Mouro (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilustración representando un mouro, segundo unha intelixencia artificial.
Castelo dos Mouros en Sintra, Portugal.

Os mouros eran un pobo de criaturas sobrenaturais presentes en mitos e relatos estendidos polo norte da Península Ibérica (Galicia, Asturias, León, Zamora e Norte de Portugal), e presentados como non bautizados e pagáns, que noutro tempo tamén eran coñecidos como xentís. Os homes eran escuros e en ocasións deformes, e as mulleres eran fermosas feiticeiras rubias e de cute branca, aínda que nalgúns relatos populares asócianse coa aparencia de vellas bruxas e meigas.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O filólogo Isodoro Millán defende que o termo mouro procede do celta mrvos afín ao termo indoeuropeo mr-tuos, de onde procede tamén o latín mortuus. Isto relacionaría os mouros con razas xa desaparecidas, mortos.

Lenda[editar | editar a fonte]

Nos relatos os mouros aparecen como construtores e habitantes de mámoas, túmulos funerarios, castros, minas romanas e por extensión todo tipo de ruína con orixes inmemoriais, coma os castelos medievais ou algúns pazos do século XVII con entradas en forma de arcada. Nalgúns relatos os mouros e mouras aparecen como custodios de fabulosos tesouros, que constitúen a orixe da riqueza de varias familias.

Co paso do tempo estas criaturas pagás foron relacionadas á presenza musulmán na Península Ibérica, e moitos relatos asomen que chegaron cos invasores do norte de África. Tamén hai relatos, aínda que menos numerosos, que os relacionan con outro tipo de invasores (viquingos, franceses etc.), que permanecerían acochados trala retirada dos seus compañeiros.

Á parte de lendas populares e mesmo relatos literarios, os mouros aparecen en varios topónimos galegos, normalmente sinalando a presenza de castros, mámoas ou outro tipo de antigas ruínas.

Ama de cría dos Mouros[editar | editar a fonte]

Lenda na que unha muller é requirida polos mouros para lle dar de mamar a un dos fillos deles[1]. Non existe perigo nesta acción agás se se cometen erros ou indiscrecións, como no caso do castro de Pedrouzos de Melide. Un mouro preséntase á muller con porte de señor e convéncea para que lle dese de mamar ó seu fillo. Ela deulle o leite e, cando rematou, o señor pregoulle que lle pasara polos ollos ó neno mouro unha untura que tiña preparada. Ela fíxoo e, sen se decatar, levou a man untada á cara quedándolle algo nos ollos. No día da feira, a muller viu ó mouro e fixo por chamalo pero el non lle respondeu. Cando ó día seguinte volveu dar de mamar á criatura do mouro, preguntoulle este:

Con que ollo me viches na feira?

Ela díxollo e perdeu o ollo, pois o mouro arrincoullo de contado. A untura que puxera por erro permitía ver os encantos, e na feira ninguén máis vira ó mouro.

Ana Manana[editar | editar a fonte]

Moura encantada condenada a vivir nunha fonte que leva o seu nome, nuns penedos próximos ó Pozo Meimón, no río Miño, nas proximidades de Ourense. Sábese que é moi fermosa e que viste de branco.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]