Meiga chuchona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilustración representando unha meiga chuchona, segundo unha intelixencia artificial.

A meiga chuchona é unha figura mítica do imaxinario popular galego que dá orixe a unha lenda tradicional que se coñece co mesmo nome.[1] De acordo coa lenda, a meiga chuchona entra ao empardecer o día nas casas onde hai cativos para lles chuchar o sangue, motivo que os fai enmagrecer até quedar co corpo mirrado. Existe unha versión cinematográfica de 2006 a cargo de Pablo Millán[2].

A meiga chuchona na literatura[editar | editar a fonte]

Rosalía de Castro refírese á meiga chuchona no seu poema Airiños, airiños, aires[3].

cal si unha meiga chuchona

a miña sangre bebera
Voume quedando muchiña

como unha rosa que inverna

Así mesmo, Vicente Risco, refírese a ela na súa novela curta Galamandalfa, escrita en castelán e recollida nas súas obras completas[4]:

¡Adiós hijo querido, que te comió la sangre esta meiga chuchona, esta loba, esta mal casada, que se ha de condenar en el infierno: loba, loba, que me lo dejó seco como una sardina asada, que no me le dejó una gota de sangre en su cuerpo!

Características[editar | editar a fonte]

Atribucións[editar | editar a fonte]

A desnutrición foi un problema habitual entre os campesiños galegos, especialmente grave entre os meniños, aos que debilitaba e consumía ata chegar, nalgúns casos, a producir a súa morte.[Cómpre referencia] Esta situación recibiu distintas denominacións: tangaraño ou enganido, coma máis comúns, e é o que actualmente se designaría como raquitismo. Adoitaba atribuírse a distintos poderes máxicos, coma un mal de ollo, unha sombra maligna que acababa con eles (de aí o nome de asombramento) ou aos efectos dunha meiga chuchona.

Coa probe criatura
correron o antroido, fixeron o diaño,
os pais, os veciños,
a espalda da ciencia i en nome dos santos.
Con tales securas
morreu consomido, viviu desecado,
un ser co que poido
o iodo con ferro facer o milagro.
("O Tangaraño", Lamas Carvajal)

Proteccións contra as meigas[editar | editar a fonte]

Para evitar as meigas, e a consunción dos cativos, había a crenza de que podían empregarse diferentes remedios, coma atarlle no pulso ou poñerlle ó pescozo distintos amuletos (un corno de vacaloura, unha figa, un dente de allo) ou os denominados rescritos (papeis con oracións en latín dentro dunha bulsa dos atavíos). Cos mesmos efectos protectores, o dente de allo pode levalo a nai no peto cando leva o meniño ao colo.

Unha vez comezada a enfermidade, cando xa o meniño foi vítima da meiga chuchona, recorríase a outras prácticas pretendidamente curativas: queimar nunha encrucillada uns pelos do rapaz, nunha noite de lúa chea. Tamén, atarlle as dedas de mans e pés cunha cinta e saír con el a un camiño despois das 12 da noite, para pedirlle ao primeiro camiñante con quen se atope que corte a cinta: Homiño que vén á ventura, desenquirquílleme esta criatura.

Na Arnoia ataban o enfermo nunha cruz de madeira que espetaban nunha encrucillada, e pedían ao primeiro que pasase que cortase as cordas, o que debía facer en completo silencio.

Outro remedio consiste en pasar tres veces o rapaz enfermo, entre dúas Marías, a través do oco dun carballo ou dunha cerdeira (abertura que algunhas veces se facía á mantenta, abrindo o tronco ao longo desde o pé e uníndoo de novo a certa altura. Ao rematar deixábanse as roupas do meniño nas pólas da árbore e vestíano con roupas novas.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]