Pico Sacro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°48′26″N 8°26′48″O / 42.807111111111, -8.4466666666667

Pico Sacro
Pico Sacro
Localización xeográfica
Cordilleiramonte illado
Latitude42.7958
Lonxitude-8.4425
Localización administrativa
LocalizaciónBoqueixón, A Coruña, Galiza
Características xerais
Altitude533 m
Ruta máis fácilSendeiro peonil

O Pico Sagro, chamado modernamente Pico Sacro e coñecido na antigüidade como monte Ilicino, está situado no concello de Boqueixón, na parroquia da Granxa.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

No cume existen unha ermida, unha cova con varias entradas, os restos dun castelo medieval e un vértice xeodésico.

O monte é un filón de cuarzo de 533 m de altura, illado doutras montañas.[2] O cume está dividido por unha fenda, posibelmente artificial, chamada Rúa da Raíña Lupa,[3] desde alí vense os cimentos dunha pequena fortaleza, reconstruída polo arcebispo de Compostela Alonso II de Fonseca en 1473.[4]

Poucos metros por baixo da cima está a ermida de San Sebastián, fundada no século X e restaurada en varias ocasións. O 20 de xaneiro celébrase unha romaría neste lugar.[5]

Unha cova estreita e profunda atravesa o pico, lugar que segundo a tradición xacobea era unha das entradas ao inferno. A Vía da Prata, chamado ás veces camiño sanabrés ou mozárabe, bordea a aba do pico.[6]

Lendas[editar | editar a fonte]

Mapa sobre a lenda xacobea da translación en Historia del Apostol de Iesus Christo Sanctiago Zebedeo (1610), de Mauro Castellá Ferrer, no cal aparece o Pico Sacro.

Na mitoloxía galega, a Raíña Lupa mandou os discípulos do apóstolo Santiago ó Pico Sacro (Mons Illicinus tal como se recolle no códice Calixtino)[7] para que construísen un sepulcro para o apóstolo, sen saber estes que no lugar estaba a cova do Inferno, e que alí vivía un dragón.

A uns 2 km ao SE do pico atopamos unha capela dedicada a Santiago coñecida como "de Santiaguiño" e unha fonte do século XVII que narra o encontro dos discípulos de Santiago co dragón do Pico Sacro.[8]

Cando o ergotismo (fogardente ou lume de San Antón) inzaba Galicia, había o costume de que os doentes fosen ó Pico Sacro e, tras facer no cume unha ofrenda dun pan, rezaban a seguinte oración:

Pico Sagro, Pico Sagro,
que te consagróu o bendito Sant-Iago,
líbrame deste fogo airado,
pola intercesión de la Virgen María,
un Padre-nuestro e un Ave María.

Ou, simplemente: "Pico Sagro, Pico Sagro, sáname do mal que eu trago".

Vicente Risco, que supón que este ensalmo data do século XIII, fai fincapé no feito de que non se dirixe a santo ningún, senón ó monte mesmo, como se este puidese escoitar e sandar[9].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O monte sagrado de galicia - Concello de Boqueixón". www.boqueixon.gal. 2016-03-01. Consultado o 2023-10-20. 
  2. España, Instituto Geológico y Minero de. "IELIG - GM041: Filón de cuarzo de Pico Sacro". info.igme.es. Consultado o 2023-10-20. 
  3. "RÚA DA RAÍÑA LUPA". www.boqueixon.gal - Concello de Boqueixón. 2016-10-14. Consultado o 2023-10-20. 
  4. "A Granxa" (PDF). www.romanicodigital.com. 
  5. Máxica, Galicia (2016-03-03). "Capilla de San Sebastián del Pico Sacro". GALICIA MÁXICA; Turismo (en castelán). Consultado o 2023-10-20. 
  6. "O Pico Sacro nas guías de turismo dos peregrinos do Camiño de Santiago - Concello de Boqueixón". www.boqueixon.gal. 2016-10-06. Consultado o 2023-10-20. 
  7. Liber Sancti iacobi. Libro III, cap. 1. Catedral de Santiago de Compostela, s. XII
  8. "San Pedro de Vilanova" (PDF). www.romanicodigital.com. 
  9. Risco 1962, p. 271-272.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]