Saltar ao contido

Raposa do aire

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Raposa do aire, interpretación segundo unha intelixencia artificial.

A raposa do aire[1] é un ser imaxinario propio da mitoloxía galega.[2] Case nunca ten forma visible senón que é un berro dunha alma en pena, un ladrido, un ouveo con forma de raposa que bota bafaradas de lume pola boca e polos ollos.[3] Pode ter voz de diferentes animais, e mesmo de gargalladas ou laios de neno.[2]

Quen di ter vista a raposa conta que é como unha raposa que voa[4] ou un paxaro de tamaño medio, totalmente negro. Pero tamén se di que ten forma de cadela, ou dun híbrido de corpo de cadela e cabeza de galo, capaz de andar por terra e por aire. Cando se ve se pode escorrentar rezando un credo,[5] botándolle un cacho de pan bendito[6] ou dicíndolle: "Deus te leve a porto salvo";[7] entón, a raposa fuxe botando lume polos ollos. Certos comportamentos poden explicar esta confusión nas descricións, como é a rapidez coa que se move dun sitio a outro (os observadores contan que se botan unha pedra cara onde se escoita o berro, este escóitase axiña noutra banda), o que pode interpretarse como que se move voando; tamén o feito de que pareza moverse incansablemente dunha terra a outra.

"A raposa non se pode defiñir. É un esprito sotil, movedizo. Esta raposa pró vulgo non consiste máis que nuns berros que unhas veces semellan de can, outras de gato, outras de pita, de cabra, de corvo, etc. A raposa visita tódolos terreos, países, casas, etc por onde teña andado o que tén que morrer logo. Semella esto da raposa unha cousa sin fin, unha cousa incomprensible; sin embargo, é tan certo como que todos temos que comparecer diante do Ser Supremo, porque moitas veces o escoitaron os meus ouvidos"
Vicente Risco, px. 305

Preséntase na porta dos defuntos de alma moura (usureiros, caciques) e agarda por eles para llos levar ao demo.[2] Cando berra, xa está morta a persoa de que se trate.

Tamén se coñece como raposa facheira, raposa de Morás,[8] das Mordazas, das Mordanzas, do Morrazo, dos morganzos,[9] dos mornacos,[10] de morrazos,[11] de morillas,[12] cabra ou zorra que canta coma un galo,[13] entre outros.[2] A raposa facheira[14] recibe o seu nome polo lume que bota pola boca.[2]

Pode confundirse coa cadela peregrina, a cabra do aire ou co paxaro da morte. Para Risco trátase dun mesmo ser: "unhas veces din que é raposa, outras cabra, outras cadela". En calquera caso, tamén engade que, chámese como se chame, "pode non ser un ser mítico, sinón un animal de certo, de especie coñecida. Moitas veces é, ou confúndese, coa curuxa o moucho, o corvo ou a pega. A raposa mesma anuncia a morte, por eixemplo, cando ri".[15]

Na tradición oral

[editar | editar a fonte]

Nos fondos documentais que forman o Mapa sonoro de Galicia atópase unha narración recollida de 1993 que fala sobre a "raposa dos morrazos".[11] A informante é unha labrega anciá de Soutullo (Erbecedo, Coristanco) que relata o seguinte:

Chamábanlle a raposa de morrazos. È víana moitos, eu nunca a vin. È nôs, ibamos ó muíño de noite, moito de noite. Se cadra inda ibamos durmir un anaco è levantabámonos è ibamos ó muíño. È por aquí abaixo, berraba un bicho. Pò nôs nunca vimos, unhas carpas si, que as sentimos, moitas veces. Pò disque bota lume pola boca, è nôs buè[no], tamên non miramos moito, pa riba.
É coma un, nin ê animal nin ê cristiano, así da feghura dun... aghora que aí en Cereixa, estaban sentados ó, ó, no vran, así a, è víana todos, pasaba: Rrr, rrr! Ueee, ueee, ueee!
Vin quèn-as viu. Amais òíno, quèn-as viu; pò eu nunca as vin porque, nôs, sentíaamos esas ghritas de noite, aló ás tantas da noite cando ibamos ó muíño moitas veces, prò, non, nunca, non, o que èra n’o vimos. Aghora que, aseghún decía a xente, as ghritas èran coma as dèla. Bèrra ighual cá raposa.
Gravación e transcrición: A. X. Canosa Rodríguez. Compiladores: Francisco Fernández Rei e Carme Hermida Gulías.
  1. "Voces de aquí e acolá: Do golpe ao raposo". portaldaspalabras.gal. Consultado o 19 de febreiro de 2023. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 (Cuba, Miranda & Reigosa 2022, pp. 214-215)
  3. Descríbese como unha alma en pena con forma de raposa, unha ánima que pena os seus pecados porque fixera algunha boa obra e por iso se lle permitiu seguir na terra facendo penitencia.
  4. Iso asegúrase. como tal, en Bermés (Lalín).
  5. Isto é o que máis a ofende.
  6. Así, en Entrimo, onde din que se trata dun cadeliño.
  7. Esta mención de a porto salvo fai pensar a Risco que se trate dunha lenda mariñán, unha lenda tecida polos mariñeiros.
  8. Que Risco localiza polas terras da Cruña.
  9. Que Vaqueiro localiza en Ribeira de Piquín.
  10. Que Risco localiza en Vilanova dos Infantes.
  11. 11,0 11,1 "A raposa de morrazos". mapasonoro.consellodacultura.gal. Consultado o 19 de febreiro de 2023. 
  12. Que Vaqueiro localiza en Padrón.
  13. Que Risco localiza por Verín e que representa como un u u cacaracá, u u cacaracá; en Verín engaden que é un ser invisible.
  14. Denominación localizada na Raia Seca e na Gudiña.
  15. Vicente Risco, px. 307.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]