Pena Corneira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pena Corneira ollada desde Osmo.
Representación dos bólos de Pena Corneira no escudo do concello de Carballeda de Avia.

Pena Corneira é un espazo natural de 998 hectáreas declarado monumento natural pola Xunta de Galicia no ano 2006, que se caracteriza por se asentar sobre un vasto macizo granítico senlleiro cun grande interese pola súa singularidade e importancia dos seus valores científicos, culturais e paisaxísticos. O espazo fica nas estremas de tres concellos: Carballeda de Avia, Avión e Leiro, sendo Carballeda de Avia o municipio que alberga unha maior superficie, seguido dos concellos de Leiro e Avión, todos na comarca do Ribeiro.

No cumio do monte existe un penedo vertical de dez metros de altura, fito xeográfico natural, que lle dá nome á serra; a Pena Corneira.

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

Trátase dunha prolongación ao noroeste da serra do Suído, entre as concas do río Avia e do Miño. Xeoloxicamente trátase dunha masa plutónica batolítica de 18 quilómetros en sentido meridiano e 7 quilómetros en sentido suroeste-nordés, froito dunha masa de magma que se solidificou a causa da estrutura profunda dun antigo volcán, hai aproximadamente uns 300 millóns de anos. O batólito constitúeno rochas graníticas hercinianas poscinemáticas, de composición xeral calcoalcalina e subalcalina, coa presenza de granitos biotíticos e granodioritas biotítico anfibólicas, aínda que non todo o macizo presenta facies similares. A diferenciación cristalina deu lugar a diferenzas na evolución xeomorfolóxica que fixeron posíbel a existencia do macizo e as súas formacións asociadas: cristas graníticas, domos alvéolos, corredores deprimidos, caos de bólos, pías (pot holes, gnammas) etc.

Paisaxe e ecoloxía[editar | editar a fonte]

A erosión encheu o outeiro de penedos a xeito de grandes bólas de granito e rochas de estrañas formas (outeiro da campá, outeiro dos forniños, outeiro do lagarto, outeiro da bañeira do demo...), e onde salienta o gran fito do cumio, referente visual, xunto co Faro das Laceiras do val do Avia. O espazo está practicamente cuberto por carballeiras e fragas de alto interese botánico.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]