Lobishome

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lobishome
Loup garou.jpg
Un gravado do século XIII, que mostra a un lobishome devorando unha moza.
Outros nomesLicántropo
OrixeMitoloxía grega

Un lobishome[1], tamén coñecido como licántropo (do grego: λύκος, «lobo», e άνθρωπος, «humano»), é, nas mitoloxías, lendas e folclores, principalmente da civilización europea, un humano que posúe a capacidade de transformarse, parcial ou totalmente, nun lobo ou nunha criatura antropomorfa próxima a este.

Esta transformación pode deberse a varias causas, coma unha imprecación ou ritual voluntario, ou, máis recentemente, pola mordedela ou rabuñada dun lobo ou licántropo. Adoita activarse durante as noites de lúa chea, condenando ao lobishome a vagar coma un lobo ata a mañá. As historias de licántropos menciónanse por primeira vez na mitoloxía grega, e, logo de chegar a moitos países europeos, estendéronse por todo o mundo. Estas criaturas descríbense principalmente como seres malignos que posúen habilidades tanto de lobo como de humano, unha forza colosal e unha gran ferocidade, xa que son capaces de matar a un gran número de persoas nunha soa noite. Rara vez lembran as súas andadas nocturnas despois de tornar á forma humana.

Exceptuando o emprego de cirurxía e a utilización de traxes ou disfraces, a transformación física dos homes en lobos é imposíbel. Con todo, moitas persoas, incluídos eruditos, creron nela durante séculos e, ás veces, esta crenza aínda persiste. Na actualidade, a licantropía recoñécese cientificamente coma un síntoma de enfermidade mental na que a persoa cre que se transformou en lobo. A este trastorno déuselle o nome de licantropía clínica.

Características[editar | editar a fonte]

A palabra vén do latín hominem lupum 'home lobo'. Esta figura mítica podería estar relacionada coa enfermidade mental chamada kynanthropos ou lykanthropos nosos, estudada xa polo médico do tempo de Hadriano, Marcelo de Side.

Na crenza popular as metamorfoses obedecen a diferentes motivos: á maldición do pai, a ter nado o 24 de Nadal, noite do nacemento de Cristo ou a ser o sétimo fillo home (noutras versións, o noveno). Tamén existe a tradición que sinala que un matrimonio que teña sete fillas, e ningún home, ten a obriga de entregar a súa filla, que se converterá en peeira dos lobos; tamén pode caer a fada por envexa, bruxería ou meigallo que lle fagan a un, ou por unha soberbia que botase el mesmo.

O lobishome de noite cámbiase en lobo de distintos xeitos. Os primeiros síntomas da doenza preséntanse en forma de fonda tristura. A seguir, nun día determinado, xeralmente un venres ás doce da noite, foxe da casa e prodúcese a transformación. Fai entón toda clase de ruindades e crimes, especialmente con seres humanos. Namentres anda de lobo, non hai pau, nin pedra, nin arma branca, nin bala que o poida ferir.

Pódese crebar a mala fada de varios xeitos: facéndolle sangue; quitándolle a pel de lobo que leva e, principalmente, queimándolla; sorprendéndoo e descubríndoo cando se envorca na poeira.

O máis corrente é que o lobishome soamente ande convertido en lobo por tempadas, ou polas noites, ou durante certos días, e a fada pódelle durar máis ou menos anos.

Do lobishome correron por Europa centos de historias e casos que deron lugar a causas por bruxería e a escritos de moitas sortes. Na literatura clásica aparece, coma máis citado, o caso do rei Licaón de Arcadia, convertido en lobo por Zeus, por lle dedicar sacrificios humanos, ou por Hera, en vinganza dos amores de Zeus con Calisto, filla daquel rei. O caso de Rómulo e Remo aseméllase ao dos peeiros dos lobos.

Onde foi máis corrente a crenza é nos pobos xermánicos. Unha historia típica é a do cabaleiro que vai de caza, persegue a unha loba e chega a lle cortar unha das patas de diante; de volta ao seu castelo, atopa a súa muller cun brazo cortado e botando sangue.

Galicia[editar | editar a fonte]

Ilustración representando un lobishome, segundo unha intelixencia artificial.

En Galicia a tradición sinala que se un matrimonio ten sete ou nove fillos homes sen que nacese femia ningunha polo medio, o último queda marcado polo estigma da fada, converténdose en lobishome, foxe para o bosque por un período de sete anos (aínda que segundo as zonas pode variar entre seis e nove anos), e nese tempo non pode ser ferido nin capturado. Con todo, na tradición galega tamén existe o neno que nace xa cos síntomas do lobishome e que padece ciclicamente os síntomas.

Un dos casos máis coñecidos de lobishome foi Manuel Blanco Romasanta, o lobishome de Allariz.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lobishome. 
Lobishome (Lucas Cranach, 1512). 
Canis lupus, lobo

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lobishome.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

O lobo da xente, Novela de Vicente Risco.