Coca (mitoloxía)

A coca ou tarasca[1] é un ser da mitoloxía galega que vive nas augas do mar ou dos ríos. É un animal monstruoso con corpo de serpe ou de dragón con cola de serpe, do lombo nácenlle dúas enormes ás, semellantes ás dos morcegos. Ten catro patas armadas de fortes gadoupas, e na súa faciana aluman uns ollos de lume, sobre unha enorme boca con agudos dentes.
Etimoloxía[editar | editar a fonte]
A primeira referencia documentada deste ser é baixo a forma de coquetriz, atopada nun texto galego de Ourense datado en 1437. O texto dicía que a coquetriz era un dragón que levaban os zapateiros na procesión do Corpus [2]. Deste documento asúmese que o nome deriva da palabra latina cocatrix, é dicir crocodilo. Noutro documento posterior, tamén atopado en Ourense, de mediados do século XV (1441), xa se usan uns nomes moi semellantes ó actual, coqa e qoqa.[3][4]
O termo tarasca vén de Tarasque, en relación co topónimo da localidade de Tarascón, no departamento de Bocas do Ródano, Francia. Este nome ten a súa orixe nunha lenda sobre Santa Marta. O Padre Sarmiento fai derivar desta tarasca a voz trasgo (trasno, demo):
"Aquí se palpa el origen de la voz trasgo, para significar el duende que se cree ser el demonio cuando está para fiestas. De la voz tarasco, suprimida la vocal, queda trasco y de ahí trasgo"(Martín Sarmiento, 1760 [5])
Lendas[editar | editar a fonte]
A Coca de Redondela[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Festa da coca de Redondela.
A tradición di que vivía na ría de Vigo, nas inmediacións da illa de San Simón. Un día presentouse en Redondela. Xurdiu das ondas do mar, que estaba moi embravecido, e nun veloz ataque capturou e devorou a dúas raparigas que xogaban na praia da vila. Repetiu moitas veces o seu ataque, levando sempre as máis fermosas cativas, ata que os veciños de Redondela escolleron en asemblea os vinte e catro homes máis fortes e destemidos, coa encomenda de atacar a tarasca na súa próxima aparición. A campá da igrexa deu o aviso da chegada do monstro e os elixidos acosárona e déronlle morte coas súas espadas. Formouse de contado unha gran procesión e ó redor da besta morta os loitadores iniciaron unha danza, coas espadas en alto. As mozas seguiron o baile erguendo nos ombreiros as meniñas máis novas, e danzando con elas en alto. Pénsase que aí ten a súa orixe a danza das espadas e o baile das penlas, cos que anualmente se celebra a morte da coca.
En Monção corre unha lenda similar, pero alí foi un único mozo o que se enfrontou ó monstro e lle deu morte.
A orixe da lenda é basicamente común a distintos pobos de Europa e mesmo de China. Tratábase dun monstro que vivía no mar e que esixía a entrega periódica dunha vítima humana, normalmente unha moza virxe. Se non se lle entregaba este tributo, o monstro acabaría con vidas e facendas, ata que os veciños ou un heroe acababan coa extorsión. Nótese a semellanza coas lendas do heroe grego Perseo, que libera do monstro á Andrómeda, ou a acción similar de San Xurxo cando mata ó dragón que ía comer á princesa.
Outras expresións da Coca en Galicia[editar | editar a fonte]
Tamén se teñen datos doutras cocas noutros puntos de Galicia: en Verín, en Baiona (que era de Sabarís), en Betanzos (chamada Camelo, pois é de cor verde e con dúas corcovas), A Coruña (chamada Tarea), Ourense (Coquetriz), Pontevedra (onde a venceron uns mariñeiros a bordo dunha pequena nao, e obrigárona a marchar na procesión do Corpus), Ribadavia (Becha), Compostela, Ares (onde a chaman Crocodilo, de forma semellante ó Camelo de Betanzos, pero sen ás; neste caso, o monstro vivía na praia de Sabadelle, en Caamouco, e saía a terra na baixamar) e Tui.[6].
A presenza da Coca nas procesións relixiosas derivou na prohibición por parte da Igrexa en diferentes lugares, mesmo baixo pena de excomuñón, ata o punto de que hoxe só procesiona no Corpus de Redondela. En Santiago saía no día do Corpus e nas festas de San Roque, e unha descrición da procesión escrita en 1565 detalla os distintos gremios e os seus padroeiros e bailes, incluíndo o gremio da obra prima (os zapateiros) como responsable da condución da Coca; en 1726 o concello multou ó gremio dos zapateiros por non ter fabricada unha nova coca segundo as instrucións recibidas [7]. Pero en 1777 prohibiuse sacar a Coca por ser motivo de desprezo, alborotos e de confusión e medo para nenos e mulleres.
A tarasca[editar | editar a fonte]
Segundo conta a lenda, esta criatura vivía en Tarascón, Provenza, e destruía todo ó seu paso. Era unha especie de dragón con seis patas parecidas ás dun oso, un torso parecido ó dun boi cunha cuncha de sapoconcho no seu lombo e unha cola cuberta de escamas que terminaba no aguillón dun escorpión. A súa cabeza era coma a dun león con orellas de cabalo.[8]

O Rei de Tarascón mandara atacar sen éxito á tarasca con tódolos seus soldados, pero Santa Marta encantou á besta coas súas pregarias, e volveu á cidade coa besta domada. Os habitantes aterrorizados atacaron á criatura ó caer a noite, que morreu alí mesmo sen ofrecer resistencia. Entón Santa Marta predicou un sermón á xente e converteu a moitos deles ó cristianismo. Arrepentidos de dar morte ó domado monstro, os habitantes cambiaron o nome do pobo a Tarascón.
Desde o 25 de novembro de 2005, as festas da tarasca en Tarascón foron proclamadas pola UNESCO como parte do Patrimonio Oral e Inmaterial da Humanidade e foron inscritas no 2008 dentro do apartado Xigantes e dragóns procesionais de Bélxica e Francia.[9]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tarasca.
- ↑ "a confraría de Santa Oufémea, que he dos çapateiros, cos seus ofiçios et coquetriz" (Vítor Vaqueiro)
- ↑ "A qoqa he escandallosa" (Vítor Vaqueiro).
- ↑ Concello de Redondela (ed.). "Festa da Coca ´2012". Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2012. Consultado o 8 de agosto de 2012.
- ↑ En Dicionario de Dicionarios, s.v. coca.
- ↑ (Cuba, Miranda & Reigosa 1999, pp. 84-85)
- ↑ Vítor Vaqueiro.
- ↑ Légende dorée, Sainte Marthe Arquivado 01 de decembro de 2018 en Wayback Machine., traduction Roze, tome 2, 1902 (en francés)
- ↑ Xigantes e dragóns procesionais de Bélxica e Francia (en castelán), (en francés), (en inglés) e (en árabe)
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Coca ![]() |
Outros artigos[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Cuba, Xoán Ramiro; Miranda, Xosé; Reigosa, Antonio (1999). Dicionario dos seres míticos galegos. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-8302-363-6.
- González Pérez, Clodio (1992). A coca de Betanzos (PDF). Anuario Brigantino (Concello de Betanzos).
- González Pérez, Clodio (1993). A coca e o mito do dragón. Vigo: Ir Indo. ISBN 84-7680-127-0.
- González Pérez, Clodio (1993). A coca de Pontevedra. Museo de Pontevedra.
- González Pérez, Clodio (1994). "A coca da Coruña", Brigantium.
- González Pérez, Clodio (1997). “Dúas manifestacións comúns a Portugal e a Galicia: A Coca e San Cristovo”. Actas do III Congreso de Historia da Antropoloxía e Antropoloxía aplicada. Santiago de Compostela.
- González Pérez, Clodio (2006). “A coca de Monção (Portugal)”, Pontevedra. Revista de Estudios Provinciais.
- VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, Galaxia, Vigo 2011, 128-131.