Serra do Xistral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Amencer no Xistral.
Rocha no Xistral.

A serra do Xistral forma o núcleo do serras setentrionais de Galiza que separa a Terra Chá do mar, do que irradian os serra da Toxiza cara ao leste, a Carba cara ao poñente, e montes de Buio e dos Cabaleiros, na caída do macizo cara ao litoral. Este conxunto montañoso esténdese polos concellos das Pontes de García Rodríguez, Abadín, Alfoz, Mondoñedo, Muras, Ourol, O Valadouro, Vilalba, Xermade, Xove, Viveiro e Cervo.

Características[editar | editar a fonte]

A Serra do Xistral deita as augas no Cantábrico (Landro, Ouro e Masma), na Terra Chá (bacía do Miño) por Abadín, e no río Sor e no río Eume. A Serra do Xistral e a ribeira alta do río Sor son lugares de importancia comunitaria pertencentes á Rede Natura 2000 e están declaradas espazos naturais protexidos dentro do réxime de protección xeral.

A Serra do Xistral ocupa 22 964 ha e a súa altura máxima son os 1046 m do Cadramón. É a zona de Galiza que menos sol recibe e a frecuente néboa que percorre as chairas elevadas da serra do Xistral deixa abondosas precipitacións que enchoupan as súas extensas turbeiras de pasteiros. A paisaxe está deshabitada, con só pequenas aldeas. Nos seus prados críanse cabalos e vacas en estabulación libre.

Flora[editar | editar a fonte]

Prosperan especies endémicas, como o buño, a Drossera intermedia e diversas especies de esfagno e uceiras húmidas atlánticas de zonas mornas, como Erica mackaiana, Erica ciliaris e Erica tetralix, uceiras secas europeas e uceiras ortomediterráneas endémicas con toxo (Ulex sp.).

Lagarta das brañas no seu hábitat típico

Destaca a presenza de augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo das chairas areosas (Litorelletalia uniflorae), lagoas eutróficas naturais con vexetación Magnopotamion ou Hydrocharition, lagoas e estanques distróficos naturais, ríos de pisos de planicie a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-batrachion, formacións herbosas con Nardus, con numerosas especies, sobre substratos silíceos de zonas montañosas (e de zonas submontañosas de Europa continental), turbeiras de cobertor, depresións sobre substratos turbosos de Rhynchosporion, bosques aluviais de amieiros, freixos de río, Alno-padion, Alnion incanae e salgueiros, xunto con bosques de acivros.

Fauna[editar | editar a fonte]

Entre a fauna destacan especies "relictas" como dúas especies de bolboretas do xénero Erebia (para as que se describiron subespecies endémicas do Xistral), o neverón (Chyonomis nivalis) ou a lagarta das brañas (Zootoca vivipara, antes Lacerta vivipara), que ten nesta serra unha das poucas localidades de presenza en Galiza e que conforman o seu límite occidental de distribución mundial.

A Salamandra salamandra gallaica é unha das subespecies da Píntega común que se atopan na Serra do Xistral

Posúe unha interesante herpetofauna, con poboacións de saramaganta (Chioglossa lusitanica), lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) ou lagarta da serra (Iberolacerta monticola), ademais da xa citada lagarta das brañas. Constitúe, así mesmo, unha fronteira natural entre dúas subespecies de sacabeiras, a Salamandra salamandra gallaica e a S.s.bernardezi, que podemos atopar na serra nas súas formas típicas e híbridas.

Entre as aves, vense especies propias de zonas abertas como a curuxa das xunqueiras (Asio flammeus), as rapinas ou tartarañas (Circus ssp.) ou de zonas húmidas, como a arcea (Gallinago gallinago). Outras especies destacábeis son o picaouro (Carduelis spinus), o picanzo vermello (Lanius collurio), o picanzo real (Lanius excubitor) e a papuxa montesa (Sylvia undata). Atópanse tamén carnívoros como o lobo (Canis lupus), o gato bravo (Felis sylvestris), a xeneta (Genetta genetta), a donicela (Mustela nivalis) ou o furón (Mustela putorius).

Os ventos baten todo o ano nos montes, onde se encontra a cuarcita do Xistral.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Castroviejo Bolivar, M. P. A., 1988. Fitoecología de los montes de Buio y sierra del Xistral (Lugo). Tese doutoral. Consellería de Agricultura, Xunta de Galicia. Santiago de Compostela.
  • Grupo de Estudios Paleoambientales. 1994. Valoración del patrimonio natural e histórico de las sierras septentrionales de Galicia. Grupo de Estudios Paleoambientales & Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. Santiago de Compostela.
  • Izco Sevillano, J. y Ramil Rego, P. (coords.), 2001. Análisis y valoración de la sierra de O Xistral: un modelo de aplicación de la Directiva Hábitat en Galicia. Colección Técnica Medio Ambiente, Xunta de Galicia.
  • Martinez Cortizas, A. y García-Rodeja Gayoso, E. (coords.), 2001. Turberas de montaña de Galicia. Colección Técnica Medio Ambiente, Xunta de Galicia.
  • Pérez Alberti, A. y Martínez Cortizas, A. (coords), 1996. Avances en la reconstrucción paleoambiental de las áreas de montaña lucenses. Monografías G.E.P. nº 1. Dip. Prov. de Lugo.
  • As montañas de Galiza. A Nosa Terra, 2006. ISBN 84-8341-126-1

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]