Artai

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Artai, interpretado por unha intelixencia artificial.

Artai,[1] segundo a mitoloxía galega, é o fillo maior de Brigo, o primeiro poboador de Galicia.[2] As lendas din que el foi o fundador do pobo dos ártabros, que se espallaron polas mariñas betanceiras cara ao Cabo Fisterra, e que lle deu nome á vila de Arteixo. Tivo unha filla chamada Celt, proxenitora da raza celta.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Benito Vicetto, na súa Historia de Galicia, afirma que «a figura de Artai é a primeira, despois da de Brigo, que descubrimos entre as brétemas do tempo. Figura bela na antigüidade, talvez a personificación completa da raza máis pura das nosas montañas, a raza ártabra». Segundo Vicetto, «Artai distinguiuse desde a súa mocidade polas súas relevantes cualidades. De neno, vadeaba as profundidades dos ríos, nadando cunha velocidade admirable. De home, arroxábase ao mar desde os penedos da costa coa maior intrepidez, e burlaba a furia das ondas bramadoras dunha maneira abraiante. En todos os perigos, en todas as desgrazas que ocorrían nas beiras do noso mar de ondas traidoras, Artai era unha especie de Providencia que todo o remediaba, salvando aos que, vítimas da súa imprudencia ou ignorancia, adiantábanse demasiado nos areais da costa. Os seus feitos dignos de aplauso e de admiración hai que buscalos nas marxes do océano, onde pasaba os días nadando ou pescando. No primeiro ninguén lle avantaxaba, nin no segundo tampouco, pois ningún como Artai dábase mellor traza para encher os seus cestos de vime cos peixes máis exquisitos». Este autor tamén asegura que «a primeira idea da navegación nas nosas enseadas está personificada en Artai», pois «foi o inventor das primeiras barcas que houbo nas costas de Galicia, que eran de vime forradas con coiro».[3]

Antropónimo[editar | editar a fonte]

Artai é un antropónimo masculino galego de orixe celta-galaica. En España había un total de 173 persoas con este nome o 1 de xaneiro de 2015, distribuídas en Galicia (142: 61 na Coruña, 17 en Lugo, 15 en Ourense e 49 en Pontevedra), Barcelona (7), Madrid (6) e 18 repartidos por outras provincias.[4] A idade media era 7,8 anos. A provincia con maior porcentaxe era A Coruña.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 >Xunta de Galicia (ed.). "Ímoslle chamar..." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2018. Consultado o 13 de xuño de 2017. 
  2. "Que o seu nome sexa propio – Apego.gal". apego.gal. Consultado o 22-7-2016. 
  3. Vicetto, Benito (1865). Historia de Galicia. Tomo I. Nicasio Taxonera. 
  4. "Instituto Nacional de Estadistica". www.ine.es. Consultado o 22-7-2016.