Unicornio
- Para a antiga moeda escocesa de ouro, véxase unicorn
| Unicornio | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
|
Instancia de
| |||||||
|
Subclase de
| |||||||
| Obra | |||||||
| |||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||
O unicornio[1] ou alicorno[2] é unha criatura mitolóxica representada decote coma un cabalo branco, con patas de antílope, barba de chibo, e un único corno na súa fronte. Trátase dun animal fabuloso protagonista de numerosas historias e lendas. Así, na Idade Media estaba considerado coma un animal marabilloso capaz de derrotar ao elefante, símbolo de poderío. Ademais, dicíase que co seu único corno podían purificarse as augas contaminadas para volvelas potábeis e curar enfermidades.[3]
Antecedentes
[editar | editar a fonte]As primeiras versións do mito do unicornio son de Ctesias, médico e historiador grego do século V a. C., e datan do ano 400 a. C., no tempo das súas expedicións á India. Ctesias describiuno coma un animal silvestre da India coa aparencia dun cabalo, pero co corpo albo, a cabeza púrpura e os ollos de cor azul intensa. O corno desta prodixiosa besta, segundo a descrición de Ctesias, era negro coa punta vermella e a base branca, e tiña propiedades medicinais que permitían sandar problemas estomacais, epilepsia ou envelenamentos.
Simbolismo
[editar | editar a fonte]O unicornio aparece nos bestiarios medievais baixo o nome de monoceros.[4] Os Bestiarios describen diferentes animais reais xunto a animais imaxinarios, como o unicornio, e completan a descrición -moitas veces errónea- cunha reflexión moral sobre o que simboliza cada animal. Neste caso fano semellante a un macho cabrío.
No caso do unicornio, críase que representaba a Cristo, tal como afirmaban autoridades do cristianismo como san Ambrosio (século IV) ou san Isidoro (século VI - VII), baseándose na morfoloxía do animal:
- O seu aspecto, similar a un macho cabrío, representaría a Cristo feito a semellanza do pecado carnal.
- O seu pequeno tamaño viría dado pola humildade de Cristo cando asume a natureza humana.
- o seu único corno simbolizaría a unidade de Cristo co Pai.
- O sistema de caza, coa cabeza do animal pousada sobre o ventre dunha doncela virxe, aludiría á encarnación de Cristo no ventre de María.
Pero tamén se queren ver semellanzas no seu comportamento. Parece ser que era un animal tan esquivo que resultaba imposible darlle caza,[5] salvo que se utilizara a seguinte argucia: unha doncela virxe esperábao sentada nun claro do bosque. O unicornio, atraído pola súa pureza,[6] achegábase e deitábase no seu colo, e só nese momento os cazadores podían matalo ou capturalo; outras versións din que, nese estado, a doncela acariñábao e podía levalo docilmente ata o palacio. Nesta forma de captura víase unha similitude con Cristo apresado a traizón polos xudeus e posteriormente sacrificado.
O corno do unicornio era un eficaz antídoto contra toda clase de velenos e, especialmente, contra o arsénico. A lenda conta que os distintos animais do bosque reuníanse ó redor de ríos e fontes para beber pero, como as augas podían estar envelenadas polo dragón, esperaban a que chegara o unicornio. Este entraba na auga e metía nela o corno, ou ben facía sobre ela o sinal da cruz, e a auga quedaba purificada para que puidesen beber todos.

Por esta propiedade, o unicornio é un dos símbolos da farmacia, como representación da curación e rexeneración. Foi adoptado pola monarquía británica e forma parte do escudo do Reino Unido, xunto ó león. Desde o século XVII tamén está representado no escudo oficial da Society of Apothecaries inglesa.[7]
Pero á vez que símbolo de Cristo, tamén se interpreta como a personificación do Demo,[8] que é vencido pola castidade da doncela. Tamén se ve na atracción do unicornio pola doncela un simbolismo sexual.

Idade Media
[editar | editar a fonte]
Na Europa medieval, os viquingos procedentes da súa colonia en Groenlandia comercializaban dentes de narval, aos que facían pasar por cornos do unicornio.[9] Críase que estes supostos cornos tiñan poderes máxicos, entre outros, a capacidade de curar envelenamentos e a melancolía,[10] e por isto eles e outros comerciantes de orixe nórdica ás vece cobraban por estes cornos o seu peso en ouro.[11]
Os dentes usábanse para facer copas, xa que se cría que podían neutralizar calquera veleno que estivese nunha bebida. Estas crenzas aínda perduraon plenamente entrado o Renacemento e así, cóntase que, durante o século XVI, a raíña Isabel I de Inglaterra adquiriu un dente de narval tallado e con xoias incrustadas polo que pagou 10 000 £,[10] (que en 2007 terían un valor que oscilaría entre 1,5 e 2,5 millóns de £).[12]
Decadencia do mito
[editar | editar a fonte]
A verdadeira orixe destes dentes foi desvelándose gradualmente durante a era dos descubrimentos, nos séculos XV e XVI, cando exploradores e naturalistas empezaron a visitar o Ártico. O primeiro en mencionar dalgunha forma o narval foi o escritor e eclesiástico sueco Olaus Magnus, que na súa principal obra, Historia de gentibus septentrionalibus, escrita en 22 libros sobre a xeografía, tradicións, costumes, asuntos eclesiásticos e xurídicos dos pobos escandinavos e publicada en 1555 en Roma, describe un animal chamado monoceros do que di que é "un monstro mariño que ten na súa fronte un gran corno, co que podía esnaquizar barcos e destruír moitas persoas".[13]
Pero aínda no século XVIII se escribían cousas como esta, referida ao Museum Museorum (O Museo dos Museos):[14]
Museum Museorum ou teatro completo de todos os medicamentos e especias, coa maneira dos elixir, as súas calidades distintivas, a súa utilidade e o seu emprego, tomadas dos museos e as tendas de especias, de obxectos de arte e de historia natural, das descricións das viaxes ás Indias orientais e occidentais, as recompilacións curiosas de observacións meteorolóxicas, as obras de naturalistas e médicos, e na súa propia experiencia, dirixida para o uso da xuventude das escolas, os drogueiros, os farmacéuticos, o inspectores de farmacia, así como outros artesáns tales como xoieiros, pintores, tintureiros etc...Páxina "licornio" publicada en Frankfurt por Michele Bernardo Valentini.(1701)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para unicornio.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para alicorno.
- ↑ Browne, Thomas (1646). "Book 3. Chapter 23.". Pseudodoxia Epidemica.
- ↑ El Fisiólogo, px. 107, e comentarios de Nilda Guglielmi nas pp. 163-166 (nota 169).
- ↑ Ata tal punto era esquivo e salvaxe que non quixo seguir a Noé ó interior da Arca de Noé e por iso morreu afogado, o que explica a súa extinción.
- ↑ De feito, o unicornio tamén é símbolo da pureza e da virtude da castidade.
- ↑ Equivalente ó noso Colexio Oficial de Farmacia.
- ↑ El Fisiólogo, px. 164.
- ↑ Ocultopedia. "Unicorn" (en inglés). Consultado o 12 de outubro de 2010.
- ↑ 10,0 10,1 American Museum of Natura History. "Unicorn West and East" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2010. Consultado o 20 de agosto de 2013.
- ↑ Ross Piper (2007). Extraordinary Animals: An Encyclopedia of Curious and Unusual Animals (en inglés) (1 ed.). Greenwood. p. 320. ISBN 0313339228.
- ↑ MeasuringWorth.com (2010). "Purchasing Power of British Pounds from 1264 to 2007" (en inglés). Consultado o 11 de outubro de 2010.
- ↑ Odell Shepard (1956). The Lore of the Unicorn. Harper and Row Publishers. p. 260. ISBN 0091851351.
- ↑ La licorne / The Unicorne (en francés) (en inglés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Anónimo: El Fisiólogo. Bestiario medieval, Edición de Nilda Guglielmi. Ediciones Eneida, Madrid 2002.