Apalpador

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Apalpador
Apalpador - IA Midjourney versión 1.png
Ilustración representando o Apalpador nas montañas dos Ancares, segundo unha intelixencia artificial.
Lugar de nacementoO Courel
Ocupacióncarboeiro
Na rede
https://www.apalpador.gal/
Facebook: oapalpador.docourel Twitter: apalpador Pinterest: apalpador Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

O Apalpador, Apalpabarrigas ou Pandigueiro é a figura mítica dun xigante carboeiro, ligado á tradición do Nadal do que existen testemuñas nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares,[1] aínda que se está a recuperar en toda Galicia.[2] O Apalpador baixa a noite do 24 ou 31 de decembro[1] segundo a zona, para visitar os nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas, eventualmente algún regalo e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurándolles "así esteas todo o ano".

Cantigas populares[editar | editar a fonte]

Existen diversas cantigas populares arredor do personaxe:

Vaite logo meu ninín / miña neniña,
marcha agora pra a camiña,
que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña.
Mañá é día de cachela
que haberá gran nevarada
e vai vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.[3]

Recuperación[editar | editar a fonte]

Representación do Apalpador nunha concentración de Queremos Galego no 2012, acompañado de Carlos Callón cando era presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

O traballo de recuperación desta figura comezou en 2006, coa publicación[4] no Portal Galego da Língua dun traballo de José André Lôpez Gonçâlez. Un ano despois, a asociación compostelá A Gentalha do Pichel anunciou que comezaría a promover esta figura procurando a súa recuperación e normalización,[5] utilizando como elemento central unha representación deste personaxe realizada polo artista Leandro Lamas. Logo da súa recuperación publicáronse numerosos libros sobre a materia e o Apalpador está presente desde en campañas publicitarias ata produtos de merchandising.

No Bierzo galegofalante existía tamén o costume da Apalpadoira,[6] unha tradición que con ese nome ou o da Apalpadora está tamén nun proceso de recuperación en Galicia.

Nomes[editar | editar a fonte]

O mesmo costume tense rexistrado na Terra de Trives, aínda que aquí recibe o nome de Pandigueiro.

Na zona de Monforte de Lemos é coñecido baixo o nome de Apalpabarrigas.

En Écija, en zona de repoboación galega após a conquista cristiá, manteñen tamén unha figura similar chamada Tientapanzas, que foi recuperada polos veciños da localidade e é paseada cada Nadal por esa vila andaluza.

Taboada Chivite recolle[7] só o ritual propiciatorio de apalpar a barriga dos nenos na noitevella, que recibe así o nome de "noite de apalpadoiro".

Segundo algunhas interpretacións históricas e etnográficas,[8] este ritual podería ser reminiscencia e estar relacionado tamén coa práctica de realizar presaxios examinando o ventre das persoas realizada polos arúspices lusitanos, chamada hieroscopia, e narrada por Estrabón[9] hai máis de dous mil anos.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Efixie do Apalpador na praza de Teixeiro, 2020. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Lôpez Gonçâlez, José André, O Apalpador: personagem mítico do natal galego a resgate, revista Vagalume da Asociación Galega Corredor del Henares, 2001, consultable tamén en Portal Galego da Língua (.pdf).
  2. O Apalpador revive en Lugo y sale a palpar las barrigas de los pequeños, El Correo Gallego, 3/1/09.
  3. Lôpez Gonçâlez, José André (2008). O Apalpador: personagem mítico do natal galego a resgate (PDF). Portal Galego da Lingua. 
  4. "O Apalpador: Personagem Mítico do Natal galego a resgate", noticia no Portal Galego da Língua Arquivado 14 de xuño de 2010 en Wayback Machine. Consultado o 8 de febreiro de 2010.
  5. "A Gentalha do Pichel recupera o Apalpador, figura mítica do Natal Galego", noticia no Portal Galego da Língua Arquivado 15 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. Consultado o 8 de febreiro de 2010.
  6. "A Apalpadoira tamén existe". Nós Diario. 30 de decembro de 2020. 
  7. Taboada Chivite, Xesús, La Navidad gallega y su ritualidad, en Ritos y creencias gallegas, Gráficas Magoyo, Rioja 1, A Coruña, 1982
  8. Galíndez, Andregoto (2012-12-25). "Arqueotoponimia: El Apalpador y los arúspices lusitanos". Arqueotoponimia. Consultado o 2022-08-20. 
  9. Estrabón, Estrabón III 3, 6-7

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]