Monte da Zapateira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°18′26″N 8°24′38″O / 43.307174050678, -8.410534585017

O monte Xalo visto dende os altos da Zapateira.

A Zapateira é un monte de 236 metros de altitude[1], no límite dos concellos da Coruña, Culleredo e Arteixo.

Historia[editar | editar a fonte]

No monte da Zapateira descubriuse un campo de mámoas e restos megalíticos do ano 3000 antes da era actual[2]. Hai 33 mámoas catalogadas nunha zona de chaira duns 2,5 km². A zona estaba delimitada ao sur polo rego de Trabe, ao norte polo rego do Castro (afluente do Trabe) e de leste a oeste dende Vilaboa-Rutis ata Uxes cara a Arteixo. Outro destes camiños prehistóricos ía dende o castro de Elviña ata o monte Xalo. Este camiño empregouse ata o século XIX como camiño de carro. Actualmente existe unha parte del como pista forestal e boa parte do mesmo atravesaba polo actual Campo de golf da Zapateira.

As 33 mámoas estaban agrupadas por zonas[3]:

  • Fonte do Ouro, 10.
  • Leira do Cachafeiro, 4.
  • Montes da Zapateira, 4.
  • Leira de Folla (hoxe campo de golf da Zapateira), 5.
  • Monte das Arcas, 3.
  • Monte de Orro, 2.
  • Monte Aberto (preto do castro de Elviña), 3.
  • Monte de Cambás, 2.[4]

As mámoas de menor tamaño medían uns 10 metros de diámetro, mentres que a maior, 35 metros de diámetro e 5 metros de alto. As escavacións comezáronse en 1935 pola iniciativa de varios membros da sociedade Amantes del Campo, entre os que estaban Francisco Vales Villamarín, Inocencio Pardo Aburto, Enrique Monteagudo García, Manuel Insua e Luís Monteagudo. Xa entón tódalas mámoas foran espoliadas para reutilizar as pedras. En 1976 escavouse a última delas, situada dentro do campo de Golf. Fora empregada en 1972 como saída do burato 1 e en 1974 pasou a ser a saída do burato 3. A escavación de urxencia foi dirixida por Luís Monteagudo antes da súa destrución[5].

Lugar residencial[editar | editar a fonte]

Vista da urbanización Altamira.

Situada no límite do concello da Coruña e cunhas comunicacións por estrada un tanto precarias, A Zapateira tívose durante moito tempo por un lugar afastado da cidade malia estar relativamente preto da súa principal estrada de acceso, a Avenida do Alcalde Alfonso Molina, que liga coa Autoestrada do Atlántico.

A Zapateira como lugar residencial e de ocio ten a súa orixe no ano 1961 coa construción do campo de golf na Leira de Folla cando en España só había 15 campos de golf. Franco foi usuario diario das instalacións durante os veráns de 1964 ata 1974[6]. Polo club de golf pasaron persoeiros de toda España e o estranxeiro. No 1974 o Sporting Club Casino, daquela simplemente Casino de La Coruña, adquire na zona uns terreos nos que se constrúe un complexo de ocio e deporte para os membros da sociedade[7].

A principios dos anos 2000 Fadesa iniciou a construción da urbanización Altamira no monte da Zapateira: un grupo de vivendas unifamiliares e edificios de vivendas de clase media-alta. A urbanización supuxo un traslado de tódolos servizos a unha nova zona de crecemento do concello coa aparición de máis urbanizacións nos arredores nos anos sucesivos, como Valaire, Ultreya, Breogán, O Carón ou Obradoiro. Hai moitos outros terreos urbanizables que hoxe se presentan como soares abandonados mais acondicionados con tódolos servizos para a construción neles.

O monte[editar | editar a fonte]

Os montes da Zapateira aínda manteñen parte do seu pasado como explotacións forestais e de caza. Forma parte da zona de plantacións de grandes eucaliptais entre devasas e liñas eléctricas. O monte é un TECOR e zona de caza todo o ano.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Luís Monteagudo, Necrópolis de Mámoas de A Zapateira (A Coruña). Anuario Brigantino.

Outros artigos[editar | editar a fonte]