Felo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Felos nunha aldea de Maceda.

O felo é o traxe característico do Entroido de Maceda; é similar aos peliqueiros de Laza e aos cigarróns de Verín. A palabra felo ven da palabra xermánica fillon, semanticamente indica que pode azoutar e, por outra banda, é un sinónimo de máscara. Expresións utilizadas como por exemplo <<aí che ven o felo>>, emprégase para asustar os nenos e nenas. Tamén dicir <<vas feito un felo>>, utilízase para sinalar o escarnio ou a fealdade do aspecto externo.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

A súa orixe áchase no corazón do San Mamede. No Val do Medo houbo grupos tribais, sociedades de máscaras, megalitismo e cultos zoolátricos. As orixes da máscara remóntanse ás festas pagás da Protohistoria: sociedades tribais, tótems, feitizos de fecundidade e caza, ritos de iniciación e afastamento de espíritos malignos e as hedonistas da Roma Imperial coa demografía castrexa e a Vía Nova.

Descrición máscara e traxe[editar | editar a fonte]

Traxe dos felos.

Os felos de Maceda seméllanse (aínda que con elementos externos diferenciados) na vestimenta aos peliqueiros de Laza e aos cigarróns de Verín.

Os felos levan medias negras, antes tamén adoitaban utilizar medias brancas. Os calcetíns sempre son brancos e van por riba das medias de cor negra. Levan botas altas ou zapatos negros e antes incluso polainas, debido a que coa choiva xerábanse moitos charcos. Utilizan aneis, colares ou medallas familiares como por exemplo dunha irmá, moza ou curmá. Levan unha camisa de cor branca e enriba dela visten unha gravata cunha chaquetiña media dourada, cinguida e ben agarrada ao corpo. Esta chaqueta é estilo toureira, con flocos e algo de ombreira. Para finalizar, colocan un pano amplo en pico de vivas cores.

O pantalón que os felos levan vai cheo de perillos brancos e de estame. Estes son coma un calzón cuns perillos de cores e sempre se ten que levar por riba dos xeonllos. Tamén levan cinco ou seis chocas, ou choclas, metidas nun cinto. Pesan moito, sobre un quilogramo cada unha. Colócanse na parte posterior da cintura. Debaixo das chocas ponse unha colcha ou saba dobrada facendo de faixa para que non lles manquen tanto. Para rematar, os felos portan un caxato que simboliza unha arma intimidatoria. O caxato conforma unha das particularidades iconográficas dos felos de Maceda.

Finalmente, a máscara. Hainas con diversos animais. Nelas sempre vai pintado un animal que impoña ou que sexa agresivo. A carauta faise de bidueiro ou ameneiro das ribeiras da contorna de Maceda, cun sorriso retranqueiro e provocador, con mestas cellas e pestanas, meixelas coloradas, bigote negro, beche mouro, nariz xeneroso, dentes brancos e barba, ben de lebre, ben de coello, que representa a virilidade máis fidedigna. No alto da carauta levan unha rabeira de raposo e a traseira revestida de pel de ovella ou coello.

Os felos impoñen e dan medo, mesmo arrepío nos máis novos e novas e xente de fóra que se achega ao Entroido de Maceda. A xente pode atacalos verbalmente para provocar e tamén insultar, pero endexamais tocar nin tentar sacarlle a carantoña, porque iso transgrede as normas e son a autoridade nestas datas.

Percorrido dos felos pola serra[editar | editar a fonte]

Nena e neno camiñando vestidos de felos.

O sábado e domingo de Entroido os felos percorren todas as aldeas da serra e a xente espéraos na rúa para recibilos. O sábado saen desde a Dilixencia ás nove e media da mañá. Pasan ás dez por Pías, ás once menos cuarto por Outeiro de Escuadro, ás doce menos cuarto por Santirso, ás doce en punto por Xinzo da Costa, á unha menos cuarto por Vilar; ata a hora da comida e o xantar é no mesmo sitio. Despois de comer ás catro da tarde van por Barxela, ás cinco por Tioira e por lugares da parroquia. Logo ás sete e media pasan por Arnuíde e ás oito percorren Maceda. Para finalizar, ás dez da noite fan a cea na Dilixencia. Despois de cear saen cara a Ourense e chegan ás doce da noite. Unha vez alí percorren dende o parque de San Lázaro ata a praza maior. Finalmente, ás cinco e media da mañá terán a saída do autobús de regreso.

O domingo os felos percorren aldeas como: Pías, Castro de Escuadro, Santirso, Xinzo da Costa, Celeirón saíndo pola tarde a Barxela, Vilardecás, Carguizoi, Sarreaus, e Tioira.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]