés é a lingua que se fala principalmente nas zonas central e oriental da illa de Xava, en Indonesia, empregado aproximadamente por unhas 75.500.000 persoas. O xavanés pertence á familia austronesia; polo tanto, está relacionado co bahasa indonesio e o malaio. Moitos falantes de xavanés tamén usan bahasa indonesio como lingua oficial e de negocios.

O idioma xavanés pertence á subrama súndica da rama malaio-polinesia occidental, a cal á súa vez é unha rama da sub-familia malaio-polinesia da familia austronesia. É unha lingua próxima ao malaio, ao sondanés, ao madurés, ao balinés e, en menor medida, a varias linguas de Sumatra e Borneo.

Fóra de Indonesia existen grandes comunidades de falantes de xavanés en países veciños como: Timor Oriental, Malaisia, Singapur, Australia, Taiwán e Hong Kong en China. Tamén se hai comunidades de falantes en Surinam, Nova Caledonia e Países Baixos.

O xavanés é falado na parte central e leste da illa de Xava, así como na costa norte de Xava Occidental. En Madura, Bali, Lombok e a rexión de Sunda é utilizado como lingua literaria. Foi a lingua da corte en Palembang, na provincia de Sumatra do Sur, até que o palacio foi saqueado polos neerlandeses a finais do século XVIII.

O xavanés pode ser considerado como unha das linguas clásicas do mundo, cunha vasta literatura que abrangue máis de doce séculos. Os estudosos dividen a historia da lingua xavanesa en catro etapas diferentes:

  • Antigo xavanés (desde o século IX)
  • Xavanés medio (desde o século XIII)
  • Novo xavanés (desde o século XVI)
  • Xavanés moderno (desde o século XX) (esta clasificación non é usada universalmente)

O idioma é escrito utilizando a escritura xavanesa (descendente da escritura brahmánica da India), a escritura arabo-xavanesa, o alfabeto árabe e o alfabeto latino. Aínda que non é o idioma oficial de ningún país, é a lingua austronesia con máis falantes nativos. É falada por aproximadamente 80 millóns de persoas. Polo menos o 45% da poboación de Indonesia é de orixe xavanesa. Por tal razón, o xavanés tivo un importante papel no desenvolvemento do indonesio, lingua nacional de Indonesia, un dialecto do malaio.

Dialectos[editar | editar a fonte]

Existen tres grupos principais de dialectos do xavanés: o xavanés occidental, xavanés oriental e xavanés central. As diferenzas entre estes grupos dialectais son fundamentalmente a pronunciación e, en menor medida, o vocabulario. Todos os dialectos xavaneses son máis ou menos mutuamente intelixibles.

A variante de Xava Central, baseada na forma de Surakarta (e tamén en certo grao na de Yogyakarta), é considerado como o dialecto xavanés máis "culto", polo que o xavanés estándar inspírase neste dialecto. Estas dúas cidades son as sedes dos catro principados xavaneses, herdeiros do Sultanato de Mataram, que unha vez reinou a case totalidade de Xava, como tamén fóra desta.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikipedia
Existe unha versión da Wikipedia en Lingua xavanesa.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]