Monte Medulio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O monte Medulio é o lugar da batalla dos galaicos, cántabros e astures no ano 22 a. C. contra as lexións de Caio Furnio e Publio Carisio, e onde os últimos guerreiros resistentes se suicidaron durante o sitio.

Historia[editar | editar a fonte]

Paulo Orosio, representado nunha miniatura pertencente ó códice de Saint-Epure.

A súa situación xeográfica hoxe en día é aínda controvertida. Segundo algúns sitúase nas montañas do concello de Lena[1], outros sitúano no Picu Cervera, no Castro Meduales, en Belmonte de Miranda[2]. Aduciuse que fontes clásicas o sitúan preto do Bierzo[3], preto das minas romanas das Médulas, o cal explicaría a toponimia do lugar. Con todo, Paulo Orosio sitúabao cerca do Miño ("Minium flumine inminentem"), o que leva a Vicente Risco a descartar esta localización, que considera unha xustificación previa á teoría de Sarmiento relativa a que o antigo Miño era o Sil, o cal considera pouco probable en favor doutras posibles localizacións como o Monte Medelo, en Santa Cruz de Arrabaldo (sostido por Boán e que tamén conta co argumento da toponimia ao seu favor); Cabeza de Meda (na Baixa Limia, e sostido por Cortés, Cornide e Murguía), os montes Aloia (en Tui) ou Santa Trega, na Guarda (sostido por Schulten)[4].

Modernos estudos establecen unha hipótese que o situaría nun dos montes da Serra do Courel, o Monte Cido, cuxo topónimo podería provir da voz latina Occidio, (matanza, carnizaría), e no que se poden apreciar os restos dun foxo como o que, segundo os datos de que se dispón, se fixo para cercar o monte e no que se descubriron vestixios romanos como unha aguia imperial de bronce procedente dun estandarte.[5]. Segundo André Pena Graña o Monte Medulio estaría na xuntanza dos ríos Miño e Sil, nos Peares[6].

Segundo cita o historiador romano Floro sobre a batalla:

... "os indíxenas ao ver chegada a fin da súa resistencia, a porfía danse a morte co lume e co ferro, no medio dunha comida, cun veleno que alí se extrae comunmente do teixo, librándose así a maior parte da escravitude que a unha xente ata entón indómita parecía máis intolerable que a morte ..."[7]
Lucio Anneo Floro.

Segundo o padre Sarmiento e Vicente Risco, uns inxeriron o veleno do teixo, mentres que outros se botaron ao lume dunha inmensa fogueira e outros se deron morte coas súas espadas. Ramón Cabanillas escribiría no seu poema "¡En pé!", pertencente ao seu poemario de 1917 "Dá terra asoballada":

"O día do Medulio
con sangue quente e roxa
mercámo-lo dereito
á libre honrada chouza!"
(Ramón Cabanillas, "¡En pé!", 1917

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Menéndez Pidal (1897), Caunedo Tuñón e Quirós
  2. Testamento baixomedieval atopado na catedral de Oviedo
  3. Bellum Cantabricum et Asturicum
  4. Historia de Galicia, Vicente Risco, Obras completas, tomo IV, pag. 265, ISBN 84-453-1487-4
  5. Traballo que apunta a hipótesis da localización do Medulio no Courel
  6. André Pena Graña, 31:10
  7. A monarquía asturiana. Editorial prensa asturiana, páxina 23

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Schulten,Adolf (2000), Los Cántabros y Astures y su guerra con Roma., Santander.
  • Sanchez Albornoz, Claudio (2001), El Reino de Asturias. Origenes de la nación española., Oviedo.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]