Orcavella
| Orcavella | |||||
|---|---|---|---|---|---|
|
Instancia de
| |||||
|
Parte de
| |||||
| |||||
| Wikidata |

Orcavella, tamén escrito Orcabella ou Orca Vella, é unha personaxe fantástica da mitoloxía galega con forma de muller con poderes extraordinarios e gran crueldade.[1][2]
Características
[editar | editar a fonte]Un viaxeiro navarro do século XVI chamado Julián Íñiguez de Medrano, escribiu na súa Silva curiosa (publicada en París por Nicolas Chesneau, en 1583)[3] o relato que lle contou un pastor mentres peregrinaba a Fisterra, quen a describe como "unha muller bárbara, vella e fea, que chegou a Galicia en tempos de guerra cos mouros e os pagáns".[1] Dise que podía matar só coa ollada ou rozando coa man a calquera ser vivo. Devoraba nenos e tamén se podía facer invisible.[1] Viviu 176 anos e deixou medio reino de Galicia despoboado pola súa voracidade.[3]
Cansa de vivir, retirouse a unhas penas (preto de Fisterra) nas que escavou a súa sepultura coa axuda dun pastor que tiña encantado. Antes de cubrir o sartego cunha enorme laxe, espiuse e abrazando o pastor, meteuse na sepultura deitada enriba del. Despois fixo caer a laxe sobre os dous corpos. O pastor pediu con grandes berros que o viñesen valer, pero os seus compañeiros nada puideron cando viron que o sepulcro estaba cuberto coa laxe e arrodeado de serpes.[3]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Hai varias hipóteses sobre o nome de Orcavella. Podería ser que o seu nome derive de arca, "tumba" ou que faga referencia ao seu carácter caníbal, ou sexa unha ogra ou unha orca.[1]
Mitos relacionados
[editar | editar a fonte]É común a outros mitos europeos como a Cailleach Bheur das Highlands de Escocia (unha bruxa horrible que representa o inverno), a Cailleach Bear de Irlanda e a Caillagh ny Groamagh da illa de Man. Todas elas son chamadas tamén "vellas".[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 5 (Cuba, Miranda & Reigosa 2022, pp. 181-182)
- ↑ Tebras, David das (2023-08-07). "Orcavella: la terrible criatura que asoló y aterrorizó Galicia". Fantasía celta (en castelán). Consultado o 2026-02-10.
- 1 2 3 "A Orca Vella de Fisterra: unha brutal lenda da noite dos tempos". manuelgago.org. 5 de outubro de 2008.